A última revolución capilar: calvos con coleta
Quizás a fin do ano sexa un bo momento para sinalar os fitos máis destacados do a piques de finalizar exercicio, pero tamén pode verse coma un momento de renovación, de novos propósitos e de cambios inusitados… Tal vai ser o leitmotiv do presente artigo de Modas e modismos, a revolución, o desenfreo, o risco!
Desde os abismos do inframundo estilístico chega imparable unha tendencia que non vai deixar indiferente a ninguén. Antes de que Rihanna se sume a esta bizarría, aquí, en Compostimes, adiantámosvos o peiteado estrela, ese que ata Angy envexaría por serdes quen de atraer todos os ollares cara o voso cogote…

Rihanna, juicytings.com e Angy Fernández, grazia.es
Estamos a falar nada máis e nada menos que do peiteado… calvo con coleta!
Pois si, amigos, un look que parecía reservado aos samurais e os heavies/frikis talluditos vén pisando forte para impoñerse como as novas californianas.

Samurai, cracked.com, Jeff Albertson, la vida del cochino.es e un individuo anónimo cunha frondosa coleta, adamriff.com
Froito dun matrimonio de conveniencia entre a chamada “filloa” ou “rebanda de xamón” e as rastas con pelo curto, xurde este paradoxo da expresión capilar:

desmotivaciones.es, eloscuroborde.wordpress.com e joesportsfanstl.com
Á parte da súa evidente fermosura estética, o calvicie-coletismo ten múltiples usos e vantaxes. Non nos estamos a referir aos Sansóns que quizás se agochen tras este look aparentemente caprichoso que por medo a perder a súa inconmensurable forza non curtan a coleta aínda que só sexa unha sombra do que fora… Non, falamos doutro efecto que retrasa, ou polo menos agocha, o avellentamento, o efecto lifting! Non hai nada coma unha cola de cabalo ben tirante para estirar todos eses pregues que o reloxo vai debuxando na faciana, e se non que llo digan á defunta Sara Montiel…

showbiz.publimetro.cle
Faría falta unha ecuación físico-atómico-anatómico-fractal-complicadísima pola cal puideramos coñecer o efecto lifting en función do grosor da coleta; o que si podemos deducir é que resulta probable que as patas de galo e a papada queden máis disimuladas que as engurras da fronte.
Outra función interesante é a comunicativa… Se un/ha individuo/a leva coleta é porque aínda non a cortou, se non cortou a coleta quere dicir que aínda non se retira, que aínda non asentou a cabeza, o cal pode querer dicir que… aínda é un/ha animal/a de caza! Está preparado para calquera asalto amoroso-sexual… Así que xa sabedes, se vedes un/ha calvo/a con coleta pode querer dicir que é unha alma libre, sen ataduras… Aínda que cabería preguntarse que veu antes, o celibato ou o calvicie-coletismo.
E por último, pero non por ilo menos importante, o calvicie-coletismo pode ser unha fonte de constante inspiración estilístico-capilar, fermosos recollidos románticos poden realizarse no remate da caluga para acudir ao evento máis escolleito que se presente.
Como proposta complementaria para este hit da tempada deixámosvos uns xeitosos accesorios para o pelo que poderán darlle ese toque naïf tan favorecedor ao voso look.

Todo de Claire’s, claires.com
Imaxe destacada: news.moviefone.com