Un mundial de clubs en Galicia
Imaxinan un mundial de fútbol cos mellores equipos dos cinco continentes xogado en Riazor e en San Lázaro? Hoxe en día soa case que a chiste, pero hai doce anos, no 2001, a FIFA e algún que outro presidente de fútbol teimou en facelo. E de feito o tema xa tiña un precedente, o do ano anterior no Brasil, con Real Madrid, Manchester United, Corinthians, Vasco da Gama e Necaxa mexicano entre outros.
O torneo, que non fora acollido con moito agrado polos clubs, disputárase durante dúas semanas a comezos de xaneiro, o que dificultaba a preparación da temporada para os equipos. Ademais a escolla das escuadras non era algo obxectivo, xa que era a FIFA quen escollía os equipos que o disputaban baixo as súas razóns, aínda que os participantes eran principalmente eran os campións das diversas copas continentais.

Freddy Rincón (Corinthians) levanta a copa de campeón | Foto: AP
Para o 2001, a FIFA decidiu cambiar o formato, invitando a catro equipos máis e xogándose os partidos na pretemporada, durante o verán, para así evitar romper ritmos de competición. As dúas sedes, tomando exemplo do ano anterior, serían Madrid, co Vicente Calderón e o Santiago Bernabéu, e Galicia, con Riazor e San Lázaro.
O torneo xogaríase en dúas sedes, Madrid e Galicia, sendo o Santiago Bernabéu, Vicente Calderón, Riazor e San Lázaro os estadios elixidos
A competición estaría dividida en tres grupos de catro equipos e para semifinais clasificaban os tres primeiros e o mellor segundo. En Galicia só xogaría un dos grupos, o composto por Boca Juniors, Wollongong Wolves (campión da Champions League de Oceanía) e Zamalek de Exipto (vixente campión da Recopa africana). Tódolos partidos serían xogados en Riazor, excepto o Boca Juniors-Zamalek da última xornada que se xogaría en San Lázaro para poder ser xogado á mesma hora que o partido de Riazor.

San Lázaro acollería un encontro da primeira fase. | Foto: fussballtempel.net
Xa estaba todo preparado: as datas, os lugares de encontro, incluso os árbitros escollidos para o torneo. Os clubes seguían sen estar moi dacordo en vir a España a xogar o torneo, pois moitos partidos ían carecer de interese e afluencia neste país e iso non interesaba. Para moitos equipos significaba rachar a pretemporada, para a cal aínda non tiñan dispoñibles todas as fichaxes e, para outros clubs era deixar colgada un par de semanas a competición. A todo isto sumábase que o principal patrocinador do torneo, ISL Worldwide, quedara en bancarrota a principios de ano.
Finalmente, tan só dous meses antes do comezo cancelouse o torneo, pospoñéndose para dous anos máis tarde. Ao pouco tempo a idea de facelo no ano 2003 tamén se desestimou, pospoñendóo dous anos máis, ata o 2005, onde se comezaría a xogar o que hoxe coñecemos de verdade coma Mundialito de Clubes, substituíndo á Copa Intercontinental.
Dous meses antes do comezo cancelouse o torneo, pospoñéndoo para dous anos máis tarde
Quedamos sen ver un mundial en Galicia. Perdemos de ver un interesantísimo Wollongong Wolves – Zamalek e un partido dunha competición mundial en San Lázaro. A idea suponse que sería vender os dereitos de televisión a un alto prezo, porque a competición para os galegos non sería unha gran atracción tampouco. Unha mágoa.
Foto de portada: thekidtorres.com