O home que o facía todo en Italia

Lascia che io viva
un amore romantico
nell’attesa
che venga quel giorno
ma ora no.
Gigliola Cinquetti, Non ho l’età

Nunca olvidarei o día que crin ver a Silvio Berlusconi. Foi a finais de marzo de 2008, no medio da campaña electoral que o devolvería ó poder despois do breve interludio de Romano Prodi. Deambulaba eu polo Corso Magenta de Milán máis concentrado no delicioso panzerotto Luini que tiña entre mans ca na rúa que tiña baixo pés, cando de súpeto un bocinazo me fixo volver dende ese exquisito bocado ata o mundo dos vivos. Pasaba polo meu lado unha caravana formada integramente por coches negros, ordenados de menor a maior ostentosidade: os Fiat do principio pronto pasaban a ser Mercedes cos cristais tintados. Sete vehículos pasaron ata chegar ó centro, un coche de altísima gama evidentemente blindado e cun par de bandeiriñas no capó. Despois, volta ós Mercedes, ós Fiat e ó panzerotto. Deducín entón que acababa de ter a dous metros (e 50 quilómetros por hora) ó mesmísimo Cavaliere, que ese mesmo día daba un discurso na cidade. Podía ben ser algún dos Agnelli que viña de tendas, ou Gennaro Gattuso, ou Raffaella Carrà. Pero preferín crer, a xulgar polo nivel do convoi, que se trataba do que en breve volvería ser primeiro ministro italiano.

Dende entón, tomo calquera información sobre Silvio Berlusconi coa mesma dúbida razonable coa que trato a súa aparición ante os meus ollos naquela primavera de hai cinco anos. En España non ten boa prensa —e deduzo que no resto de Europa será aínda peor— por ese certo aire de hombre en Italia que lo hace todo, que cantaría Astrud, que tanta desconfianza dá a este lado dos Pireneos. Nos anos directamente anteriores a que a TDT cruzase os Alpes, dábase a circunstancia de que cinco das seis cadeas de televisión estaban controladas por Il Cavaliere: Rai Uno, Rai Due, Rai Tre e as dúas coa floriña de Mediaset. Silvio multiplicara por tres a capital de Lombardía cos megaproxectos inmobiliarios Milano Due e Milano Tre; tiña un dos maiores bancos do país; dominaba a enorme casa editorial Mondadori, a produtora Endemol, o diario “Il Giornale” e unha recua máis de medios de comunicación. Poderíase dicir que Silvio Berlusconi é a encarnación transalpina do crony capitalism: serviuse dos resortes da política para engrandece-la súa fortuna e da súa fortuna para incrementa-la súa influencia política.Barack_Obama_Silvio_Berlusconi_Dmitri_Medvedev_Hu_Jintao

Como pode ser que un home así fose catro veces primeiro ministro italiano? Descartamos por completo a teoría de que os italianos sexan estúpidos, como saberá ben calquera persoa que os vise ligando. Os nativos ofrecen a esta pregunta respostas moi variadas. “Polo menos el facía algo, non coma Prodi”, contábame un italiano non demasiado partidario do Zapatero italiano en 2007. “Silvio Berlusconi non controla todo iso que se lle atribúe, é mentira”, recalcaba outro, nun moi convincente exercicio de autoengano que, non obstante, tiña un substrato de verdade: o seu holding Fininvest está presidido pola súa filla Marina Berlusconi e quen se senta no Consello de Administración do seu brazo mediático, Mediaset, é o seu fillo Pier Silvio. Il Cavaliere non ten responsabilidades orgánicas nas súas empresas, aínda que nun país como Italia coñezan moi ben o poder da famiglia.

Silvio Berlusconi, o que chamou a Angela Merkel “cuazo manteigoso infollable”, o que se ofreceu a pagarlles unhas putas ós obreiros que reconstruían L’Aquila en 2009, o que facía ás súas arquicoñecidas veline vestirse de Barack Obama, identificou coma ninguén a idiosincrasia do pobo italiano. Só eles podían comprender e apreciar a Silvio, do mesmo xeito que só eles saben distinguir entre fettucine e tagliatelle ou entre o sabor dun xeado de bacio e un de Kinder. O seu aire campechano (ehem) fixo de cristal tintado para ocultar todo o que había detrás: un político que usou descaradamente o poder para fuxir da xustiza, que elevou a política espectáculo á categoría de culto, que aínda sendo de dereitas se desembarazou dos seus vellos colegas políticos (Gianfranco Fini, Angelino Alfano) ó máis puro estilo comunista e que non soubo evitarlle ó seu país o caos económico. Pero algún día Il Cavaliere tiña que baixa-las ventás.