Antón Losada: “A sanidade e a educación públicas están pagando as consecuencias do seu éxito”
Cun só nome podemos englobar infinitas profesións. Antón Losada é profesor de política na USC, Doutor Europeo en Dereito, politólogo, escritor e nos poucos momentos de lecer, comentarista e columnista en diversos medios de comunicación. A súa facilidade de palabra, xunto cos seus elevados coñecementos da materia política, fano elemento indispensable en calquera tertulia política. O seu novo libro, Piratas de lo público, ocupa a primeira fila nos andeis de todas as librarías. Xa é coñecida por todos a súa defendida ideoloxía política. Deixa constancia dela en cada una das súas aparicións públicas e tamén nesta obra, na que quixo facer unha crítica dos ataques ao que para el é o sostén das sociedades no século XXI: o Estado de Benestar.
Que é o neoliberalismo corsario?
Un corsario era un pirata que asaltaba rutas comerciais por mandato real. Do que eu falo é destes funcionarios ou traballadores do sector público que se pasan á empresa privada e que despois volven ao sector público cun mandato propio do Goberno para asaltar o sector público e trasladar ao sector privado. Pasou nos anos 90 coas empresas públicas: transporte, comunicación e enerxías, e agora está pasando coa sanidade, coa educación e coas pensións, que son os grandes negocios do século XXI.
Pero iso de liberalismo ten pouco, non?
Por iso digo neoliberalismo.
Tamén se lle chama agora socialismo para ricos.
Parece máis o capitalismo de “amiguetes”. Saíu hai pouco unha noticia que é un exemplo perfecto do que eu digo. O caso este de Ana Mato contratando a Manuel Lamela para que lle faga un asesoría técnica para privatizar a xestión do hospital de Melilla. É avogado do Estado, chega a Consellería de Sanidade sen ter nin idea de Sanidade. Do Consello de Sanidade pasa o sector sanitario privado cunha empresa que ten un nome moi simpático, Madrid Medical Destination SL, que era unha empresa destinada a promover Madrid como destino turismo sanitario. Pero a que non sabes con que cartos funda a empresa? Con subvencións do concello e da Comunidade de Madrid. Nada menos liberal que iso. O obxectivo é claro: traspasar ese gasto público a gasto privado porque cada punto que traslades é un negocio de 10.000 millóns de euros. A sanidade e a educación pública están pagando as consecuencias do seu éxito porque o que era unha enorme carencia en España é un gran éxito e sobre todo un gran mercado.
Pero entón a solución sería deixar que compitan entre eles ou ceder todo ao público?
Non, a solución é reafirmar máis que nunca a validez do modelo público. Eu non teño ningún problema en que haxa provedores privados, nin competidores privados, pero non a conta de desmontar o sistema público.
Baixo o seu punto de vista, cales son os ataques máis graves ao Estado de Benestar?
Eu penso que o ataque máis importante é un ataque conceptual. O problema non son tanto os recortes que se fan, pero a verdadeira ameaza para o Estado de Benestar é cuestionar o verdadeiro significado do Estado de Benestar. Recórtase baixo unha filosofía que cuestiona a relevancia das bolsas. O problema non é que Wert recorte 1.000 ou 1.200 millóns, o realmente grave é que o fai utilizando unha concepción da bolsas que cuestiona á idea que eu teño de bolsa. Para min é un mecanismo de redistribución de oportunidades, non é un sistema de recompensa do mérito. E segundo, a responsabilidade é colectiva. É responsabilidade de todos que todos teñamos un nivel de servizos que nos garanta un desenvolvemento autónomo. Imos na dirección contraria, de “eu son responsable do que me pasa a min, pero non son responsable de que ese señor estea no paro”.
E dentro deste discursos como se encaixa que un libro cun discurso totalmente diferente como é o de Daniel Lacalle e o seu estean competindo tan directamente en ventas neste momento?
Eu penso que o gran consenso que había arredor do Estado de Benestar como un modelo desexable, con matices pero que a gran maioría apoiabamos, acabouse. Agora temos unha sociedade moito máis polarizada. Estamos os que seguimos pensando que ese é o camiño e que se pode ampliar aínda máis, e os que cren que o Estado do Benestar se converteu nun problema e hai que desmontalo.
En que medida pensa que a súa relevancia pública ten algo que ver coas ventas?
Total. Non nese sentido de que a xente só compra as cousas que aparecen en televisión, senón que a relación coas ventas está en que a xente saiba de que eu escribín un libro sobre isto. Por iso os que estamos na universidade e os que estamos na investigación social temos que ter unha presenza moi activa nos medios de comunicación, porque senón ninguén sabe o que facemos.
Recuperando un pouco esa perda da importancia do Estado de Benestar, pensa que hai algún político en España ou en Galicia que nos axude a recuperar esa confianza?
Non. O tema da austeridade neste momento compárteo a dereita e a esquerda. Entón é moi difícil gañar un combate político cando o marco está fixado polo adversario. O final o debate é votar aos que din que son 67 anos ou aos que din 68. Eu quero alguén que me diga “non vou retrasar a idade de xubilación porque o sistema de pensións funciona” e iso é o que falta neste momento. Penso que é paradigmático pensar en quen está a defender agora o sector público, os líderes políticos ou os usuarios do sector público? Quen está nas mareas, os médicos e os pacientes, os alumnos e os profesores ou os políticos? Estamos moi indignados polas reformas que acaba de facer Rajoy, pero hai uns anos Zapatero fixo unha nesta mesma dirección.
Hai que xirar á esquerda como dixo Rubalcaba?
Exacto. Para facer política de dereita voto á dereita. O que quero é unha alternativa. Ademais, penso que a alternativa é viable. Eu son dos que pensa que o Estado de Benestar funcionou moi ben. Precisamente porque se converteu nun negocio, agora non funciona. Fai 30 anos a sanidade en España non era un negocio porque era un ben que non tiña valor. Agora si, porque a xente afíxose a ter un nivel de sanidade e se podes buscas como compensar o que che quitan. O noso problema non é un problema de gasto, nin un problema de despilfarro, senón de que levamos demasiado tempo sostendo o Estado de Benestar co turismo. Hai espazos de riqueza enormes en España que non pagan ou que cada vez pagan menos. De feito, aínda hoxe que tanto se fala do gasto público seguimos gastando por debaixo da media dos países da Unión Europea, tres ou catro puntos por debaixo.
Ademais da súa mensaxe pensa que tamén deberían cambiar a cabeza visible do partido?
Non o sei, porque a min isto de premiar a renovación e xuventude non me parece de todo correcto. Neste momento, da igual a quen poñas. O problema é que non te cren porque non é crible. As solucións son programáticas. Por iso paréceme moi interesante o que acaba de pasar en Madrid co conflito da limpeza porque é a primeira vez que o discurso oficial perde e demóstrase que hai outras opcións. Non hai por que botar á xente a rúa, había outras alternativas.
Son nacionalista e morrerei séndoo
Xa falamos de alternativas no goberno central, tócanos falar do BNG. Por que se foi vostede do Bloque?
Eu marchei do Bloque cando deixei a política e dimitín por razóns estritamente persoais. Dende o primeiro día dixen que ía estar alí só dous anos. Tiña pensado manterme como militante do Bloque. O problema foi que ao retomar a miña participación nos medios de comunicación, as miñas declaracións como tertuliano aparecían reflectidas ao día seguinte nos medios de comunicación como “Exdirixente do BNG dixo…” e por iso decidín cortar radicalmente. A pesar diso, eu son nacionalista e morrerei sendo nacionalista.
Pero despois diso apareceron unhas fotos en ABC que o relacionaban co PSOE.
Pero iso foi unha xuntanza puntual, e nin sequera foi unha xuntanza. Eu estaba falando con Pepe Blanco na rúa. Teño unha relación persoal con Pachi Vázquez, pero nunca traballei para o PSOE. Tamén fun asesor de Enrique López Veiga, din por aí. Se vas a Galipedia din que empecei como asesor de López Veiga e fixen a miña tese do doutoramento sobre a etapa de López Veiga de conselleiro.
Pensamos que a saída do BNG fora por motivos de organización, e por iso lle íamos preguntar se entende as razóns que levaron a Beiras a marchar tamén.
A marcha de Beiras do Bloque paréceme unha falta de lealdade. Hai que saber gañar e hai que saber perder. Que pasaría se Beiras gañara? Por que partido se presentaría? Eu sinceramente penso que a política haina que facer doutra maneira.
“A marcha de Beiras do Bloque paréceme unha falta de lealdade”
E como xustifica os resultados tan bos que tivo AGE nestas últimas eleccións?
Hai unha suma de varios factores. Primeiro, había moitos intereses de que Beiras tivera uns bos resultados. Supoño que Beiras é consciente e non negará que recibiu unha sobreatención mediática, mentres que os demais non. Unha estratexia clara do PP de darlle unha relevancia, un papel na campaña que en principio non debería ter tido. Ademais, en todo momento o PP buscou a confrontación directa con Beiras. Non porque quixeran beneficiar a Beiras, senón porque Beiras activa o voto. Activa aos seus, pero tamén activa o do PP. Cómpre recordar que o bo resultado que ten o PP teno a pesar de que Feijoo suma 100.000 votos menos que nas eleccións anteriores. Suma máis deputados porque o voto de enfronte divídese entre eles. E logo están os fallos do BNG.
Cales foron?
Eu penso que por parte do BNG foi un gravísimo error deixarlle toda a herdanza do bipartito ao PSOE, cando o mellor que se fixo no bipartito fíxoo o BNG. Tanto na área de servizos sociais, coma na área de vivenda ou o banco de terras. As catro cousas que tiveron impacto no bipartito fíxoas o BNG. Reivindicou moito máis a esencia do bipartito Beiras que o BNG.
Como recorda o seu posto nesa etapa do bipartito?
Foi unha etapa movida, moi intensa. Para min foi unha experiencia moi frutífera dende o punto de vista profesional, persoal. Deume a posibilidade de contrastar cousas que levaba moito tempo soñando. Penso que me fixo mellor profesor, agora cando lle explico aos meus alumnos cousas de xestión sei exactamente de que estou falando porque, para ben ou para mal, moitas das cousas que lles conto pasáronme a min. Pero tamén foi unha etapa totalmente cerrada da miña vida. Foi bonito mentres durou.
Cambiaría algunha cousa?
Non. O cal non quere dicir que considere que acertara en todo, pero sinceramente non lamento nada do que fixen. Podería ter feito cousas mellor? Si. Se agora me tivera que enfrontar á época do bipartito dedicaría máis tempo a coidar a relación co socio. Penso que aí equivocámonos todos. Ningún dos que estabamos alí acababamos de entender como o funcionaba o Goberno de coalición.
No resto non. Nin no dos gardas, nin nada diso. Penso que fixen o que tiña que facer e volvería a facelo. O da tele, tamén o volvería facer, o de ensinarlle o himno na Galescola non porque nunca foi idea miña, deso non me teño que arrepentir. Volvería chamarlles Galescolas? Si.
A pesar de que vostede xa non estaba no 2009, cree que é precisamente por iso polo que se perden as eleccións, ou polos Audis, ou o sillón de Méndez Romeu… Cal é o motivo?
Todo iso é unha corrente de fondo. O problema principal é o que ten que ver coa situación interna que tiña o BNG. Esas eleccións para o BNG eran unha confrontación entre dous proxectos. Se o bipartito gañaba e se mantiña o Goberno de coalición, o proxecto de Quintana consolidábase e o proxecto da UPG ía ter un problema. E se o BNG quedaba fóra do Goberno, o proxecto Quintana morría con el, e a UPG recuperaba un control que estaba perdendo.
Por que perden votos nacionalistas? Porque medio BNG estivo os catro anos de Goberno poñendo a parir ao Goberno. Entón, a UPG fixo unha estratexia sistemática de crítica continua a acción do BNG no Goberno. Estás catro anos dicíndolle aos teus que o estás facendo mal, e de repente en quince días dislles que hai que ir a votar.
No PSOE pasou un pouco o mesmo. O PSOE tiña un problema interno con Touriño e a organización, como se viu na noite electoral, e había unha parte do PSOE que quería que Touriño perdera as eleccións. Había unha loita brutal polo poder como se puido ver a noite das eleccións. Sacaron todos os coitelos e axustizárono. A Touriño non lle deixaron nin respirar.
Fóra? Co núcleo de Madrid, con Rubalcaba e o resto?
Non, era aquí. Touriño gobernou de costas á organización. Os problemas foron internos. Cando tes dúas organizacións que se dedican a dicirlle aos teus votantes que estás gobernando mal, é moi difícil que te vaian votar. O que percibían os galegos eran dous socios pelexando. A oferta electoral de Touriño foi que ía vixiar ao BNG. Que clase de mensaxe é esa? Este é un chorizo pero tranquilo que xa o controlo eu?
De feito vemos como agora nin sequera o BNG nin o PSG intentan facer un recordo desa época. Parece que foi unha época que se cumpriu e que non se reivindica.
O nacionalismo só gobernou Galicia unha vez, que foi no bipartito. Esa é unha etapa que está borrada no discurso actual do BNG, igual cren que así van recuperar a confianza da xente, e máis agora o que se está quedando máis ou menos con moitas cousas do bipartito é o PSG. A paga aos pensionistas que tiñan unha pensión non contributiva puxémola nós, pero quen a capitaliza ano a ano son eles. Pois iso foi unha cousa do vicepresidente da Xunta Anxo Quintana. E a primeira reacción foi a do vicepresidente Touriño dicíndonos que estábamos violando a Constitución. Entón viñeron onda min uns compañeiros vosos dicirme iso, e aí foi a miña famosa resposta de: “Eu creo que o presidente Touriño non entendeu a proposta”.
Ve posible unha recuperación desa unión?
Non sei se é posible ou non, pero dende logo é unha gran alternativa o PP. Se hai alguén no PSG, no BNG ou en AGE que pensa que el só pode derrubar ao PP é que non entende o sistema político no que se move. Galicia é un sistema político de tres espazos: dereita, esquerda e nacionalismo. Calquera alternativa ao PP ten que sumar os dous espazos. Ten que haber alguén que capte o voto da esquerda e alguén que capte o voto nacionalista, senón non hai alternativa ao PP. Porque a opción de gañarlle en solitario o PP, ou que un partido nacionalista, como se chame, lle gañe ao PP é imposible, porque non hai espazo, non hai electores para iso.
A paga aos pensionistas que tiñan unha pensión non contributiva puxémola nós, pero quen a capitaliza ano a ano son eles
Como pode mesturar unha vida dedicada á política coa de tertuliano en radio ou televisión ou mesmo de profesor da universidade?
Botándolle moitas horas. Agora estou fundamentalmente na universidade, gran parte da miña colaboración nos medios é basicamente nas fins de semana. Eu creo que é imprescindible, sobre todo para os que estamos nas ciencias sociais. Eu aí fíxome na economía, unha das cousas que entenderon moi ben é que hai que estar no debate público.
Pode ter algo que ver tamén esta especie de mala prensa que teñen os tertulianos que se di que opinan de todo e saben de todo?
Non hai que confundir un tertuliano e un experto. Un tertuliano é alguén que intenta trasladar a opinión que lle produce determinado fenómeno en determinadas situacións ao estado de ánimo dunha sociedade. Hai tertulianos que se cren expertos e non o son. Por exemplo, fun o sábado pasado a falar do franquismo a un programa de Telecinco e tiña enfronte a Pío Moa, que se cre historiador e se cre experto, e non é ningunha das dúas. É un home que leu moitos libros de historia e que escribiu unhas teses, pero nin é historiador nin é experto. O problema non é que haxa tertulianos que opinan de todo, o problema é que hai moito tertuliano que opina como se fora un experto.
Algún tertuliano ao que sexa difícil enfrontarse ou que lle guste especialmente.
Realmente gústanme os debates que teño con Zarzalejos porque me parece un compadre de tertulia que saca o mellor de ti. É un tipo preparado, solvente, que realmente fai que a tertulia se convirta nun debate. Compártense ideas e sensacións e reflexións. Tamén boto moito de menos a Fernando Fernández con quen estiven bastante polas mañás na Ser. Era moi intensa a polémica. Iso en radio, e despois na tele con Pedro J. en 59 Segundos cando ía aos Desayunos porque tíñamos un trío Anabel Díaz e Germán Yanke que estaba moi ben. Esas si eran unhas tertulias como deben de ser.
Tamén en Twitter está continuamente en disputa con alguén. Que papel lle ve vostede a esta rede social?
Resúltame moi útil. Primeiro porque recibo moita información que doutra maneira non tería nin tempo, nin capacidade. Se alguén non me mandara un tweet nin sabería que existen. Ademais, tes un feedback inmediato. Podes saber no momento se conseguiches transmitir esa mensaxe . Ás veces levas unhas sorpresas enormes, resulta que dis unha cousa e a xente entendeu completamente o contrario, ou algo que ti non quixeches dicir.
Tampouco ten problema en entrar nunha discusión con xente con quen incluso vemos na televisión, coma Daniel Lacalle ou Gay de Liébana.
Eu con Daniel lévome moi ben, non discutimos e Gay non discute con ninguén (risas). Iso era máis con Hermann Tertsch, pero máis por culpa del. Ou con Enrique Dans porque non entende o que é un debate en democracia. Eu nunca bloqueo a ninguén, pero o que me parece a leche é bloquear a alguén e seguir falando sobre el como me fixo a min. El foi asesor da campaña de Feijóo, non pasa nada, non ten de que avergonzarse. De feito recoñeceuno nunha entrevista. Pero, gústame máis a polémica con xente que non sei a veces nin quen é porque aprendo moito. E como un baño de realidade, e moi barato ademais.
Fotografías e colaboración de Darío Domínguez