Manuel Torrente: “Non me parece tan grave que Televisión de Galicia responda ás ordes do Goberno”
Manuel Torrente é xornalista na Televisión de Galicia (TVG), traballo que combinou coa docencia na Universidade de Vigo como profesor de Redacción e Locución Publicitaria. Malia ter dado moitas noticias de alcance para os galegos, Torrente será recordado por moitos como o comunicador das primeiras novas sobre o accidente do tren Alvia en Angrois. Formou parte dunha dilatada cobertura da TVG sobre a traxedia, realizando continuas conexións en directo cos puntos claves e cunha programación que xirou neses primeiros días en torno ao accidente. Medios públicos ou privados, xornalismo, presións… a experiencia de Torrente aválao para falar sobre todo isto.
“El periodismo es una pasión insaciable que sólo puede digerirse y humanizarse por su confrontación descarnada con la realidad”, estas palabras de Gabriel García Márquez son un bo resumo para calquera xornalista que estivese traballando o pasado 24 de xullo. Vostede estaba preparado para as festividades do Apóstolo, ¿como foi o momento no que lle din que acaba de descarrilar o tren Alvia procedente de Madrid?
Eu estaba facendo un informativo normal nun día un tanto sinalado como é o 24 de xullo. Entrei no informativo sen saber absolutamente nada do que ía pasar e, cando estaba xa sentado na mesa e empezamos co informativo, a editora avisoume a través do “pinganillo” de que había un accidente de tren e que dixera algo. Pensei que sería unha cousa leve sen maior transcendencia e sorprendeume que me pedira que o dixera. A medida que foi discorrendo o informativo íanme avisando entre noticia e noticia. Chegaba información e a cousa ía medrando. Empezáronse a mandar cámaras, redactores… Ás nove e cuarto, nove e vinte, cando levabamos un par de noticias de deportes, decidiron cortar por completo o informativo normal para adicarnos a facer exclusivamente o seguimento desta información que loxicamente era a prioridade. Deixabamos de ser un simple medio de información para converternos nun medio de servizo público, de información pública como corresponde a unha televisión pública como a Televisión de Galicia. Ese foi o traballo que tiñamos que facer e creo que o fixemos.
Deixabamos de ser un simple medio de información para converternos nun medio de servizo público, de información pública como corresponde a unha televisión pública como a Televisión de Galicia
Un xornalista que traballa día tras día ante a cámara, ¿está realmente preparado para recibir unha noticia coma esa e saber reaccionar a tempo?
Nunca estás preparado para unha cousa destas. Canto máis oficio tes, mellor podes resistir a tensión e podes contalo con maior soltura. Iso é importante pero é unha cuestión de oficio, de levar feito moito traballo e poder quedar co que realmente importa nese instante. Tamén depende un pouco das circunstancias de cada un e do momento.
A TVG realizou unha programación especial sobre o accidente e foi eloxiada pola boa cobertura tanto en televisión coma en radio. Nun momento no que os medios públicos están a ser tan cuestionados, ¿é unha alegría ou unha resignación que a xente se sorprenda polo traballo da TVG?
É unha alegría. A min alegroume moitísimo, foi unha honra auténtica poder ser a cara de todo un equipo de xente que estaba traballando. Foi a demostración de que hai un equipo de xente que ten oficio. Simplemente hai que saber dirixilo, ordealo e coordinalo. Nese momento coincidiu que iso se fixo e se fixo ben. Tamén é certo que se deron case todos os elementos favorables. Ocorreu moi cerca de onde temos nós a maior parte dos equipos e estabamos dentro dun informativo polo que puidemos dispor dos primeiros equipos moi rapidamente. Tivemos as primeiras imaxes inmediatamente. Nese sentido, a tecnoloxía é moi importante.
Os medios nacionais, a pesar de contar con máis recursos, ¿son un bo reflexo para informarse das noticias locais ou é necesario que existan eses medios que cobren espazos xeográficos concretos?
A información ten diferentes áreas, todos sabemos esa teoría dos círculos concéntricos. Non é o mesmo un señor que o atropelan aquí ao lado e queda ferido leve que trinta e cinco mortos nunha rexión remota de China. Dende un punto de vista obxectivo non ten nada que ver. Porén, dende o punto de vista informativo, sempre nos interesa máis o que está máis cerca, esa teoría tamén do cotilleo. Contamos tonterías ás veces de persoas que coñecemos pero que son moi próximas a nós, que para outra xente non teñen importancia e si a teñen para nós. Teñen máis importancia nun mundo globalizado os medios de carácter xeral e, por outro lado, os que defenden o ámbito máis próximo e local. Son complementarios e necesarios uns e outros.

©Diego Díaz
Volvendo ao 24 de xullo… Algúns medios non realizaron unha cobertura tan profunda, conectando con Santiago horas despois do suceso sen interromper previamente a súa programación habitual. ¿Isto é indicador de falta de recursos, de interese ou simplemente de non ceder a parar as emisións habituais que tantos cartos poden recadar?
Non é falta de interese en absoluto. Estou seguro de que Telecinco, Antena 3, Televisión Española ou Canal Sur terían gran interese nun suceso coma este. Hai outras cuestións que inflúen. Unha é a proximidade. Os medios de cobertura nacional non poden ter un montón de xente en cada lugar. Que os outros medios non prestasen importancia nun primeiro momento débese ao tema tecnolóxico e á redución de custes nos medios. Non sae rendible ter un equipo preparado permanentemente en Galicia para poder atender estas cousas. E despois tamén porque hai, probablemente, unha certa torpeza por parte dalgúns directivos de medios de comunicación que tenden a considerar que todo aquilo que non está moi cercano a eles non ten interese. Están equivocados. Ten que ver moito co feito de que haxa menos xornalistas tomando este tipo de decisións, que cada vez dependen máis de economistas que non preguntan que importancia ten senón canto vale. Non penso nin que sexa mellor nin peor, porque ao final a información está cuberta pero son decisións que, dende o punto de vista estritamente xornalístico, custa entender.
Ante este asunto, vén a mente o debate entre rapidez ou calidade. ¿É mellor informar rápido cos datos que se manexen nese momento ou tomarse un tempo para dar unha información máis e mellor elaborada?
Ese día xurdiron informacións de todo tipo e aínda houbo días despois que había rumores de historias absurdas. Cando hai unha noticia, imos ir constatándoa pouco a pouco. Imos ir asegurando a información e das noticias importantes das que non estamos seguros imos a dicir que esa información non está contrastada. Outras veces tamén hai que deixar para un pouquiño máis adiante esa información. É unha combinación dos dous elementos: a rapidez e o máximo contraste posible.
Unha crítica que se lle fai aos medios que publican contidos na rede é o do continuo desexo de actualización. ¿O culpable é Internet ou son os propios xornalistas e empresas de comunicación os que non se saben adaptar?
O culpable é un pouco o mundo no que vivimos. Estamos moi acostumados á inmediatez da información. A inmediatez non significa maior calidade da información. Ten moitos riscos, moitas veces cólanse cousas que acaban non sendo certas e hai moita xente interesada en manipular esa información. Non só os gobernos ou as institucións que sempre son os culpables das manipulacións porque o fan, evidentemente. Hai moitos grupos e persoas que se divirten contando parvadas, por exemplo, nas redes sociais. As leis tiñan que ser un pouco máis estritas e sancionar este tipo de casos. Hoxe queremos saber todo ao minutiño, iso é culpa de Internet e culpa nosa que o asumimos.
Non vexo por que a xente se sorprende de que as noticias que dá agora mesmo a Televisión de Galicia sexan máis dende o punto de vista do Goberno que as dos outros medios
A presión tamén afecta á labor do xornalista. En abril deste mesmo ano, o Comité de Empresa da TVG sinalaba situacións coma estas: “Directores e editores escollen as noticias que se van a dar e, despois de encargalas aos xornalistas, indican nos casos conflitivos o que teñen que destacar. Inclúense sempre comentarios ou declaracións que deixan en bo lugar ao PP e aos seus dirixentes. Paralelamente, dos grupos da oposición destácanse informacións negativas, polémicas internas e problemas”. ¿Ten coñecemento disto?
Teño coñecemento de que se dixo iso pero non é certo tal e como se expón ahí. Forma parte das loitas políticas ás que está sometida a Televisión de Galicia. É un medio público que responde ás normas do goberno do Partido Popular, da mesma maneira que hai uns anos respondía ao goberno do PSOE e do BNG. Tal como están as lexislacións neste momento non queda outra. A presións sempre estamos sometidos, outra cousa é que se poida responder con máis ou menos forza ante esas presións ou cuns criterios máis ou menos profesionais. Pero cando pertences directamente ao Goberno, coma neste caso, non hai nada que facer, da mesma maneira que ocorre nunha empresa privada. Non vexo por que a xente se sorprende de que as noticias que dá agora mesmo a Televisión de Galicia sexan máis dende o punto de vista do Goberno que as dos outros medios. Coñezo algúns medios onde cada noticia está en contra do Goberno.
Unha cousa é falar de presións e outra de manipulación directa da información.
A min non me pasou absolutamente nunca. Téñenche dado certas orientacións. Non sei se hai alguén a quen lle vaian a corrixir as notas, eu nin o vin nin me ten pasado. O que pasa é que non son idiota, sei onde traballo e non se me ocorre dar eu directamente unha información onde quede moi mal a Xunta. Non son o responsable, a responsable é a Xefa de informativos. Ese tipo de informacións non saen así porque si, pensar que os medios de comunicación os fan os xornalistas e que son aves libres é vivir nos mundos de yuppie. Na Televisión de Galicia e no resto de medios. Se alguén quere pensar que a realidade é outra alá eles. Tamén é certo que isto é facilmente manipulable. Levo moitos anos na Televisión de Galicia e coñezo xente do PP e de todo tipo de partidos políticos, e xente que vota a uns hoxe e mañá aos outros. O funcionamento orgánico non depende dos traballadores da Televisión de Galicia, depende dunha lei aprobada polo Parlamento perfectamente democrática. Pódese cambiar e débese cambiar, pero eu non son quen para cambiala.

©Diego Díaz
En novembro do 2011, algúns traballadores da TVG foron á folga ao ver en perigo os seus postos de traballo así coma os seus dereitos laborais. ¿Como ve a día de hoxe a situación dos traballadores?
Moi complicada tanto na Televisión de Galicia coma en todas partes cando hai unha taxa de desemprego tan elevada e, particularmente, no ámbito do xornalismo. O feito de que o lugar dos xornalistas o estea ocupando outro tipo de xente, economistas por exemplo, pode empezar a ser un ataque á liberdade de expresión. Non me parece tan grave que Televisión de Galicia responda ás ordes do Goberno. Pareceríame máis grave que fora a única televisión e que respondese ás ordes do Goberno. O día 24 de xullo demostramos que somos unha televisión útil, hai un montón de traballadores moi profesionais e un polo moi importante de información. Tamén un polo de proxección do mercado audiovisual galego tremendamente importante. Temos un risco alto nos nosos postos de traballo porque non se considera un servizo básico. As nosas condicións de traballo están peor. Segundo os datos do Comité de Empresa da Televisión de Galicia, dende o ano 2007 ou 2008, os traballadores perdemos un 36-37% de poder adquisitivo entre conxelación de salarios, reducións e retiradas de pagas extras. A nosa situación laboral vai depender moito da situación laboral xeral, da situación económica. Dependemos moitísimo dos Orzamentos Xerais da Xunta.
Ana Pérez e Alfonso Hermida foron a cara visible desa protesta do 2011, explicando a situación en directo dende a Praza do Toural de Santiago de Compostela. Posteriormente, o Comité Interempresas denunciou que os apartaron da programación especial do 20 de novembro sobre as Eleccións Xerais. ¿En que lugar queda a TVG?
Penso que queda ben porque, nese caso, os meus queridos compañeiros do Comité Interempresas están equivocados. Os meus amigos Ana Pérez e Alfonso Hermida, non só compañeiros senón amigos, non foron sancionados. Alfonso Hermida deixou de presentar porque non estaba dacordo. Paréceme moi honrado pola súa parte e está traballando alí como redactor de Deportes que é a súa praza. Ana Pérez segue presentando os Informativos da fin de semana, sendo unha das mellores presentadoras que ten a Televisión de Galicia. Que se diga que foron excluídos dese especial é un pouco absurdo porque a Dirección ten dereito a escoller a quen queira poñer. Nese momento non sei se estaba decidido que foran eles ou non, a min non me escolleron tampouco e non me sinto excluído. A Dirección ten unha responsabilidade pero tamén ten unha serie de dereitos. Outra cousa diferente sería que a estas persoas se lles abrise un expediente, se lles reducira o soldo, foran sancionadas ou foran excluídas do seu propio traballo. Non ocorreu ningunha desas cousas.
Desta forma, ¿mantense a liberdade de ir á folga?
Si, a xente que quere ir á folga vai e quen non quere ir non vai. Eu teño ido a folgas e teño non ido a outras. A Televisión de Galicia é un sitio moi peculiar e, ás veces, hai folgas que se fan dende o ámbito máis político, non tanto en contra da Televisión de Galicia senón en contra do Partido Popular ou en contra do PSOE ou Bloque no seu momento. Ás veces non quero participar. Os traballadores non podemos ser “bonecos” nas mans desta xente.
¿Como se vive dende dentro que algúns traballadores, como Alfonso Hermida, discrepen tan fortemente coa Directiva?
Lévase ben. Non ten un por que pertencer á liña ideolóxica, fai un traballo profesional. Alfonso está facendo un traballo ben feito e incluso ten a sorte de que está en deportes onde o tema da politización é un pouco menor. Non me comentou que tivera ningún tipo de problema. Outra cousa é que un se sinta mellor ou peor.
Outro medio público, Canal Nou, está a ocupar as portadas tras a decisión de pechar Radiotelevisión Valenciana. Os medios públicos, ¿deben ser rendibles economicamente ou o máis importante é a súa labor social?
Os medios públicos non teñen por que ser rendibles dende o punto de vista económico pero iso témolo que saber todos os cidadáns que os pagamos. Non significa que haxa que mantelos a toda costa, teñen que ter un custe razoable. No caso de Canal Nou é moi triste que peche, é un atentado contra a liberdade de expresión. Había que intervir botando xente ou, claramente, indo en contra dos directivos. Fixeron que Canal Nou non fora un medio eficiente e que acabara tendo unha plantilla sobredimensionada, como parece que tiña, e unha débeda estratosférica. Canal Nou debe existir e ten razón de ser pero nuns parámetros razoables.
Nós podemos denunciar presións políticas nun caso concreto dunha información, dunha noticia, de toma de posición en relación cun feito noticiable concreto
Os traballadores de Canal Nou non denunciaron as malas prácticas ata agora, ¿medo ou conformismo?
Nós podemos denunciar presións políticas nun caso concreto dunha información, dunha noticia, de toma de posición en relación cun feito noticiable concreto. Non podemos denunciar que se invirta unha pía de cartos na creación de corresponsalías por todo o mundo. Ten que haber un señor que é un directivo, que cobra moitísimo máis que ese traballador, para que decida.
¿Pode a TVG chegar a verse na pel dos compañeiros valencianos?
Por poder, si, o Goberno mañá pode decidir pechar. Eu penso que non vai ocorrer porque non se dan moitas das circunstancias que se dan no caso de Canal Nou. A Televisión de Galicia está mellor dimensionada, no tema financeiro está bastante mellor e temos unha importante presenza de audiencia en Galicia, cousa que ao parecer Canal Nou non tiña. Somos tamén un elemento importante de dinamización dende o ámbito da lingua.

©Diego Díaz
Seguindo esta liña, en xaneiro de 2013, a cúpula de Televisión Española paralizou unha emisión programada sobre o Prestige. No 2002, Mariano Rajoy era portavoz, vicepresidente primeiro do Goberno e ministro da Presidencia. Uns meses despois, en maio, o Partido Popular emitiu un comunicado no que pedía explicacións a TVE por unha reportaxe sobre as posibles influencias en decisións políticas por parte do Rei. Deixando de lado o tema da independencia, ¿onde queda a liberdade de prensa?
Non sofre particularmente. As presións existen sempre. Paréceme perfectamente normal que ocorran ese tipo de cousas e que se denuncien, o gravísimo sería que ocorresen e que non se coñeceran. O que diga que é “superindependente” é moi pouco de fiar. Os que non se equivocan nunca son tipos perigosos.
A ética só se utiliza como argumento para destruír a outro porque case ninguén a respecta. Agora mesmo o que importa é vender
Os diferentes códigos deontolóxicos das asociacións de xornalistas intentan poñer pautas para a labor informativa e o tratamento das fontes e dos protagonistas da información. La Voz de Galicia sacou en portada fotografías máis que explícitas dos accidentados en Angrois e publicou as conversacións de Whatsapp da nena Asunta Basterra, por poñer dous exemplos recentes. ¿Cúmprense, en casos coma estes, as obrigas profesionais e éticas?
A ética só se utiliza como argumento para destruír a outro porque case ninguén a respecta. Agora mesmo o que importa é vender. Distinguiría o caso das fotos, das conversas privadas e das filtracións dos xulgados. Non pode ser que se estean facilitando filtracións de modo interesado. O caso das fotografías é un pouco diferente porque no accidente de Angrois houbo mortos e feridos, facer unha foto onde se ven paréceme ético. Outra cousa é o dereito á intimidade, especialmente dos mortos. Teño as miñas dúbidas sobre as imaxes dramáticas como as que publicou La Voz de Galicia. Custaríame máis non publicalas que publicalas, se me parecen de calidade.
Pode que moitos medios busquen o morbo e o sensacionalismo para subir a audiencia ou o número de lectores. Algúns programas de prensa rosa rexistran moi bos niveis de audiencia. ¿Teñen os cidadáns a súa parte de responsabilidade?
Temos boa parte de culpa. A xente que ve eses programas é dalgunha maneira culpable. Temos que tratar de mellorar o nivel medio cultural da xente e iso é un problema de educación. Lamentablemente, neste país o tema da educación é un auténtico desastre. Non se chega a un acordo na ensinanza duns mínimos éticos ou morais e aos políticos parécelles que é un campo de batalla. Non quero dicir con iso que os que vexan Sálvame sexan diminuídos mentais mais é mellor que o vexa unha persoa que ten unha determinada formación ca unha persoa que o crea. Estou absolutamente en contra dese tipo de espectáculos bochornosos. Non os prohibiría, o que pasa é que a sociedade o pide e iso é o que dá un pouco máis de medo.
¿Ilusiónalle o futuro da profesión ou é dos que recomendaría non estudar xornalismo?
Xornalismo debería ser unha carreira de segundo ciclo. É un oficio. Por outra banda, hoxe en día temos que saber de multimedia, de cámara, de montaxe, de edición, de locución e facer unha noticia para seis formatos. Preocúpame a evolución do xornalismo, a destrución permanente e continua de empregos e a súa baixísima calidade. É moi importante o salario dos xornalistas. Un xornalista que gaña moi pouco é perfectamente manipulable. Se un está casado, ten fillos e vive do seu salario mira para outra parte, fai a noticia e fírmaa. Pon a súa credibilidade ao servizo. Iso é un atentado contra a liberdade de expresión. Estase a abusar tremendamente dos xornalistas.