Fernando Vázquez: o regreso do profesor

Nove de febreiro do ano que remata, o Dépor perde 0-3 contra o Granada amosando un pésimo xogo, era o sexto partido de Domingos Paciencia e na grada bérrase por primeira vez nun cuarto de século un histórico “Lendoiro dimisión”. Tamén se escoita aínda que con menos forza un “menos portugueses e máis coruñeses”. Lendoiro toma nota. Ao día seguinte o adestrador luso presenta a súa dimisión. Augusto decide chamar a alguén coñecido.

Segundo contan os protagonistas Lendoiro chamou a Fernando Vázquez á 1 da mañá e este aceptou a oferta sen pensalo. Seis anos despois de deixar o Celta, o adestrador con máis partidos en primeira despois de Arsenio, volvía aos banquiños. Convertíase así na primeira persoa en adestrar a tres equipos galegos en primeira, tras Compos e Celta. Volvía, e volvía enchido de ilusión, con ganas de salvar ao Dépor. Quizais outro non tivese aceptado pero el quería dirixir ao que confesou ser o equipo dos seus soños. O Dépor tiña 16 puntos daquela, con tan só tres vitorias en vinte tres partidos.

Chegou á Coruña e dixo que eran necesarias cando menos sete ou oito vitorias máis. Moitos tomábano a risa. Un conxunto descompensado, sen gol e coa peor defensa de Primeira División. E conforme Fernando Vázquez corría pola banda, a melloría ía sendo plausible.

Foto: vavel.com

Foto: vavel.com

O derbi contra o Celta foi un verdadeiro punto de inflexión, a partir de aí todo foi cara arriba. O de Castrofeito comezou un auténtico milagre: coller a un equipo totalmente desfeito e lograr chegar á ultima xornada fóra do descenso. E con opcións para salvarse matemáticamente nas dúas anteriores xornadas se sumase contra Valladolid e Málaga. Sen embargo, o destino estaba en contra e quixo que finalmente o equipo rematase descendendo. Segundo descenso en tres anos para o Dépor, quizais demasiado castigo para Vázquez.

Mais Fernando Vázquez conseguiu en poucos meses gañarse á afección. Todos o senten coma o adestrador de todos, valla a redundancia, algo que quizais non se conseguía desde os tempos de Arsenio. A súa implicación no club e na cidade axudou moito. De feito, os cinco candidatos que nun principio houbo para as eleccións a presidente coincidían en que o profesor tiña que ser o adestrador do club por moitos anos.

Fernando Vázquez conseguiu en poucos meses gañarse á afección

Logo do verán, a milagre de Vázquez continuou. Cun conxunto con tan só 18 xogadores profesionais, dos cales moitos son canteiráns, mantén ao Dépor líder na segunda división, sendo férreos en defensa e sabendo moi ben ao que xogan, aínda que ese estilo non sexa do agrado de moitos.

Quizais este 2013 fose un dos peores anos da historia do Deportivo: en concursal, con 160 millóns de débeda, unhas eleccións e posterior campaña bastante “heavy”, un descenso e ata división na grada. Quizais para Fernando Vázquez tampouco fose o seu mellor ano,  pero por ser ese fío que mantén ó Deportivo unido, merece ser unha das personaxes destacadas desde Compostimes.

Foto de portada: riazor.org