Vitoria da abstención nas autárquicas portuguesas
As augas andan revoltas no partido do Goberno. O Partido Social-Demócrata (PSD) obtivo nas eleccións autárquicas do pasado domingo un dos peores resultados de sempre, e as duras declaracións desde diferentes estamentos do partido sucedéronse ao longo da presente semana; a pesar que Marco António Costa, voceiro do partido, destacase a “cohesión interna absoluta”. Na noite do 29 de setembro, mentres o primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho, asumía un dos peores resultados de sempre; o líder do Partido Socialista (PS), António José Seguro, congratulábase pola “grande vitoria” facendo dos comicios locais -vótase para freguesías, concellos e distritos- unha lectura en clave nacional. Mais que é o que pasou exactamente nas autárquicas portuguesas?
Os resultados dos grandes partidos
“Quero cumprimentar o PS pola vitoria significativa”, recoñecía con elegancia Passos Coelho, na propia noite do domingo, nunha comparecencia na que non admitía preguntas dos xornalistas. A situación era outra nas sedes do PS, embargadas pola euforia dunha vitoria que semellaba incontestable. Seguro sinalaba que o executivo de Passos Coelho debía percibir “a penalización das súas políticas” ao analizar uns comicios nos que o PSD perdeu algo máis de 400.000 votantes (de 1.269.821 a 834.006) con respecto ás autárquicas do 2009 naqueles concellos nos que se presentaron sós, pasando dun 22,95% a un 16,69% do total. Por outra banda, alí onde a formación foi coaligada co CDS-PP, con quen forman o Goberno central, a porcentaxe acadada foi dun 7,59% fronte ao 9,71% das anteriores autárquicas (de 537.053 a 379.140 votantes). O que non destacaba o líder socialista é que a vitoria dos seus, que el calificou de “histórica”, se producía cunha perda do apoio de 200.000 electores (de 2.083.833 a 1.811.053) e un descenso nas porcentaxes do 37,66% ao 36,25%, o que se inscribe nunha tónica de descrédito xeral da sociedade portuguesa con respecto aos seus representantes públicos.
O PSD perdeu algo máis de 400.000 votantes alí onde se presentou en solitario; o PS, 200.000
Descrédito e desunión no PSD
Semella que non hai rentabilidade electoral nos recortes, aínda que os comicios de turno sexan locais, como no caso das autárquicas portuguesas. E é que desde que esta grande crise comezou, unha tónica (con honrosas excepcións) se veu repetindo, elección tras elección, por case que toda Europa. O apoio popular ao Goberno, sexa este cal for, vese irremediablemente abocado a descender ao tempo que ascenden desempregados, horas de traballo para os funcionarios, idades de xubilación…
Porén, iso xa o sabía Passos Coelho cando aló por xullo de 2012 mostraba a súa intención de non poñer en práctica medidas populistas para ter rendabilidade electoral. “Se algún día tivese que perder unhas eleccións para salvar o país, que se lixen as eleccións, o importante é Portugal”, era a inesperada e sincera afirmación do líder do PSD. Para o primeiro ministro, a importancia das eleccións tiña que ser relativizada. “Non foi para iso que fomos eleitos”, afirmaba o Presidente durante o discurso. “Foi para responder ao país”, engadía en referencia ás lexislativas de 2011 nas que acadaran un 38,65% fronte ao 28,06% dos socialistas.
Era visto que ninguén ía esquecer ese intre de inspiración de Passos Coelho, que ben podería pasar á historia das grandes citas da política portuguesa. Sempre, iso si, por detrás da súa compañeira Manuela Ferreira Leite, antiga líder do PSD, que aló por 2008 se preguntara “se non sería ter bo ter seis meses sen democracia” para poñer “todo na orde”. E despois, “veña a democracia”, engadira a que fora Ministra de Educación, aló a mediados dos 90, e de Estado e Finanzas, a principios dos 2000. Mais como estaba a dicir, estaba claro que habería quen lle lembrase ao primeiro ministro aquel acontecemento. Non tardou en facelo outro antigo líder do partido, Marcelo Rebelo de Sousa, que o luns calificou a Passos Coelho como “o peor presidente do PSD de sempre”. “Lixáronse as eleccións”, afirmou Marcelo con dureza, “ao menos que se salve o país, porque se se lixan as eleccións e non se salva o país, entón líxase todo”.
A desunión no seo do PSD é tal que nestas eleccións autárquicas, un grande número de membros do partido apoiaron e incluso participaron de candidaturas independentes en concellos onde tamén se presentaba o PSD, como foi o caso de Sintra. Isto desencadeou furiosas críticas, esixindo sancións aos disidentes, desde dentro do partido, aínda que personaxes destacadas como a propia Ferreira Leite se pronunciaron no senso oposto. A ex-líder do PSD, que non ten sempre esas arroutadas autoritarias, chegou a eloxiar aos militantes que non apoiaran a certos candidatos do partido.
A desunión no seo do PSD é tal certos membros do partido apoiaron e incluso participaron de candidaturas independentes
Vitoria non tan histórica do PS
Mentres o PSD facía unha campaña dubitativa, ao ralentí, o Partido Socialista poñía toda a maquinaria en marcha. No mes previo ao día dos comicios, António José Seguro realizou 127 actos de campaña, é dicir, case cinco por día. Algúns foron tan emotivos como o de Castelo Branco, o seu concello natal, onde unha profesora chora nos seus brazos mentres lle explica como está a ser a súa vida tras os recortes do Goberno, ao tempo que o líder socialista tenta calmala e garantiza que tentará contactar con ela para axudala persoalmente. Tamén tivo momentos para comentar a situación de descrédito da política, segundo el debida a que hai quen “promete unha cousa para gañar o voto e despois chega ao poder e fai o contrario”. “Fago poucas promesas”, sinalou Seguro, “mais aquilo que prometo, cúmproo”.

António José Seguro, líder do PS, durante a Convenção Nacional Autárquicas 2013.
Fonte: abola.pt / Autor: José Sena Goulão
O eixo principal no que se moveu o PS de cara á mobilización do seu electorado foi o da indignación contra a austeridade do Goberno e as medidas negociadas coa troika, aínda que tamén se apelou ao “voto útil” dos potenciais votantes de esquerda para evitar a vitoria das coalicións de dereita ou dos independentes. Foi o caso de concellos como Braga ou Porto, onde curiosamente o PS non conseguiu acadar a vitoria.
Na noite do domingo, Seguro tomaba os resultados como unha vitoria “histórica”, a pesar do citado descenso en número de votantes e porcentaxes con respecto a 2009. Porén, é certo que de facer lectura nacional se pode entrever unha certa recuperación con respecto ao descalabro do partido nas lexislativas de 2011, onde perderan o Goberno cun 28,06% dos votos, un 8,5% menos do acadado nas anteriores. Nos días seguintes, tamén afirmaba que non se sentará a falar co primeiro ministro se este non muda o rumbo das súas políticas.
Seguro tomaba os resultados como unha vitoria “histórica”, a pesar do descenso en número de votantes e porcentaxes con respecto a 2009
A CDU e os independentes, en ascenso
Só a CDU –Coligação Democrática Unitária, formada polo Partido Comunista Portugués e Os Verdes- aumentaba o domingo tanto en número de votos (de 539.693 a 552.556) como en porcentaxes (do 9,75% ao 11,06%) consolidándose como terceira forza no país. A CDU chegou ao 29-S facendo unha chamada ao verdadeiro voto de esquerda para contrarrestar as políticas do Goberno de Passos Coelho, mais desde o seo da coalición tamén houbo críticas para o PS e o seu “voto útil”, idea “danosa para a democracia”.

A CDU fechando a campaña en Évora, unha das capitais de distrito recuperadas
Fonte: cduevora.wordpress.com
O martes pasado, na súa análise dos resultados, o secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, destacaba a “expresiva derrota” dos partidos que participan na coalición de goberno (PSD e CDS-PP), que perderon 600.000 votos, así como dos grandes partidos en xeral, en referencia ao Partido Socialista e ao descenso de 200.000 votantes.
A dicir verdade, non só a CDU mellorou os seus resultados. As candidaturas independentes pasaban de representar o 4,07% do total dos votos (225.379) a copar un 6’90% (344.716). O caso máis significativo e emblemático é o do Porto. A lista independente de Rui Moreira, encabezada polo slogan “O noso partido é o Porto”, facíase con nada menos que o 39,25% dos votos nun concello onde PSD e PS unidos por pouco superarían o 40%. O novo autarca portuense comprometeuse a “introducir novos protagonistas na vida pública”, xa que considera que foi escollido para “romper co estado das cousas” onde “son sempre os mesmos” os que se instalan “nos corredores do poder”. “Se os partidos non entenderon o que aconteceu aquí”, engadiu na mesma noite electoral, “entón non entenderon nada”.

Rui Moreira, candidato independente, celebrando a vitoria no Porto cos seus simpatizantes.
Fonte: publico.pt
Noutro importante concello do distrito do Porto, o de Matosinhos, outro candidato independente se fixo coa vitoria cun 43,41%. É o caso de Guilherme Pinto, que revalidou a vitoria do 2009, aínda que naquela ocasión vencera representando ao PS. Saíu do partido hai seis meses e estableceu unha alternativa coa que dixo ter derrotado “a ditadura dos partidos”, a pesar de que o candidato socialista que o relevou afirmase que fora “o poder e non o pobo” quen gañara en Matosinhos.
Só a CDU e as candidaturas independentes medraron en número de votos, porcentaxes e mandatos
Lecturas diversas para CDS-PP e Bloco
O líder do CDS-Partido Popular (CDS-PP), Paulo Portas, non agardou para calificar positivamente os resultados acadados polo seu partido. A formación, que forma parte do Goberno central xunto co PSD, perdeu uns 200.000 votantes alí onde se presentou conxuntamente co PSD, como xa explicamos, mais tamén descendeu o apoio onde o fixo por separado, tanto en votantes (de 170.942 a 151.882) como en porcentaxes (3,09% a 3,04%). De todos os xeitos, iso non impediu que aumentasen os seus mandatos en freguesías e municipios. No caso das cámaras municipais, o CDS-PP mantivo o único concello que gobernaban, Ponte de Lima, e venceu noutros catro.
A noite non foi boa, desde ningún punto de vista, para o Bloco de Esquerda, aínda que o seu coordinador, João Semedo, destacou que o partido sempre tivo unha “fraquísima implantación no poder local”, a pesar de “ter crecido” a nivel nacional. Os electores que apoiaron ao BE foron 120.942 (2,42%), fronte aos 167.059 (3,02%) que o fixeran catro anos antes. Ademais, perderon a única cámara municipal na que acadaran a vitoria en 2009, Salvaterra de Magos, algo que para o que Semedo prometeu buscar explicacións.
O CDS-PP pasou de unha a cinco cámaras municipais a pesar de perder votantes, mentres que o Bloco nin sequera revalidou a que xa tiña
Vitoria incontestable, a da abstención
Este último domingo, máis de catro millóns e medio de portugueses decidiron non acudir ás urnas, o que corresponde ao 47,39% dos electores. Nas autárquicas de 2009, o récord de abstención até o momento, a porcentaxe quedara no 40,99%. É dicir, practicamente 1 de cada 2 portugueses optou por non votar nunhas eleccións nas que a cidadanía escolle os seus representantes máis próximos, os das freguesías, concellos e distritos. E aínda hai máis. Un 3,87% dos votantes (193.357) escolleu facelo en branco, mentres que un 2,95% do total escrutado (147.151) o constituíron os votos nulos. Arredor de 340.000 persoas máis que aínda que exerceron o seu dereito, non acreditaron en ningunha das opcións que se lle presentaron nunhas autárquicas que chegaron coa probabilidade dun segundo rescate flotando no ambiente e coa novidade da redución de 1165 freguesías, feito que a finais do ano pasado levantara grande polémica no país.
Máis de catro millóns e medio de portugueses (47,39%) decidiron non acudir ás urnas e arredor de 340.000 votaron en branco ou nulo

As manifestacións contra a redución das freguesías, constantes a finais do 2012
Fonte: publico.pt / Autor: Miguel Manso
Que os políticos portugueses perden cada vez máis confianza entre a cidadanía é unha conclusión sinxela á que se chega ao analizar a evolución histórica da participación nas diferentes eleccións do país e os resultados destas autárquicas en particular. A complicada situación de Portugal e a percepción de que as decisións se toman cada vez desde máis lonxe de seguro inflúen nesta dinámica, e invertila constitúe un verdadeiro reto para os representantes públicos que foron escollidos este domingo, así como para os que forman parte do Goberno central desde 2011. Que máis da metade da poboación -entre abstención, votos en branco e votos nulos- non se sinta identificada nin representada nunca pode ser un bo sinal para unha sociedade que se define como democrática.