9354 días despois

Metido nunha burbulla. Así terías que ter pasado os últimos tres meses se che gusta o fútbol e es coruñés para non enterarse de que hai eleccións á presidencia do Dépor a semana que vén. Se non vives na Coruña quizais teñas idea pero non moi claro cales son as alternativas.

Este verán o Deportivo viviu unha das noites máis críticas dos últimos anos. Un partido a vida ou morte pero desta vez non no verde de Riazor. Foi no despacho dun coñecido bufete de avogados do Obelisco onde se xogou. Dun lado estaba a Asociación de Futbolistas Españoles (AFE) que reclamaba os soldos dos seus representados e na outra portería Augusto Joaquín César Lendoiro. O encontro resolveuse a menos dunha hora da data límite, algo que a moitos enfadou de maneira grave xa que de non chegar a acordo o Deportivo descendería aquela noite á Segunda B, e coa débeda existente a súa liquidación sería insalvable.

Viuse a un Lendoiro apagado, con menos forzas das outrora amosadas. A situación de chegar ao último día sen cumprir cos xogadores podería terse evitado. Debido a iso moitos pensaron en que un cambio no Deportivo era necesario. Os estatutos do club marcan que as lexislaturas son de cinco anos e ao final de cada un o consello terá que ser renovado ou reelixido. Este ano finalizaba a quinta consecutiva de Lendoiro á fronte do club e pouco a pouco comezaron a chegar as candidaturas que desexaban darlle outro rumbo á insignia da Coruña.

Moitos pensaron que un cambio no Deportivo era necesario.

O primeiro en dicir que se presentaba foi o ata o momento avogado do Deportivo, Germán Rodríguez Conchado e case á par Paco Zas, empresario coruñés e no seu pasado xogador do Fabril, chegando a xogar un partido co Dépor, tamén fixo oficial a súa candidatura. Lendoiro dixo que se ía presentar, aínda que tardou en oficializalo. Polo camiño quedaron outros posibles candidatos que amagaron con presentarse, caso do tamén empresario e sobriño político de Amancio Ortega, Juan Carlos Rodríguez Cebrián. Os últimos en unirse á carreira electoral foron Manuel López Cascallar como responsable do equipo autonomeado “O Dépor somos nós” e Tino Fernández Pico, presidente da consultora coruñesa Altia. Finalmente chegou a haber cinco candidatos.

Manuel López Cascallar | odeporsomosnos.com

Manuel López Cascallar | odeporsomosnos.com

Lendoiro foi o último en facer oficial a súa candidatura, que avogaba por dar un cambio de rumbo no seu quefacer. Ao ver que o voto ía quedar moi dividido e coa intención de non dividilo máis Paco Zas foi o primeiro en anunciar que non ía concorrer finalmente á cita do 21 e 22 de xaneiro. E non foi o único en abandonar antes de tempo. Tras vivir -e perder- a que será a asemblea ordinaria máis recordada da súa traxectoria Lendoiro anunciou no día de Noiteboa que non ía concorrer ás eleccións. 25 anos despois xa non seguiría á fronte do club que fixo grande, un dos nove que gañaron a liga española. Quedaban así tan só tres candidatos: Conchado, Cascallar e Tino.

Os tres tenores
Todo xira arredor de Lendoiro nestas eleccións. A súa sombra é moi grande. Un ata hai pouco era compañeiro de traballo, outro é un declarado admirador e o último recoñeceu que ata hai pouco sempre delegou as súas accións no de Corcubión cando houbo que tomar decisións. Todos loitan tamén por conseguir os votos que ía levar Augusto.

Tino recoñeceu que ata hai pouco sempre delegou as súas accións no de Corcubión.

Este domingo volta un dos ídolos da etapa gloriosa deportivista a Riazor, Juan Carlos Valerón, o eterno 21, ollo dereito durante moito tempo do ata o momento presidente. Cousas da vida coincide co último partido de Lendoiro sentado na butaca central da primeira fila do palco de autoridades. Agora que xa non dá guerra nas eleccións espérase que a súa despedida sexa positiva, e de feito todos os candidatos recalcan que, sen mirar os últimos exercicios, a súa etapa foi a mellor da historia do club cascarilleiro.

Tino Fernández Pico | vamosaganarestepartido.com

Tino Fernández Pico | vamosaganarestepartido.com

“Aínda que eu tamén critiquei a última parte da súa traxectoria debemos valorar todo o que fixo nos últimos 25 anos”, valora Manuel López Cascallar. Germán Rodríguez Conchado pola súa parte di que nunca se parou a pensar como despediría a Lendoiro pero que “non é necesaria unha despedida especial, vaise con tranquilidade despois de ter superado a xunta de acredores na que conseguiu que a quita non superara o 33%, vaise para a súa casa con tranquilidade e no recordo histórico de tódolos deportivistas ten que quedar sempre o bo”, ademais engade que o que conseguiu Lendoiro “os que temos unha certa idade é posible que non o volvamos a ver nunca máis”. Ao respecto Tino di que “merece obviamente un recoñecemento e non haberá acritude, pola miña parte, na despedida. Non é o meu estilo”.

Man a man

A asemblea ordinaria de decembro é o único baremo existente para saber como están as forzas respecto destas eleccións. Calcúlase que o Deportivo ten unhas 130.000 accións repartidas entre uns 23.000 accionistas. Os candidatos buscan atopar a estes accionistas ata debaixo das pedras para comprometer o seu apoio. Na asemblea de decembro Tino Fernández presentou arredor de 30.000 accións, fronte as 24.000 (en números redondos) do actual presidente. Foi unha gran mostra de forza do presidente de Altia, aínda que os outros candidatos non pediran delegacións para aquela asemblea.

Calcúlase que o Deportivo ten unhas 130.000 accións repartidas entre uns 23.000 accionistas.

Aínda que os tres candidatos aspiran realmente a gañar, a asemblea extraordinaria na que se escollerá o novo consello parece que será un man a man entre Germán Rodríguez Conchado e Tino Fernández Pico. Manuel López Cascallar comenta que o seu obxectivo é “que exista unha participación altísima, que o deportivismo se mobilice, porque creo que o momento así o require, tanto polo futuro do club, coma tamén pola situación que temos”, engade ademais que o que “espero é que a xente decida en conciencia ao mellor proxecto e ao mellor modelo que se presenta nas candidaturas, esquecéndose un pouco do que consideramos que son fogos de artificio”, en relación ás outras candidaturas.

Pola súa banda tanto Conchado coma Tino non ocultan que o seu único obxectivo é gañar as eleccións. Conchado di que non sabe cales son as súas posibilidades xa que tan só ten datos sobre a súa candidatura, polo tanto ata a asemblea do día 21 non se saberá a forza real da súa candidatura. Tino di que “confío en que o apoio ao proxecto de renovación que propoñemos sexa maioritario e será seguro superior ao da xunta de decembro”, o cal deixa supoñer que a superará as 30.000 accións que presentou en decembro.

Germán Rodríguez Conchado | germanrodriguezconchado.es

Germán Rodríguez Conchado | germanrodriguezconchado.es

O único claro é que o obxectivo dos tres é chegar a ter unha copia da chave do número 19 da Praza de Pontevedra. E os tres teñen claro cal sería a súa primeira decisión de entrar no primeiro piso do citado enderezo. Cascallar di que “o primeiro que faría sería convocar unha asemblea extraordinaria para suprimir o soldo do consello de administración e a dedicación exclusiva”. Conchado vai por unha vía máis bélica e aclara que o que faría sería instaurar unha “economía de guerra” que aclara dicindo que “todos os medios económicos, materiais e personais se dedicarán a potenciar o equipo para conseguir o antes posible o ascenso á primeira división que é a única forma de que o Deportivo poda saír adiante”. Por último Tino céntrase no asunto económico, principal pedra de toque agora mesmo xa que todo xira arredor deses 160 millóns de débeda. “O primeiro será negociar con Facenda. Creo que o máis importante é chegar a un acordo co que é o acredor principal nestes momentos”.

Un problema chamado Facenda

Ou un problema chamado Deportivo, se o miramos desde a outra perspectiva. Facenda somos todos rezaba unha campaña publicitaria hai uns anos, e polo tanto Facenda intenta velar por cobrar a maioría dos aproximadamente cen millóns de euros que lle endebeda o club herculino. Unha cifra similar ao que custou Gareth Bale ao Real Madrid pero moi difícil de xuntar para un equipo dunha cidade pequena de provincias.

Facenda ata agora amosouse coma un óso difícil de rillar. Lendoiro foi incapaz de chegar a un acordo con ela para o pago da débeda privilexiada (aquela que non está sometida a quita) e presentou unha proposta de convenio moito máis dura que finalmente non foi aprobada, en detrimento da proposta do Deportivo.

Lendoiro foi incapaz de chegar a un acordo con Facenda para o pago da débeda privilexiada

O candidato que sempre se mostrou máis disposto a negociar coa administración pública foi Tino Fernández. “Se pensase que o acordo con Facenda é imposible non estaría aquí. A información que temos é que os embargos retomaranse unha vez se peche o concurso de acredores pero esperamos ter, se chegamos á presidencia, unha oportunidade para negociar. Espero que escoiten a nosa proposta e confío en que o acordo será posible”, aclara o empresario coruñés.

Conchado non fala de cales son as súas propostas para facenda pero di que “eu defendo que Facenda ten que aplicar o principio de igualdade para todos os cidadáns. Facenda é un órgano do estado e como tal ten prohibida pola constitución e pola lei a arbitrariedade nos poderes públicos e polo tanto que poda aplicar ao Deportivo unhas condicións distintas ás que puido aplicar noutros casos con idéntica razón”. Por último Cascallar tamén se mostra optimista. “Eu son positivo, espero que se chegue a un acordo. Sobre todo porque se non se chega pareceríanos que Facenda non está actuando como se debería actuar. Espero que o acordo sexa factible pero tamén creo que o deportivismo se ten que mobilizar para conseguir influír ou ter algún tipo de peso neste tema”, aclara o diplomado en relacións laborais.

21 de xaneiro, é a data marcada no calendario dos tres candidatos. E tamén na dos milleiros de socios, accionistas e seareiros do deportivo. Ese día, no pavillón do colexio Santa María del Mar escollerase a quen deba guiar o Deportivo polo menos os próximos cinco anos. O Deportivo terá novo dirixente 9354 días despois. Alea jacta est.

Foto de portada: 13fotos | laopinionacoruna.es