E.V.N.I. (Escano Voador Non Identificado)

Las leyes son como las mujeres: están para violarlas
José Manuel Castelao Bragaña, exdeputado

Din que non hai mellor forma de comprende-lo alcance dunha desgraza ata que se vive en carne propia. O pobo galego viu durante séculos como o seu sangue máis novo e vital fuxía da terra en dirección a outros ecosistemas onde poder desenvolver mellor a súa vida. Ó longo do século XX, as organizacións políticas galeguistas, das que a actual Alternativa Galega de Esquerda (AGE) declárase herdeira, veñen loitando contra a lacra da emigración. Nestes ingratos días que vivimos, foi a coalición pilotada por Xosé Manuel Beiras Torrado a que experimentou, como unha metáfora da nosa terra asoballada, a fuxida dun dos seus mellores intelectos, o deputado David Fernández Calviño, cara a latitudes máis norteñas. Calviño, David de Toén, sempre dixera que quería ser científico e non político.

Un bo día 22 de outubro, David de Toén anuncia que deixa o seu escano para marchar de investigador a unha universidade en Dinamarca cobrando a metade do que gañaba no Hórreo pero, ó fin e ó cabo, facendo o que quería. A sucesión antollábase moi doada para as máximas autoridades alternativas: Calviño, cabeza de lista por Ourense, non lle deixaría o seu posto á número dous na lista, unha tal Carmen Iglesias Sueiro, “Carmiña”, senón á número tres, Iolanda Pérez Docampo. O motivo? Que Iolanda, coma David, era de Anova, mentres que Carmiña era de Esquerda Unida e a súa entrada no Hórreo significaría que as forzas desa sólida coalición contra o capitalismo se descompensasen.

Co que non contaban Beiras e Yolanda Díaz era con que Carmiña fose unha muller liberada empoderada que non deixou que a ponte pasase por riba dela. Carmiña argumentaba que, se AGE preconizaba a “unidade de acción contra o capitalismo”… que máis daba de que organización fose a persoa que defendía as tres páxinas dese ideario? “Nin Iolanda nin Yolanda”, clamou Iglesias, nunha sentenza que pasará á historia das reivindicacións políticas.

Se AGE preconizaba a “unidade de acción contra o capitalismo”… que máis daba de que organización fose a persoa que defendía as tres páxinas dese ideario?

Por suposto, a súa xefa de filas non o tomou demasiado ben. A súa alianza con Xosé Manuel Beiras levara a Esquerda Unida/Izquierda Unida (ĖU) da total irrelevancia política ós nove deputados no hemiciclo e non ía permitir que menudencias coma a Lei Electoral a fixesen cambalear. O arsenal de técnicas despregado por Yolanda marcou un antes e un despois na arte da xestión política: despois de tentar ignora-la súa compañeira de partido, despregou unha sofisticada técnica descrita por Carmiña como “presión, presión, presión”, consistente en facer que tódolos os seus compañeiros de ĖU Ourense insistisen en “persuadila” para cambiar de opinión e en enviarlle á casa o secretario de Organización.

Como Carmiña non “entraba en razón”, AGE tomou unha decisión revolucionaria e antisistema: obriga-lo seu deputado a ir e vir de Copenhague para os plenos (de asistencia obrigatoria) e así poder seguir coa “presión, presión, presión, (…), presión, presión” un tempo máis. Nacía así a ikerjimenesca figura do Escano Voador Non Identificado (E.V.N.I.). Existía na política galega un antecedente de E.V.N.I.: o popular José Manuel Castelao Bragaña pasara unha lexislatura vivindo en Arxentina e quencendo asento no Hórreo, coa escusa de ser representante da emigración. Pero voltando a 2013, imaxinamos que a David de Toén non lle fixo moita gracia ter que pagar, do seu peto, unha viaxe que custa en torno ós 300 euros ida e volta e que lle obrigaba a perder algo máis de 10 horas entre avións e aeroportos. Calviño vía que tería que darse ese palizón unha vez cada dúas semanas mentres a súa organización non amañase os seus problemas internos, así que cortou polo san: no primeiro pleno ó que tivo que acudir anunciou que este 30 de novembro deixaba definitivamente unha actividade parlamentar que o deixara “moi decepcionado”. “O Parlamento é coma un teatro”, proclamou o deputado da organización que leva camisolas de Pokémon ó hemiciclo.

Os tres primeiros da lista de AGE por Ourense, amigos antes de que Dinamarca se interpuxese entre eles | Anova Ourense

Á esquerda (por suposto), os tres primeiros da lista de AGE por Ourense, amigos antes de que Dinamarca se interpuxese entre eles | Anova Ourense

Froito da desesperación, os líderes de AGE pasaron ó ataque: Beiras pasou a cargar contra os medios de comunicación que contaran esta historia, pois ben é sabido que cando os medios critican a un son manipuladores, cando critican ós demais son independentes. Yolanda, pola súa parte, foi un pouco menos sutil: “nin á persoa coa que peor relación tivese lle desexo o que vai pasar Carmiña (sic) no Parlamento”. Pero a aludida, de conviccións bastante máis férreas do que pensaban os que a puxeron de monicreque nas listas, respostou cunha ranchera, No me amenaces, que pendurou no seu Facebook: “ya juega tu suerte, ahí traes la baraja pero yo tengo los ases”.

As consecuencias dun mes e unha semana de E.V.N.I. foron as que siguen. Para AGE, perder unha deputada. “AGE demostrou que pensa igual ca o PP: que os deputados están aí para figurar —comentaba a principios de novembro unha deputada consultada por Compostimes—. Déronlle a razón ás propostas da señora Pilar Rojo”. E en efecto, poucos días despois Paula Prado, experta en sacar sangue das feridas políticas, clamou que os 14 deputados que o PP quere suprimir son Calviños en potencia. E Carmen Iglesias, entre presións e mariachis, fundará no Parlamento, unha década despois, un Grupo Mixto dende o que poderá defender o que dicía hai un mes: “exerce-lo meu dereito por respecto ós votantes e ós militantes”.