Cangas: a forza dun pobo

É xoves 7 de novembro de 2013 e Bordils está de celebración. As festas maiores xa tiveron lugar na terceira semana de agosto e a tradicional castanyada que se celebra en Cataluña foi unha semana antes. Este pequeno pobo do Gironés ten un equipo, un club, do que sentirse orgulloso. Esta noite é moi especial. Por iso enche o pavillón de branco e verde, de rapazas, de avós, avoas, xente de todas as idades. Por iso inunda as redes sociais do club o lema #laforçadunpoble. Por primeira vez visita Bordils, un pobo que vive por e para o balonmán, un equipo da primeira categoría do balonmán español, o Balonmán Cangas.

Todos os medios de comunicación cataláns se achegan a Bordils, moitos incluso realizan programas especiais dende o propio lugar. Todos se refiren ao mérito que ten un equipo que se nutre única e exclusivamente de xogadores da bisbarra, á admiración que merece ese pequeno pobo de pouco máis de 1700 habitantes que consegue encher o pavillón xogue na categoría que xogue e sexa o deporte que sexa: balonmán os mozos e voleibol as mozas. Mais todos estes medios esquécense do equipo que teñen diante, do Balonmán Cangas.

O Cangas salvouse o ano pasado de forma agónica, mais este ano o nivel exhibido nas primeiras xornadas lévao a ser a auténtica revelación da Liga Asobal

Porque se o Handbol Bordils é un exemplo para todos na División de Honra Prata, o Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas leva anos demostrando o ben que se poden facer as cousas con moi poucos recursos na Asobal. Se Bordils respira balonmán, Cangas non pode ser menos. “O Fervedoiro”, como foi coñecido o Gatañal despois do ascenso á Asobal no 1995 en León, aporta intensidade, defende, presiona e corre os contraataques. Só así se pode entender o conseguido a pasada tempada. Co orzamento máis baixo da categoría, introducidos de cheo nunha loita coa propia Asobal e cuns resultados lonxe da ría de Vigo que poñían a salvación ao nivel dunha quimera, o equipo adestrado por Víctor García “Pillo” acadou na última xornada a permanencia de forma agónica.

As cousas comezaron esta tempada de forma diferente. A renovación total na portería preocupaba. Dous xogadores estranxeiros sen experiencia na Liga Asobal serían os encargados de soportar toda a responsabilidade. Mais afección comezou a ilusionarse cando o nome dunha das maiores figuras da historia recente do equipo cangués apareceu entre as posibles altas. A volta de Alen Muratovic á que fora a súa casa deportiva anos atrás confirmouse e o equipo comezou a competición ligueira imparable. Á fortaleza no Gatañal, engadiuse este ano unha facilidade para sumar fóra da casa nesas primeiras xornadas totalmente descoñecida. A madurez do equipo, a súa conxunción e a experiencia duns xogadores que na anterior tempada eran novatos na categoría son factores clave. Mais hai unha parella fóra das pistas que facilita que todo isto sexa posible.

scale

O Balonmán Cangas celebra o seu último ascenso á Liga Asobal / Foto: lavozdegalicia.es

Victor García “Pillo” dende o banco e Manuel Camiña dende os despachos, coa aportación de Óscar Fernández dende a dirección deportiva, son os principais culpables de que Cangas gozase dunha estrea na liga totalmente inesperada. Nomear a Pillo é citar posiblemente a un dos mellores adestradores da categoría, un home que está a vivir a súa segunda etapa no banco do Gatañal e que dota ao equipo dunha profundidade e dun traballo táctico ao que moi poucos rivais se poden aproximar. A onde non chegan as calidades, os centímetros ou a envergadura dos xogadores do Cangas, arriban a intelixencia, a lectura e o carácter de Pillo.

Onde a calidade, envergadura ou tamaño dos xogadores non chega, si o fai a intelixencia, lectura e carácter do seu adestrador, “Pillo”.

Xunto a el, o outro brazo executor é Manuel Camiña. O histórico presidente do Balonmán Cangas é quen tira de imaxinación, de contactos, de tradición. O equipo cangués non pode competir con ningún equipo da Liga Asobal e con moi poucos da División de Honra Prata en termos económicos, mais o que ofrece un club coma este vai moito máis aló. Porque algúns destes medios de comunicación cataláns que se desprazaron a Bordils falaban da loita dun equipo de pobo coma o Bordils contra un equipo que conta con estranxeiros nas súas filas. E non fallaban a realidade, mais si que por descoñecemento se lles pasou por alto explicar como chegan estes estranxeiros a Cangas. Uns xogan por amor (a unhas cores e a súa muller, no caso de Alen Muratovic), outros por aprender castelán e rematar os seus estudos (Felix Schmidl), outros grazas a amizade que os une a membros do plantel (Mile Mijuskovic).

Cada ano a confección do plantel é un crebacabezas, mais o Cangas ensínanos que cos pés na terra, confiando na base da casa e cuns poucos reforzos que apuntalen as debilidades é posible renovar a milagre da permanencia na Asobal. A pócema máxica de Víctor García “Pillo” e Manuel Camiña só conta cun ingrediente máis, quizais o decisivo. A forza do Gatañal. A forza de Cangas. A forza dun pobo.

Foto de portada: LOF