Maduro, unha sombra desde tres puntos de vista

Alejandro Pardo

Coa morte este ano de Hugo Chávez o chavismo perdeu ao seu pai, e a Revolución Bolivariana ao seu Comandante. Dende 1999, Venezuela foi gobernada por este monstro da política latinoamericana que, para ben ou para mal, parecía non ter rival no seu país. Sen embargo, como en tódalas historias de poder, a rei morto, rei posto.

A pesar de que Nicolás Maduro non é Hugo Chávez, este antigo condutor de autobús e sindicalista non é un rival calquera. Un home feito a si mesmo que ascendeu constantemente dentro do movemento ata converterse en ministro e finalmente en vicepresidente. Alguén coñecedor do mesmo e apoiado especialmente polo sector civil do chavismo.

O herdeiro do antano príncipe revolucionario alzouse coa presidencia tras unha loita encuberta polo poder co presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, e conseguiu chegar ás eleccións presidenciais baixo numerosos ataques de “inconstitucionalidade” pero como presidente da República Bolivariana de Venezuela.

Un home feito a si mesmo que ascendeu constantemente dentro do movemento

A pesar de todo, desde de que se converteu nun persoeiro de maior impacto na escena internacional, a súa imaxe non fai máis que escurecerse. A día de hoxe, este presidente non foi recoñecido como gañador das eleccións, pola mínima, por parte da oposición e precisou o apoio do Consello Nacional Electoral, no que catro dos cinco membros era chavistas. Con todo isto, xa son famosas as continuas denuncias da oposición sobre unha clara desigualdade no xogo político. Dende a súa vitoria, algunhas das tácticas empregadas polo presidente herdeiro son máis apropiadas de “repúblicas bananeiras” e novelas distópicas que de democracias estables. Así pois, nada coma recorrer a un apagón informativo ou a declarar a “guerra económica” contra o capitalismo e a especulación financeira mentres se levan a cabo manipulacións do mercado e se crea unha inseguridade xuridica impropia de calquer Estado medianamente respectable. Isto demostra a incapacidade do presidente para loitar contra unha das inflacións máis altas do mundo e o continuo desabastecemento de produtos de primeira necesidade. Se a todo isto lle sumamos unha Lei Habilitante que permita gobernar por decreto, temos un orwelliano persoeiro ao mando dun dos Estados máis importantes de América Latina e de todo o mundo, grazas ás súas reservas de petróleo.

Non foi recoñecido como gañador das eleccións.

Este estoico presidente de orixe incerta e capaz de soportar os ataques da dereita máis furibunda, non dubidou en intervir dende o seu trono no Pazo de Miraflores calquer sector económico con tal de loitar contra ese inimigo invisible chamado capitalismo especulador. Unha loita que se libra a escuras e cunha das taxas de homicidios máis altas de Latinoamérica. Este combate que non fai máis que recordar esa eterna guerra que imaxinaba Orwell en 1984. Tan eterna coma a Revolución Bolivariana.

Nicolás Maduro é un dos nomes de este 2013, non polas súas políticas continuadoras ao mando de Venezuela. Tampouco polas súas conversas con animais ou algún que outro chándal de mal gusto. Éo por ser a sombra entronizada dun dos líderes máis carismáticos de Latinoamérica nas últimas décadas. Unha astuta sombra que comanda un dos países máis importantes de América Latina e que nos recorda que algúns homes, aínda mortos, son capaces de seguir no poder.

Nicolás Maduro ergue o puño. / abc.es

Nicolás Maduro ergue o puño. / abc.es

Iván Olmos

Xulgar sen coñecer, e facerlle o xogo ao sistema de maneira estúpida e ignorante sempre foi deporte occidental por antonomasia. En occidente, somos tan culturalmente abertos e tan supremamente demócratas que nos gusta frivolizar e despreciar toda aquela cultura política e maneiras de entender o mundo e a sociedade que chocan de forma directa cos mandatos do capitalismo.

Só podemos entender a Maduro se obviamos o elitismo implícito ao carácter occidental

Nicolás Maduro é ese presidente que pode cantar, rir a carón dos obreiros e traballar man a man cos máis humildes. Un condutor de autobús que se formou na política exercendo como servidor público, e cuxo proceso de asentamento e aceptación social só poderemos chegar a comprender se obviamos o elitismo implícito ao carácter occidental. Maduro demostrou neste último ano dispór de experiencia suficiente para continuar co proceso comezado por Chávez e incluso para enmendar os erros cometidos. O temperamento e tranquilidade no discurso do “fillo de Chávez” fixo que a xente non só se remitise ao legado do Comandante, senón que crese firmemente nun proxecto: a construción do socialismo na República Bolivariana de Venezuela. O pobo venezolano está con Maduro e así o demostrou nas Eleccións Presidenciais deste ano, póstumas á morte de quen encetou este camiño sen volta atrás, entregándolles pouco a pouco o poder aos traballadores. Ben é certo que a oposición, financiada polos Estados Unidos e co apoio das grandes empresas de comunicación de todo o mundo, logrou os mellores resultados dos últimos 15 anos, máis tamén é certo que Maduro obtivo 300.000 votos máis. Este apoio popular consolidouse nas recentes Eleccións Municipais, que a oposición intentou converter (sen éxito) nun plebiscito contra o Goberno e contra a figura do Presidente. Dúas vitorias cuestinadas polos mass media occidentais que só souberon falar de “fraude”. Mesmo o candidato opositor Henrique Capriles tildou a Maduro de “presidente ilexítimo”, a sabendas de que o sistema electoral venezolano  estaba auditado permanentemente por todos os actores políticos e por observadores internacionais de todo o mundo; a pesares de que é o mesmo sistema co que gañara recentemente a gobernación do Estado de Miranda, e o mesmo sistema co que a oposición derrotara ao chavismo no referéndum constitucional do 2007.

Maduro é o destinado á seguir co proxecto socialista comezado por Chávez

O proceso venezolano está tendo éxito porque a transformación social veu acompañada da redistribución da renta, da creación dun novo modelo estrutural e, sobre todo, porque foi e está a ser democrática, tanto en termos electorais como de participación popular. Pero ao ser unha revolución electoral (non só democrática, pois toda revolución obreira xa é democrática per se), aínda queda moito camiño por andar. E Nicolás Maduro é a persoa sinalada por Chávez e escollida polo pobo venezolano, destinada a continuar con este ilusionante proxecto de liberación social e nacional e de construcción do socialismo real.

Mentres tanto, en Galiza, Europa e en todo rincón do mundo onde goberne o capital, algúns seguirán criticando a Venezuela, pois é moito máis sinxelo frivolizar co alleo que ver as miserias en terreo propio.

Delfín e mentor/ abc.es

Delfín e mentor/ abc.es

Darío Domínguez

A pesar de ter máis pinta de heroe olímpico ou de pai de familia que collera o chándal máis noventero que tiña pola casa para lavar o coche un domingo pola mañá, o Nicolás Maduro dos días antes da morte de Chávez e dos que duraron os actos de honra ao antigo líder do goberno lembraba máis á Malena de Tornatore ca a outra cousa. O delfín, igual cá personaxe interpretada por Mónica Bellucci, transitaba as rúas xerando milleiros de comentarios ao seu arredor sen case pronunciarse. Maduro, sen facer nada, concentraba ao mesmo tempo a admiración e receo que provoca un home de orixes humildes que chega á cúspide da pirámide do panorama político dun país, a envexa dos que querían coller o testemuño da Revolución e a ira dos opositores ao chavismo. Mentres tanto, a comunidade internacional agardaba os seus movementos coma se agardasen que debaixo da chaqueta do chándal houbese un chaleco de explosivos disposto a ser detonado en calquera momento.

O listón estaba na estratosfera

Subsituír a un home como Hugo Chávez non era tarefa fácil. Ademais do innegable carisma e liderado do Comandante, que o facían ser venerado pola parroquia socialista de ambos lados do océano, antollábase complicado sequera achegarse á trascendencia mediática provocada polo autor dos inesquecibles Exprópiese, Aquí huele a azufre (  ) ou, o favorito dun servidor, Eres un borracho, Mr. Danger. O listón estaba na estratosfera, pero o alumno tivera bo mestre e logo disipou as dúbidas cando durante a campaña electoral se dispuxo a capitalizar (ironías da linguaxe) a lembranza do comandante mediante a utilización do seu dobre o archicoñecido paxariño e con que disque un día se lle apareceu nunha botella de Juvita, pero diso xa non temos constancia.

O mellor de toda a creatividade de Maduro foi que non acabou na campaña electoral, senón que se prolongou durante o seu mandato. Ademais de querer instaurar a felicidade na poboación por decreto, temos que recoñecerlle o mérito en librar con enxeño propagandístico unha batalla tan seria como a que ten aberta contra a inflación cunha panxoliña que xa quedará para a historia.

Ao final, o único que nos queda claro é que os que máis gañamos con personaxes desta natureza carismática somos os xornalistas, que facemos correr ríos de tinta e caracteres a conta das ocorrencias dos que mandan en calquera cousa. Que lle pregunten se non á prensa arxentina coa Kirchner, á madrileña con Mourinho ou a Compostimes con Caneda.