Os camiños da rede

¿Permite a Internet a creación dunha empresa/proxecto de información multimedia sostible no tempo? Ou, pola contra, a diversidade e fugacidade dos contidos dixitais, o modo no que os usuarios consumen información e a cantidade da mesma fai imposible a permanencia na web a longo prazo? 

Con disxuntivas semellantes presentábase o convite á primeira sesión de Encontros 2.0, o punto de partida dun ciclo de debates mensuais nos que profesionais e amadores da comunicación conversan sobre as posibilidades que ofrece internet.

O pasado 27 de novembro reuníronse no espazo Kunsthalle de Compostela os tres primeiros convidados: Cora Peña, realizadora do documental Tesouro de Corcoesto, Felipe Rivero de Aguilar, responsable do blog uruloki.org e David lombao, actual director do diario dixital Praza Pública. As experiencias e reflexións destes tres cibercamiñantes xiraron en torno á temática de (sobre)vivir na rede, e fixéronlle –fixéronnos–  ver ó público que os camiños da rede (non) son inescrutables.

Do financiamento colectivo… 

Crowdfunding. Reader-support. Coworking. Palabras que imos engadindo pouco a pouco ó noso vocabulario. De súpeto, en internet tamén hai sitio para a solidariedade. Unha vez máis, internet como alternativa. Disto sabe moito Cora Peña, responsable dunha exitosa campaña de crowdfunding en goteo.org que converteu un proxecto inviable economicamente nun documental sobre a megaminería que está a piques de ver a luz. Tesouro de Corcoesto saíu adiante grazas ó crowdfunding, unha alternativa ó financiamento  convencional de iniciativas cada vez máis estendida.

cora peña

Mais non todo é chegar e encher. Cora explicou que para que plataformas como goteo ou verkami –esta segunda máis popular en España– acepten un proxecto débense cumprir unha serie de requisitos, como presentalo de forma detallada (a propia plataforma proporciona un modelo de guión a seguir), incorporar recompensas para motivar a participación (tipo “se aportas 10 euros invitámoste á estrea”) ou ofrecer un retorno colectivo (como pode ser proxectar o documental gratuitamente ou colgalo en internet de forma aberta). E, aínda que quen non chora non mama, non convén subirse ó carro e comezar fixando unha cifra demasiado elevada; xa haberá tempo para superar expectativas. Tesouro de Corcoesto comezou pedindo 6.000 euros e actualmente conta con máis de 8.000.

¿Quen nunca vendeu lotería de Nadal para reunir cartos para unha excursión? O crowdfunding é a versión estendida e guay das míticas rifas.

…ó autofinanciamento

Tamén hai quen decide camiñar só. Tal é o caso de Felipe Rivero de Aguilar, quen hai 10 anos puxo a andar un blog persoal que rematou converténdose nun espazo cultural de referencia na rede. Actualmente, uruloki.org -que aborda temáticas como o mundo do cine ou do cómic- conta cun público fiel que sabe apreciar unha información posiblemente máis contrastada e completa que a que ofrecen outros medios convencionais. Actualización regular, especialización, estilo propio e –moita– motivación. Velaquí o segredo de que cos anos este recuncho dixital florecese en lugar de esmorecer, tal e como lle acontece á maioría dos blogs que un día alguén decide abrir porque si. 

uruloki

Agora ben: rendibilidade cero. Manter un blog hoxe en día dá máis perdas que ganancias. O artífice de uruloki recoñeceu que inverte sobre 1.200 euros ó ano no seu mantemento, mentres que en publicidade tan só embolsa uns 60 euros ó mes. Entón, ¿por que? ¿para que? A resposta resulta difícil. Quizais a máis achegada sexa “por e para o recoñecemento e a satisfacción persoal”.

E, chegados a este punto, os camiños da rede bifúrcanse: ¿é mellor ser independente e ter un blog por amor á arte non rendible ou vincularse a un medio grande que o sustente economicamente sacrificando total ou parcialmente esa independencia?

O modelo de Praza: ¿o xornalismo do futuro?

“O xornalismo dixital é coma as enerxías renovables: sabemos que son o futuro, pero aínda non sabemos ben como usalas”

Xosé Manuel Pereiro, decano do do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, pronunciou esta frase nun encontro sobre a situación dos medios de comunicación en Galicia organizado en marzo do 2012 polas xuventudes socialistas de Compostela. Nese mesmo coloquio, Marcos Pérez Pena -entón director do recén nacido Praza Pública-, facía a seguinte reflexión:

“Acabarase pagando polos medios dixitais. Pode ser en 5 ou en 15 anos, pero farase. Está claro que quen pón os cartos manda, e é mellor que manden os lectores que os políticos ou os empresarios. Estamos a vivir un período de transición onde o dixital non compensa economicamente, pero iso non quere dicir que non debamos apostar por este modelo”

Semella que esta é unha filosofía que teñen moi interiorizada en Praza, pois, case dous anos despois, David Lombao –actual director do diario– reafírmase no expresado polo seu compañeiro.

“Cando se decide poñer a andar Praza non se crea un medio de comunicación para gañar cartos, senón para dotar ó país dun medio de comunicación”

Praza Pública pertence a unha Fundación, isto é, unha entidade sen ánimo de lucro; o cal xa adianta que os intereses económicos non son o punto de partida deste proxecto. David Lombao teno claro: Praza é un medio de comunicación galego e en galego de carácter comunitario. Xornalismo comunitario, si, pero tamén xornalismo profesional. A redacción de praza conta con tres xornalistas que traballan dende a súa casa de xeito remunerado, ademais de contar con colaboración desinteresada de persoas da Fundación.

lombao

“Os xornalistas de Praza temos un horario e un soldo a final de mes”

Todo isto é moi fermoso, pero ¿e os cartos? ¿como se sostén Praza? Ben, para comezar, non se trata dun medio que manexe grandes cantidades de diñeiro, senón que ten un custo discreto que ronda os 60.000 euros anuais. As súas  fontes de ingreso son as achegas da Fundación, as achegas particulares puntuais e as achegas particulares periódicas. Neste punto cabe sinalar que Praza non conta cun sistema de subscrición, xa que –polo menos por agora– non cren neste sistema de financiamento porque “a xente non vai pagar un euro por tomar un café se no bar do lado llo dan gratis”

Praza aínda non é sustentable, pero esperamos que o acabe sendo. A solución non é que El Corte Inglés financie Praza, senón animar á xente a que colabore máis. Se cada persoa que pasara por Praza deixara 50 céntimos estariamos moi ben”

Na súa intervención Lombao tamén fixo unha crítica ó inxusto reparto das subvencións en Galicia na actualidade…

“Non sei quen pasaría o control antidoping de subvencións se se fixera entre os medios galegos”

E, neste senso, David Lombao aclarou que, polo de agora, Praza non obtivo ningunha axuda económica pública, algo que –segundo apuntou– lles aporta un plus de preocupación económica, mais tamén un plus de independencia informativa.

 Facendo camiño ó andar

Renovarse ou morrer, disque. Mais nunca deixar de camiñar. Internet non supón o fin de ningún camiño, non leva ó precipicio; tan só é un cambio no pavimento. Converterse ó mundo dixital é como asfaltar os camiños que antes eran de terra para chegar máis rápido a máis sitios. ¿Isto resulta bo ou malo? Como mínimo, dá lugar a infinitas preguntas. Máis preguntas.

¿Que é e que non é xornalismo en internet? ¿Quen ten a potestade para filtrar os “bos” e os “malos” contidos? ¿Pódeselle chamar xornalismo á información que ofrecen os blogs persoais? ¿Supón o crowdfunding unha precarización da produción de contidos? ¿Supoñen os blogs unha degradación do xornalismo? ¿Hai sitio para o xornalismo lento nun soporte rexido pola rapidez? ¿Mudou o papel dos xornalistas ou só as ferramentas que empregan para exercelo? ¿É internet unha oportunidade para a independencia informativa ou só constitúe un oasis no eterno deserto do xornalismo con maiúsculas?

A resposta, my friend, está flotando na rede.