A etapa dourada da SD Compostela
Se comezase esta peza propoñéndovos pensar en Vigo e me dixésedes o primeiro que vos viñese á cabeza, posiblemente moitos responderíadesme cousas como a praia de Samil, o Celta ou Citröen. Ou polo menos seguramente estas serían as palabras máis repetidas. Se fixésemos o mesmo exercicio para a cidade da Coruña, inequivocamente a Torre de Hércules, o Deportivo ou a praia de Riazor serían a meirande parte das vosas respostas. Pero agora volvede facer o favor de pensar e mirade cara Santiago de Compostela: a USC, a Catedral, a Zona Vella… incluso o Obradoiro ou o Santiago Futsal. Pero conforme Celta e Deportivo seguro serían das palabras máis repetidas cando pensaramos en Vigo ou na Coruña, ninguén —ou case ninguén— relacionaría Santiago coa SD Compostela. O equipo dirixido na actualidade por Fredi regresou na vixente temporada á segunda división B, se ben a súa travesía polo deserto remóntase ata máis de dez anos atrás. E o tempo na memoria fai o olvido.
Do 1994 ó 1998 o Compostela loitou durante catro anos en Primeira División, converténdose ademais na particular besta negra do Celta
Sen embargo, non toda a vida o Compostela foi un equipo abocado ó fracaso, ben por descensos administrativos ou deportivos, xa por nin falar dos problemas económicos e de pago que atravesou nos últimos anos —e dos que algúns aínda repercuten na actualidade—. Fai aproximadamente un ano tivemos a oportunidade de charlar aquí co expresidente do club nos seus anos máis gloriosos, José María Caneda, pero pola repercusión a nivel español da Esedé durante a década de 1990 é necesario que falemos un pouco máis do único club que creou simpatía en (case) Galicia enteira.
Desde o seu nacemento no 1962, o Compos converteuse nun equipo a remolque entre a 2ª división B e a 3ª ata o ano 1990, onde a chegada de José María Caneda á presidencia e de Fernando Castro Santos ó posto de adestrador provocou unha importante reestruturación no equipo. Logrou o ascenso en dous anos consecutivos de terceira a segunda división, e tras tres temporadas na división de prata do fútbol español, ascendeu de forma agónica nun partido de replay na promoción ante o Rayo Vallecano. Dous goles de Ohen e un de José levaban ó equipo compostelán á primeira división española. Catro anos foi o tempo que durou o soño do equipo santiagués, sendo especialmente o segundo ano o da gran Esedé da que moitos seguro aínda teñen o once inicial na memoria: Falagán; Mauro, Bellido, Villena, Nacho; Lekumberri, Passi, Fabiano, José Ramón; Christensen e Ohen.

O once máis recordado da SD Compostela | Creación propia
O equipo acababa de estrear o estadio de San Lázaro xa que o Municipal de Santa Isabel quedara pequeno para a segunda división, máis aínda cando as aspiracións de gloria do presidente Caneda xa existían dous anos antes do ascenso na primeira división. Cun campo con capacidade para 13.000 persoas e as ilusións do debut na máxima división do fútbol español, o Compostela era o tema maioritario e case único de debate na cidade. Tanto os seareiros máis novos como os máis fieis e veteranos, aqueles que aínda recordaban ó equipo nos campos de terra en preferente, amosaban unha ilusión polo fútbol nunca máis vista na capital. Incluso os estudantes facían fin de semana na capital por gozar dun equipo en primeira división.
Fernando Vázquez foi o encargado de lograr a mellor versión do Compostela. No ecuador da temporada 1995-1996, o equipo chegou a colocarse 2º, tan só por detrás do Atlético do dobrete
Pero como en calquera club debutante na categoría, a primeira temporada non foi sinxela. O conxunto galego mantivo a base do ascenso, e con Castro Santos ó mando engadiu pezas que se volverían chaves nos anos vindeiros en primeira división: chegaron Villena, Lekumberri, Passi, Christensen, Galdames ou Falagán, quen se unían así ós Iru, Bellido, Nacho, Tocornal, Ohen, Tato Abadía e Fabiano. O brasileiro, que cumpría a súa terceira campaña no club, era a referencia e quen levaba todo o peso ofensivo do conxunto santiagués. Por el pasaba o fútbol do Compostela, pois era o único creador de xogo no esquema habitual de Castro Santos. Nel, Passi, Lekumberri e o Tato Abadía eran fundamentais á hora de destruír e buscar a Fabiano, quen non dubidaba en segundo a ocasión, tentar atopar a velocidade de Ohen ou a capacidade de remate de Christensen. Atrás, a liña defensiva organizábase con catro homes en liña que se tornaban en cinco cando o Compostela xogaba contra os grandes, sendo o Tato Abadía ou Lekumberri quen se caían do once. Nacho, un puñal pola esquerda (e que logo sería chamado pola selección española, á que renunciaría) explotou esa temporada, e era, xunto co veterano Tocornal, os baluartes da zaga. Na portería, Iru volveuse infranqueable en partidos como o do empate no Bernabéu ante o Real Madrid ou a vitoria en Vigo ante o Celta, polo que xogou toda a temporada sen ser discutido. Outra vitoria en Santiago ante o Celta e unha agónica na última xornada ante o Tenerife foron os outros partidos destacados na temporada do equipo compostelán, que evitou sobre a bucina os postos de promoción pois a diferenza de goles beneficiouno no seu empate a puntos ante o Albacete.

O “Tato” Abadía, un dos homes máis recordados daquel Compostela
Sen embargo, trala milagre obrada, Castro Santos marchou ó Celta en busca de retos maiores, e o presidente Caneda, sempre imprevisible, fichou a un prometedor adestrado chamado Fernando Vázquez, quen viña de realizar unhas boas campañas en Lalín, Ferrol e Lugo, pero sen experiencia na máxima categoría. Con el, o equipo fluctuou ó igual que o fixera na temporada anterior con Castro Santos entre o 5-3-2 e o 4-4-2 e desde o comezo o Compostela volveuse un equipo compacto e practicamente infranqueable. Entre outros chegaron Mauro, un lateral dereito cunha proxección ofensiva enorme e que se volvería imprescindible durante a temporada, e dous medios centros, Eraña e José Ramón. A aposta persoal do presidente Caneda, como a anterior temporada fora Christensen, era para esta Festus Agu, pero o dianteiro nixeriano fracasou. Igual se Fernando Vázquez lle fixese caso e o colocase como lateral dereito ata rendía máis e todo. Sexa como for, Iru marchou e Falagán ocupou o seu lugar, rendendo a un nivel altísimo. Bellido, Villena e Tocornal eran tres centrais fortes e contundentes, moi da época dos noventa, e a súa disciplina permitíalle a Nacho e Mauro, os laterais, incorporarse pola banda para crear perigo. Lekumbarri e Passi seguían varrendo e movían o balón con criterio, José Ramón puña o corazón e Fabiano acadaba, por fin, unha regularidade no seu excelente xogo. Christensen e Ohen, seguían marcando, pero iso xa non era novidade. Con todo, o equipo comezou a temporada con dous dos partidos máis esperados da temporada: os dous derbis galegos. Primeiro, o Compostela viaxou a Balaídos, onde cun solitario gol de Bellido venceu ó Celta. Despois, recibiu ó Deportivo, e o 4-0 que viu a afección en San Lázaro resúmeo todo. Fabiano e os seus vencían e convencían ante o Deportivo dos Bebeto, Fran, Manjarín e Donato. O equipo colocábase colíder pero aínda tan só pasaran dúas xornadas. O Compostela non foi tomado en serio ata que na xornada 10 venceu ó Barcelona, remontando con dous goles aínda hoxe recordados de Christensen e Ohen. Un alto ritmo de partido, cunha defensa ordenada e rápidas saídas ó contraataque facían do Compostela un equipo a temer para calquera rival. Venceu ante a Real, o Athletic, o Sevilla e o Espanyol, e no ecuador da liga, tan só o brillante Atlético de Madrid do dobrete era quen de estar diante na clasificación. A revelación santiaguesa ocupaba portadas de xornais, sen embargo, a enorme carga de partidos sobre os practicamente únicos trece xogadores (os once titulares máis Eraña e Tocornal) que contaban, levou ó equipo compostelán a sufrir unha terrible xeira nas últimas quince xornadas, onde o equipo tan só foi capaz de sumar unha vitoria. Os rumores apuntan a problemas nos cobros e malestar interno, sen embargo, nunca se puido demostrar nada, aínda que sucesos posteriores leven a pensar que algo puido haber, polo que sempre quedará a incógnita de ata onde puido chegar o Compostela. Unha undécima posición final, sen optar a Europa, soubo a pouco, aínda que hogano se vexa como unha verdadeira fazaña para un equipo “aldeán” que chegou a cotas moi dificilmente imaxinables.
Os problemas económicos e as polémicas decisións do presidente Caneda levaron ó equipo a desaparecer, sen embargo, eses catro anos sempre quedarán no recordo de Compostela.
Pero a aventura na actual Liga BBVA non rematou aí, xa que quedaban dous anos nos que en Santiago se puido ver o mellor fútbol do mundo. Coa sentenza Bosman aprobada, cada vez eran máis os estranxeiros que chegaban a España, moitos deles de nivel. O que máis se recorda sen dúbida en Santiago é Ronaldo, pois o brasileiro chegado ó Barcelona marcou un deses goles que aínda se recordan na actualidade. O Compostela, pola súa banda, incorporou a Chiba, Popov, William Amaral, Saula ou Viedma e locais con futuro daquelas como Galdames ou Pirri Mori. Sen embargo, a maior fichaxe chegou do daquelas vixente campión Atlético de Madrid. Calquera cousa podía saír dunha negociación entre Gil e Caneda, e o que sucedeu foi que un dos mellores xogadores atléticos, Lubo Penev, acabou no Compostela. Podía sonar incrible, pero así foi. 17 goles para Ohen e 16 para o búlgaro foron o selo do Compostela na temporada. Mais xunto a eles, só apareceu Fabiano. A fiabilidade defensiva do ano anterior desaparecera e 65 goles encaixados levaron ó equipo a deambular pola metade baixa da táboa durante todo o ano. Grandes vitorias como as habituais ante o Celta ou na segunda xornada ante o campión Atlético levaron ó equipo a non pasar grandes apuros, polo que o Compostela puido seguir vivindo o soño un ano máis.

Fernando Vázquez, case igual que na actualidade
Foi a temporada 1997-1998 a derradeira na primeira división. Penev e Fabiano seguiron xogando a gran nivel, sen embargo, a lesión de Ohen e unha terrible primeira volta que fulminaría a Fernando Vázquez, impedía ó equipo salvarse. Con Gabriel Leis o equipo loitou ata o final, e un 2-6 en Coruña na penúltima xornada permitiulle ó conxunto galego acceder á promoción, pero aí o Villarreal, grazas ó valor dos goles en campo contrario, foi quen ascendeu a Primeira. O soño acabouse dun momento para outro. Changui, Chiba, Ponk, Pignol, Tabuenka eran algúns dos homes que serían importantes nos seguintes anos en segunda división, pero os problemas económicos impediron que o Compostela puidese volver ter un equipo en primeira división. Polo menos, sempre quedará o recordo dese fútbol dos 90, onde calquera podía ascender, loitar e manterse e onde o fútbol, máis que un negocio, era unha afección.
Fotos: lamazetadeportiva.com, todocoleccion.net
Foto de portada: eltrasero.eu