Estabilidade e ilusión para seguir crecendo na Asobal
O ritmo semellaba baixar, o calendario complicábase e a estas alturas da competición os equipos, xa máis conxuntados, gañan en rocosidade e palian os desaxustes cos que adoitan comezar as tempadas. Por iso as primeiras xornadas da liga eran básicas para o Balonmán Cangas, ao contar coa gran vantaxe de dispor dun bloque que leva xunto dende anos atrás e coa experiencia que adquiriron os máis novos o pasado ano na Liga Asobal, debía intentar sumar un bo colchón de puntos para loitar pola permanencia.
Mais ese equipo hai tempo que deixou de ser a sorpresa das primeiras xornadas para converterse nunha realidade, nun equipo que ademais de complicar aos rivais nas súas visitas ao Gatañal tamén suma puntos a domicilio. A vitoria en Aranda, onde o ano pasado se conseguiu a salvación de xeito milagroso, e o empate na casa contra o Ademar nun partido que puideron gañar os pupilos de Pillo fan que o Balonmán Cangas volva a unha senda positiva que os coloca nunha posición inesperada á vez que moi merecida. A situación non é casual, é froito do traballo ben feito, da sinceridade, da humildade.
Columna vertebral mantida no tempo
A estabilidade no plantel é básica para explicar a boa situación do equipo cangués. Os Fernando Eijo, Suso Soliño, Adrián Rosales ou Serafín Pousada acumulan moitas tempadas na primeira plantilla do Balonmán Cangas. Suso Soliño é unha institución no club, máis de vinte anos co primeiro equipo. O extremo dereito do Gatañal ten nome e apelidos, o xogador máis representativo para a afección, o capitán sen capitanía. Un galón que cae, xa que Suso Soliño nunca quixo ser capitán, en Fernando Eijo. O pivote goza da súa novena tempada no Balonmán Cangas e dende a marcha de referencias coma Tomás Fontán ou Pablo Sánchez adquiriu a responsabilidade da capitanía. Ademais de peza capital en defensa e ataque, Fernando Eijo é un dos apoios máis grandes para os mozos que veñen empuxando forte e que chegan ao primeiro equipo. Como fixeron xa hai tempo Adrián Rosales e Serafín Pousada. Os dous laterais criados na canteira do Balonmán Cangas xa forman parte do núcleo de “veteranos” da plantilla, xa que tamén acumulan numerosas tempadas no primeiro equipo e ano tras ano van adquirindo maior peso na plantilla e responsabilidade. Serafín está padecendo problemas físicos que lle impiden render ao máximo pero o papel que está a xogar Adrián Rosales é fundamental. Compartindo posición con Alen Muratovic, posiblemente constitúan unha das mellores parellas de laterais esquerdos da liga.
Aportación de estranxeiros a custo cero
O bo facer dos dirixentes, dos adestradores e de toda a xente que rodea ao club axuda a conseguir xogadores estranxeiros que poidan dar un salto de calidade a un prezo adecuado a situación económica. Nun equipo de pobo, o trato humano é básico. As condicións económicas que lle poden ofrecer aos xogadores posiblemente non sexan as máis beneficiosas mais a cambio aseguran pagos ao día, aloxamentos, oportunidade de xogar nunha competición que nun día foi de primeiro nivel e unha afección exemplar. Así, os mellores olleadores ou embaixadores do Balonmán Cangas son os propios xogadores e ex-xogadores, que deixan ao club coma un conxunto serio e responsable. Así, este mesmo ano puido cubrir unha portería que está a funcionar optimamente. Mile Mijuskovic chegou da man de Alen Muratovic (igual que anteriormente o fixeron Marko Lasiça ou Marko Karleusca entre outros), á busca de oportunidades fóra do seu país e de chegar a unha liga competitiva a nivel europeo. E o seu compañeiro baixo paus, Felix Schmidl, grazas aos contactos dos dirixentes do Balonmán Cangas na Federación Alemana de Balonmán e ás boas referencias que recibiu de Kai Feldmann, xogador alemán que o ano pasado formou parte do primeiro equipo do Balonmán Cangas.. Nun deporte como o balonmán, que en España está tocado de morte economicamente, a forma de traballar de Manuel Camiña, Óscar Fernández, Víctor García “Pillo” e compañía é fundamental para que a milagre volva suceder tempada tras tempada.
Directores de orquestra de nivel
Para un equipo que debe loitar pola permanencia contar cun central da calidade de David García significa situarse un paso por diante dos seus rivais. O buenense é un dos mellores da categoría no seu posto e o Gatañal leva catro tempadas gozando coa súa dirección. Capacidade de mellora e nivel para chegar a un club con maiores aspiracións deportivas, mais a comodidade e a seguridade que lle ofrece o club do Morrazo en poucos lugares pode atopalas. Xunto a el, un mozo que está collendo unha importancia capital no equipo. Rubén Soliño comeza a recoller o relevo do seu irmán Suso dende a primeira liña. Despois dunhas tempadas de adaptación, cun ano fóra recollendo experiencia, Rubén está dispoñendo finalmente de minutos de calidade na plantilla e está respostando á confianza de “Pillo” sobradamente.
Canteira, presente e futuro
Nun momento coma o que se atopa o balonmán, a canteira xoga un papel esencial e o Balonmán Cangas pode presumir de ter unha das mellores do panorama estatal. Co Luceros, funcionando coma filial en Primeira Nacional, o Balonmán Cangas pode captar ademais de xogadores do Morrazo a outros da canteira galega que poidan comezar compaxinando o segundo equipo co primeiro para acabar dando o salto. Ese foi o caso de Moisés Simes, xa definitivamente no primeiro equipo. E ese será o camiño que tamén discorran Iván Amarelle, Ángel Iglesias, Eloy Krook e Adrián Pumar, habituais do primeiro equipo pero que seguen a coller experiencia apoiando ao Luceros.
Alen Muratovic
O montenegrino merece un aparte. Segundo el, só volta coa intención de botar unha man, de dar descanso aos máis habituais e de axudar ao equipo aportando experiencia. A realidade é outra. A cada partido que pasa está a facerse máis importante, no último contra Ademar marcando o gol que servía para empatar o partido a dezaseis segundos do final, e coa confianza que está gañando despois de catro anos sen xogar volta a converterse en referencia na primeira liña. O seu espírito gañador, a súa forza e, fundamentalmente, as dúbidas que segue a xerar nas defensas rivais son clave para entender a súa reaparición milagrosa. Unha reaparición ao nivel da tempada do Cangas: marabillosa.
Foto de portada: Balonmancangas.com