Bolsos con historia (II)
Como o prometido é débeda, velaquí a segunda e derradeira entrega da saga “Bolsos con historia” de modas e modismos:
Speedy de Louis Vuitton:

somestylest.com
A peza Keepall (parte da emblemática equipaxe de Louis Vuitton) deu paso aló polos anos 20 do pasado século a unha versión para o día a día máis pequena e manexable: o bolso Speedy. Lanzado nos anos 30 (aínda que deseñado na década anterior) forma parte da historia viva da moda, e non deixou de experimentar cambios nas súas oito décadas de historia.
O primeiro Speedy realizouse nunha lona de pel impermeable e flexible co estampado mítico do dameiro de Vuitton, e a súa esencia permanece intacta, aínda que podemos atopalo en diversas cores e tamaños. O seu prezo? Entre 600 e 2.000 euros.

vogue.es
Audrey Hepburn co Speedy no control de embarque
Jackie de Gucci:

gucci.com
Creado na década dos 50, o bolso inicialmente bautizado como Constance mudou de nome por ser unha das pezas clave do armario da inmortal Jacqueline Onassis, fotografada en numerosas ocasións con diversas versións deste modelo. No 2009, a directora creativa da firma, Frida Giannini deu a coñecer o New Jackie, que renovaba a esencia desta ilustre peza mediante o engado de cores máis vivos, materiais novos e as características borlas de pel con bambú, todo polo módico prezo de 1.000 euros (aínda que para as máis escolleitas hainos de ata 40.000 euriños).

jenesaispop.com
Jackie cun dos seus Jackies
Lady Dior de Dior:

dior.com
En 1995 a esposa de Chirac, Bernadette, recibiu a Diana de Gales na cidade das luces con motivo da exposición de Cézanne. Como obsequio de benvida, a primeira dama ofreceulle á princesa o último modelo dos bolsos de Dior: o Chouchou, que pronto sería renomeado como “Lady Dior”. Coma se froito da aliñación dos planetas se tratase, o regalo foi todo un éxito e Lady Di comezou a lucilo impudicamente por todos cantos actos se deixaba ver, converténdoo nun hit aló polo 96.
Adornado polo mítico pespunte cannage (extraído das cadeiras estilo Napoleón III) da firma francesa que tanto gustaba a Monsieur Dior, esta peza de pel de cordeiro conta con dúas asas curtas ás que co paso do tempo se lle engadiu unha máis longa para poder levalo colgado do ombreiro (grazas, Chanel), así como eses abafadoramente preciosísimos parishiltianos charms que reproducen os grafemas de Dior.
O prezo? Parte dos 2.000 euros, podendo alcanzar as cinco cifras se nos metemos na boca do crocodilo.

purseholic.com
Lady Diana co Lady Dior
Bamboo de Gucci:

purseblog.com
Aparecidas por primeira vez no 1947, as asas Bamboo de Gucci, foron o froito fashionista tardío do racionamento da precedente Guerra Mundial. Os artesáns da firma italiana eran cominados a atopar materiais que non foran obxecto de restricións para os seus deseños. A cana de bambú, que aínda podía ser importada desde as afastadas terras do Xapón, presentouse coma un filón para os doutos mesteirais da italiana. Conseguiron patentar un método de quentamento e pregado a través do cal o bambú conservaba a forma unha vez arrefriado e axustado ao bolso.
Os Bamboo eran un distintivo e unha mostra de exclusividade tais, que de contado mudaron nun hit da marroquinería, sobrevivindo aos remates do conflito bélico e pasando a ser básicos de armario das maiores celebrities e apóstatas de estilo dos cincuenta e sesenta.

vogue.es
Ilaria Occhini cun Bamboo
Baguette de Fendi:

mytheresa.com
Este último modelo do que imos falar xurdiu no 1997 da man da deseñadora Silvia Venturini Fendi, nun intento (triunfante) de ocasionar un punto de inflexión na decadente traxectoria da firma italiana. Non sabemos se foi como consecuencia do desafortunado roubo a punta de pistola á xornalista Carrie Bradshaw, pero a cuestión é que o bolso deveu no máis demandado da firma dende entón. Tanto foi así que existen máis de mil interpretacións deste modelo convertido xa en icona, aínda que, por suposto, existen elementos constantes en todas as súas variacións: o peche, coas dúas “F”s engarzadas, e a forma, que lle da ese aspecto de barra de pan francesa ao levalo colgado do ombreiro.
Con motivo do seu 15º aniversario no 2012, a casa italiana publicou un libro que leva por título o nome propio do modelo e que supón unha viaxe fotográfica a través dos deseños máis emblemáticos desta peza inmortal.

bohomoth.com
Carrie Bradshaw sendo atracada e cun Baguette de reposto
Ata aquí o artigo de hoxe e a saga de “Bolsos con historia”. Que pensades? Tedes na vosa lista de “Cousas por facer nesta vida” algún punto que inclúa adquirir alguna destas pezas icónicas? Contádenos!
Ata a próxima!
Imaxe destacada: pasadenaweekly.com