Javi Gómez Noya, un ano para recordar
Quince de setembro de 2013, Hyde Park. Dous triatletas chegan xuntos aos últimos metros dunha carreira que decide un campionato do mundo. Foi un ano moi longo, pero tras numerosas probas o mundial decidirase por escasos segundos. Jonathan Brownlee xoga na casa, pero nesta ocasión quen alza os brazos na liña de meta de Hyde Park é un galego. Un galego que se proclama campión do mundo nun sprint para recordar.
Javi Gómez Noya parece un home normal. Non ten corenta e tres millóns de seguidores en Twitter como Cristiano Ronaldo, nin fai anuncios, e quizais tampouco o recoñeza moita xente pola rúa. Porén, o triatleta galego leva moitos anos competindo entre os mellores do mundo e deixando claro que o seu esforzo sempre merece a pena. Non ten que soportar os flashes, nin acapara portadas, pero o seu sprint en Hyde Park foi recoñecido pola prensa internacional como un dos mellores momentos deportivos deste ano. Sendo galego, e tendo en conta que 2013 foi un dos mellores anos da súa carreira, non podía faltar no noso repaso anual.
A carreira de Javi Gómez Noya non foi un camiño de rosas. O triatleta tivo que superar o diagnóstico dunha anomalía cardíaca, así como numerosos obstáculos federativos para poder competir. Todo iso, sumado ao esforzo dos duros adestramentos, viuse recompensado en 2012 cunha medalla nos Xogos Olímpicos de Londres. Moitos dixeron que Gómez Noya fixo cumio o ano pasado, pero 2013 tamén foi un ano para recordar.
Moitos dixeron que a medalla olímpica foi o cumio de Gómez Noya, pero en 2013 logrou poñer o seu teito aínda máis alto.
O terceiro título mundial chegou nun ano cargado de competicións para o galego, que aínda así afirmou sentirse mellor que nunca no final da tempada. O físico respondeu, e mentalmente converteuse nun triatleta máis forte tras conseguir quitarse a espiña nos Xogos Olímpicos. Só así se entende a súa pelexa no campionato do mundo ata o final cos irmáns Brownlee para recuperar un título que non lograba dende hai tres anos. Ademais, logrouno na última proba en Hyde Park, ese xardín dos Bronwlee onde Alistair conseguira proclamarse campión olímpico. Desta volta, Gómez Noya facturou o trofeo camiño de Galicia.

Javi Gómez Noya – ©20 Minutos
Sacar a cabeza nun deporte como o triatlón nunca foi sinxelo, pero Gómez Noya rematou por logralo. Sempre tivo o recoñecemento e o respecto dos seus rivais, quizais algúns dos máis potentes de toda a historia deste deporte (os irmáns Brownlee), pero trala medalla olímpica e este ano soñado o deportista galego fíxose moito máis coñecido. A medalla de ouro ao mérito deportivo e a designación como finalista dos Premios Príncipe de Asturias son un claro exemplo de todo isto.
Con 30 anos, Javi pídelle ao novo ano dous desexos: evitar lesións para continuar o seu camiño ata Río 2016 e poder participar no Mundial de Pontevedra de Duatlón, unha competición que lle fai especial ilusión pero que podería coincidir con probas da Copa do Mundo da súa especialidade. Tamén se falou de probar no Ironman, pero o deportista galego ten claro que non considera cambiar de disciplina ata o final deste ciclo olímpico. Este foi un ano de máxima felicidade para Gómez Noya. Por sorte, o futuro continúa sendo prometedor para un dos mellores deportistas da historia do noso país.