15 series web galegas a ter de ollo

Decembro: Frío, traballos, escaso tempo libre, nulas gañas de saír da casa… entón, que facer? A televisión, con toda a súa trapallada diaria, non parece unha opción… e no Facebook e mais no Twitter hai 10 minutos que non pasa absolutamente nada. Entón en que investir esa media horiña que temos libre entre o traballo de socioloxía e a clase de empresa? En Compostimes temos a situación: as webseries!

Na casa, na facultade, no tren, no bus, na comuñón de teu primo… sexa onde sexa, as webseries son unha opción tremendamente interesante para pequenos momentos de aburrimento. Hainas de risa, de choros, históricas, documentais, críticas… vaia, que temos para escoller. Nós, polo de agora, imos facer unha escolma de 15 webseries representativas Made in Galicia para demostrar que aínda que as series por internet poidan parecer algunha cousa moderna e de lonxe, hainas ó pé da casa (e a maioría con vocación internacional). Ollo, que enganchan!!

Entre Pipas

Unha das series webs máis populares de España: simple e efectiva. Nela podemos coñecer as historias que suceden entre dous amigos (Luis Zahera e Xúlio Abonjo) arredor dunha bolsa de pipas. Capítulos curtos e situacións divertidas fan que esta popular serie fose premiada en varios e prestixiosos certames e que estea a piques de rematar a súa terceira tempada, cifra moi destacable para un traballo que ten como única distribución a feita en liña. A demostración empírica de que o bo, se breve, dúas veces bo.

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Angélica y Roberta

Outra desas series web que trunfan a nivel nacional. A súa fórmula? Dúas fermosas mozas… frikis. Porque, efectivamente, elas tamén poden ser unhas rariñas de campionato… e levalo con orgullo. Angélica e Roberta (Sonia Méndez e Sandra Lesta) son dúas amigas que non se senten moi a gusto no mundo que lles tocou vivir, e fan o que poden por levalo o mellor posible. Ademais das historias, é tamén salientable a calidade do aderezo e da música, así como o nivel técnico. Penso que aínda que só sexa por levar o Mestre Mateo á mellor serie web na súa última edición xa merecen que lle botedes unha ollada a algún capítulo, non?

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Non Saímos do Lixo

Retranca, alguén dixo retranca? Crítica e cómica de principio a fin. Só ten 10 capítulos, pero que van dende os 10 ata os 20 minutos, polo que se nos poñemos a ver toda a serie, precisaremos varias horas. Cun formato que prefire tirar de pezas cómicas (sketchs) máis que de historias longas, non deixa a ninguén libre de ser satirizado. Aínda que leva un ano sen subir novos capítulos, ten méritos dabondos como para gañar o aparecer nesta lista.

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

El Quid

Alguén dixo que as series na rede só versan sobre o humor? El Quid chega demostrando que non, e preséntanos un misterio ó puro estilo das series policíacas. Conta cun reparto de luxo, e está a piques de chegar ó fin da primeira tempada. A puntiño de saberse quen é o asasino… non tes curiosidade?

Máis informaciónFacebook Twitter El sótano

Clases de lo social

Baseada na curtametraxe ”Unhas clases do social a tempo”, os seus creadores decatáronse de que a idea daba para máis que iso e puxéronse mans á obra. Tamén conta cun formato de pequenos sketchs e en cada capítulo fálanos de hipotéticas situacións sociais e sobre como resolvelas con éxito. A quen non lle ten pasado ir comer algo cunha moza que nos enche o ollo e non saber se debemos convidala ou se, pola contra, iso é cousa ofensiva doutra época? Pois para saber que facer, témolo ben fácil. Matriculámonos nunhas boas clases do social?

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Un sitio distinto

Serie de animación que ven a confirmar que a animación galega é un dos puntos fortes do noso audiovisual. Un sitio distinto é Miñanco, lugar onde suceden as aventuras desta divertida serie web. Descarada e divertida, conta con personaxes moi carismáticos que nos axudarán a pasar un anaco divertido cunha visión moitas veces crítica dun sitio que ó final resulta non ser tan distinto. É que xa o dicían Os Resentidos: Galicia, sitio distinto!

Máis informaciónPáxina web / Facebook

Te quiero, pero…

Outra importante serie web a nivel nacional, dando caña dende 2011. Moi pícara e adulta, ó tempo que divertida. Polo de agora só conta cunha primeira tempada de capítulos de 10 minutos cheos de sexo e problemas de parella, pero é moi probable que haxa unha segunda. Tamén foron nomeados para os últimos Mestre Mateo, mais quedaron ás portas. Se vos vai o rollo morboso, botádelle unha ollada. Ten moito amor e moito sexo, pero…

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

O gran compadre

O Gran Compadre foi lanzado á internet co misterio de non saber quen estaba detrás deste asunto. Prometía ser o primeiro reality show galego. O premio? Nada menos que converterse en Director Xeral de Xuventude da Xunta. Tres mozas e tres mozos de ideoloxías completamente opostas e variadas encerrados nunha casa durante 60 días. Un novo intento da xunta por achegarse á mocidade? Unha campaña dalgún grupo político nacionalista? Un viral da TVG para presentar un novo programa? O caso é que rematou o asunto e foron os internatutas, con máis de 500 votos, os que escolleron ó gañador. Queres saber quen foi? Entón vas ter que velo…

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Fame

Dúas mozas feitiñas, unha avaría no vehículo, unha noite nun motel e moito alcol: esas son as premisas de Fame. Pero… que ocorre se xuntamos todo isto? De todo menos cousas boas. Mais estas rapazas non están dispostas a que ningún problema se lles interpoña no camiño. Elas veñen con Fame, e van conseguir o que queren, como de costume. Os 3 capítulos que conforman a primeira tempada vanvos saber a pouco, pero non sufrades, haberá unha segunda. Seguilos nas redes sociais é a mellor maneira de estar ao tanto.

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

El viudo quiere mimos

Un home novo casa. Ó pouco tempo, mórrelle a muller. Que vos parece a situación dun viúvo que non chega aos 30 anos? Á xente de Magnetova parécelles, canto menos, graciosa. Se vos repugna o humor negro, non vexades isto. No caso contrario, dádelle a benvida a unha das vosas series favoritas. O único malo desta serie é que só ten dous capítulos e que hai que esperar varios meses entre eles… iso si, publican de vez en cando pequenos petiscos que nos axudan a levar mellor a espera. Nunca a humanidade tivo tanto que agradecer ó paro de dous guionistas, situación que foi o xermolo desta marabilla.

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Joke Business

Serie sobre o audiovisual feita por xente do audiovisual. Unha vez máis, a paixón pode máis que as limitacións económicas e de equipo, e tírase de creatividade para levar a cabo un ambicioso e profesional proxecto. Nela tratan tópicos e situacións comúns no mundillo audiovisual desde unha perspectiva cómica, non de vítima. A participación é aberta, pero profesional: non se supera o día de gravación en cada capítulo.

– Unha serie sobre o audiovisual? A quen lle pode interesar?
– Fanse series sobre médicos, non?

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Canillejas

Outra e sorprendente serie que demostra que a falta de apoio dunha televisión non é problema cando se ten ilusión e profesionalidade. Mesmo á hora de facer unha serie histórica… co traballiño que dá! Don Leopoldo Mariano de Sagasta y Hannover é o protagonista desta serie. El, xunto co seu amigo Canillejas, deciden aproveitar a súa xuntanza para poñer a andar un aparello que o primeiro recibira había tempo dun prometedor inventor da época, o señor Tesla. O misterioso invento leva por nome “Elektrovisor”, e ten unha curiosa función. Non che pica a curiosidade?

Máis informaciónPáxina web / Facebook Twitter

Poetarras

Poida que non sexa unha webserie como tal, pero como son unha serie de vídeos, e están na web, ímolos deixar coarse nesta lista. Ademais, acaban de concluír unha tempada, polo que se pode intuír que haberá outra máis (aínda que a humanidade conserva a esperanza de que non sexa así). Este colectivo “arterrorístico” está formado por tan só 3 truáns e algúns arrimados que lles axudan a levar a cabo este proxecto (o cal ten aínda máis pecado, se cabe). Gustan de randearse entre o politicamente incorrecto, a bazofia absoluta e o incriblemente bo. Ademais, non saben o significado de “pretensións”. Pero son bastante graciosos, non credes?

Máis informaciónFacebook / Twitter

PIB

Produto interior bruto. Pero bruto, bruto. Dende a Galicia profunda chéganos a historia de dous amigos do rural un tanto peculiares. “Baseado en experiencias reais”, afirman. Eu, por se acaso, vou procurar non achegarme máis do necesario a esta xente. Conta cun só capítulo polo de agora, pero apuntan alto. E non che vou dar máis motivos, hostia. Mira o capítulo dos collóns e déixate de caralladas, mecagüendios!

Máis informaciónFacebook

Para mariñeiros, nós

Pinto e Cobiñas son dous históricos das series en liña galegas. Se ben é certo que deron o salto á televisión da man de V Televisión hai xa algún tempo, merecen ser nomeados aquí polos seus inicios nas redes (tanto nas dos portos como na internet). Humor cargado de retranca e situacións diversas son o que nos ofrecen estes auténticos lobos de mar.

Máis informaciónPáxina web / Facebook / PMN en VTelevisión

Como dicían os Diplomáticos de Monte Alto, “somos un pobo de artistas”, e con este artigo queda demostrado unha vez máis. As series web teñen a vantaxe de ser relativamente baratas para os creadores, e permiten dar renda solta ós novos talentos do audiovisual. Iso sumado á gratuidade e flexibilidade da súa distribución fan que sexan tamén moi atractivas para os espectadores. O principal inconveniente, claro, salta á vista: quen as grava, faino por amor á arte. Parece que quedan lonxe os tempos nos que pensamos que calquera pode forrarse en internet, mais aínda esta semana escoitei un “joder, si te la pegas y lo tenemos grabado… lo subimos a internet y nos forramos!!”. Sei que pode ser unha brincadeira, pero, por se acaso, aclároo: ninguén se fai de ouro cunha webserie… como moito 5 ou 6 youtubers que lonxe quedan de este tipo de proxectos que hoxe vos presentamos. O resto, con sorte, conseguen cubrir os gastos da gravación. Así que xa sabedes, se vos gustan, dicídeo e compartide. É a mellor maneira de agradecer o esforzo aos creadores (e é gratis!!).

Se queres saber de máis series web galegas, podes pasarte por Petitsodios, malia que por desgraza leva tempo sen actualizar. Aínda así, non estaría de máis engadila a marcadores por se algún día retoma a actividade.

Imaxe destacada: Angélica y Roberta