Gadis patrocina o teu nacionalismo

Unha das queixas que con máis frecuencia e amargura se lles poden escoitar ós militantes nacionalistas é que a meirande parte dos seus compatriotas están españolizados. Que, aparvados por tanto Mujeres, hombres y viceversa e un sistema económico, político e social opresor e colonialista, o galego novo de hoxendía é idéntico —con matices— a un andaluz ou aínda peor, a un madrileño. Ese inexorable proceso de dexeneración nacional (ou así) é o que leva a ducias de militantes, coa mellor intención do mundo, a intentar conciencia-los seus semellantes, nunha ecuación onde “concienciación” significa o mesmo que para persoas doutras latitudes ideolóxicas quere dicir “evanxelización”.

Estas reivindicacións adoitan ter, como todos vemos, un alcance máis ben moderado. Excluíndo circunstancias excepcionais coma o naufraxio e posterior xuízo do Prestige, cando a aldraxe sae a borbotóns da conciencia galega, o ideario nacionalista non conseguiu calar a unha porcentaxe de poboación similar ó que si impregnou en Cataluña ou Euscadi.

IMG-20131114-WA0005

Outro dos pecados orixinais do Gadis | Simón Caaveiro

Nas últimas semanas todos fomos testemuñas dunha reivindicación da idiosincrasia galega que si calou fondo. Un berro galeguista que ecoou por conversas de bar e de cafetería de facultade, muros de Facebook e liñas do tempo de Twitter. Foi o arquicoñecido anuncio “Se chove, que chova” dos supermercados Gadis. Como dende hai xa varios anos veñen facendo as súas campañas publicitarias, Gadis está facendo que berren con fachenda Vivamos como galegos! moitas máis persoas das que enchían calquera manifestación do 25 de xullo, ou mesmo aquelas multitudinarias de Queremos Galego do principio da pax feijooniana. Aínda que sexa, como nalgunha acción de dudoso gusto, repartindo tortillas precociñadas nos campus como epítome do enxebre.

Os libertadores da patria deben estar tirándose dos pelos. “Unha empresa ultracapitalista, que comezou a falar galego nas súas comunicacións antonte e que emprega Galicia deliberadamente cunha finalidade mercantil e publicitaria e que, así e todo, consegue que persoas que na súa vida votaron unha forza política galega partillen ese maldito vídeo no seu taboleiro de Facebook!”, laméntanse coa amargura do intelectual despechado porque a moza lle marchou cun completo ignorante con moitas horas de ximnasio.

“Unha empresa ultracapitalista, que comezou a falar galego nas súas comunicacións antonte e que emprega Galicia deliberadamente cunha finalidade mercantil e publicitaria!”

As hordas españolizadas e americanizadas, unanimenente emocionadas por un anuncio gravado na coruñesa Praza de —para máis inri— España e con choiva de mentira! Talvez algúns daqueles que, con moi boa vontade, traballan politicamente a prol dunha Galicia liberada, deberían extraer disto algunha conclusión, e non me refiro a pasearse polas rúas galegas a lomos dun cabalo. Quizais, e só quizais, se deixasen de poñerlle apelidos ó galeguismo, este poderia ser unha opción política asumible para aqueles que aman Galicia, pero sen máis. Ata agora o nacionalismo galego pasou a vida descartando persoas, mais, casualidade, os seus mellores resultados electorais coinciden cos anos nos que se decidiu a sumar no canto de restar. Porque moitos cremos nunha Galicia que pode reivindicarse sen bandeiras comunistas nas manifestacións e sen demais aditivos —socialista, antipatriarcal e, dentro de pouco, tamén vexetariana, ata que lle quitemos o touciño ó cocido— que fan que votar algo galego saiba peor cás tortillas envasadas ó baleiro.