Rui Costa, efectividade por bandeira

Florencia, últimos metros do mundial de ciclismo en ruta de 2013 disputado na rexión italiana da Toscana. Catro corredores son os que, despois de case trescentos quilómetros e máis de sete horas de esforzo enriba da bicicleta, disputarán o triunfo final na procura do maillot arcoiris. O catalán Joaquim “Purito” Rodríguez conta cuns metros de vantaxe sobre o grupo perseguidor conformado polo seu compañeiro no combinado nacional Alejandro Valverde, o italiano Vincenzo Nibali e o portugués Rui Costa. A maniobra semella perfecta para a selección española, posto que se a aventura de Joaquim en solitario non fose fructífera, aí estaría Valverde, o xefe de filas, para rematar aproveitando a súa maior punta de velocidade. De súpeto, viran as tornas e o caos fai acto de presencia. Costa aproveita a férrea marcaxe que está a exercer Valverde sobre Nibali para atacar e marchar en solitario. Os poucos metros que o separan dos seus perseguidores son suficientes. Nibali e Valverde dubidan e Costa lánzase a dar caza a Purito e converterse en campión do mundo. Despois duns breves momentos de tensión, o desenlace é o esperado. Gloria para Portugal e estrepitoso fracaso de España. Rui Alberto Faria da Costa é o primeiro portugués en vestir o arcoiris de campión do mundo.

Con só 27 anos, e despois dunha espectacular tempada 2012, o futuro de Rui Costa pinta mellor ca nunca. Pouco antes do seu éxito nos campionatos da Toscana coñecíase a súa fichaxe polo equipo italiano Lampre – Merida, onde será o xefe de filas do equipo de cara ao ano que vén. Pero o camiño ata converterse nun dos corredores top do pelotón internacional para o nado na localidade costeira de Póvoa de Varzim.

Debutou no ano 2007, á idade de 21 anos no equipo profesional portugés Benfica, o mesmo onde o faría un ano máis tarde seu irmán Mario Jorge. Na súa tempada de debut conseguiu alzarse coa vitoria no Giro delle Regione, importante carreira italiana para ciclistas sub-23. O seguinte ano confirmaríao como unha das maiores promesas do ciclismo mundial. En 2008, Costa sería segundo no Giro delle Regione e no Tour do Porvenir (a carreira para corredores xoves máis importante do circuito internacional, ademais de quinto nos campionatos do mundo de ciclismo en ruta sub-23 e oitavo nos de contrarreloxo. Este brillante palmarés fixo que os equipos punteiros do pelotón axiña se interesasen por contratar os seus servizos. Sería o Caisse d’Epargne de Eusebio Unzúe, actual Movistar, quen o firmaría para 2009.

Rui Costa disputando unha contrarreloxo co Caisse d'Epargne | www.velofutur.es

Rui Costa disputando unha contrarreloxo co Caisse d’Epargne | www.velofutur.es

A súa tempada de debut coa formación navarra contou con numerosos días de competición ao longo de todo o ano. A comezos de ano, tomou a saída de todas e cada unha das principais clásicas do norte de Europa co obxectivo de formarse para os próximos anos. A modo de preparación para o Tour, disputou os 4 Jours de Dunkerque e a Volta a Suiza, vencendo a clasificación xeral da primeira e rematando decimoterceiro na segunda. O Tour de Francia non foi segundo o previsto e viuse obrigado a abandonar a mediados de carreira, mais volveu ás estradas a finais de tempada para obter unha vitoria parcial na Vuelta a Chihuahua e para competir no Giro di Lombardia.

Rui Costa revelouse xa no seu primeiro ano no World Tour como un corredor excepcional. Forte en todos os terreos, tanto rodando, como escalando, e cunha boa punta de velocidade para as chegadas en grupos reducidos. Capaz de cumprir coas expectativas que prometía, a Costa costoulle, sen embargo, calar entre o afeccionado ao ciclismo. O seu estilo de correr, sen empregar nunca un gramo de forza de máis, sempre á defensiva, granxeoulle o apodo de Ruin Costa. Mais o que non se pode negar, filias e fobias aparte, é que Costa é un corredor eficaz, tremendamente eficaz, e así o demostraría durante os seus anos no equipo español.

O ano 2010 de Rui Costa será de triste lembranza despois da pelexa con Barredo no Tour e da sanción por dopaxe ao remate da tempada

2010 presentábase como un ano atractivo para el. A sanción de Alejandro Valverde pola súa implicación na Operación Puerto, facía que Caisse d’Epargne presentara no Tour un equipo sen un líder claro, situación que Costa ben podería aproveitar para reclamar maior peso específico dentro do equipo. Previamente, tiña conseguido ser sexto na Volta ao Algarve, segundo en Dunkerque, unha vitoria parcial na Volta a Suiza e o campionato de Portugal de contrarreloxo. Mais o rendemento en carreira de Rui Costa no Tour de Francia foi discreto, sen nin siquiera unha escapada que reseñar. Menos discreto foi o seu enfrontamento con Carlos Barredo ao remate dunha etapa, onde acabaron a puñetazos e cruzando ameazas de morte.

Rui Costa durante o seu desagradable enfrontamento con Carlos Barredo | www.cyclingnews.com

Rui Costa durante o seu desagradable enfrontamento con Carlos Barredo | www.cyclingnews.com

Aí rematou o ano deportivo, pero 2010 aínda daría máis de si. En outubro, o diario Record desvelaría que dous dos tres primeiros clasificados no campeonato nacional de ciclismo contrarreloxo en Portugal deran positivo. Os ciclistas cazados eran os irmáns Costa, Rui Alberto e Manuel Jorge. A substancia causante, a metilhexanamida, entrara na lista de prohibidas durante o curso dese mesmo ano. A noticia salía á vez que o Caisse d’Epargne, xa Movistar, deixaba de contar cos seus servizos. Ambos os dous ciclistas serían absolvidos da sanción poucos meses despois, ao demostrar que fora dopaxe involuntaria, provocada por un complemento alimenticio que non informaba da presenza da metilhexanamida entre os seus compoñentes.

Así pois, en abril de 2011, Movistar volvía contratar ao portugués unha vez solventados os problemas de dopaxe. Sería un ano bastante exitoso para Costa, dado que comezou a competir xa mediada a tempada, para aínda así lograr uns resultados notables. Vitoria final na Volta a Madrid, importante triunfo final no Tour de Francia na etapa con final en Super-Besse e vitoria na clásica de Québec. O seu primeiro ano completo dende a sanción estaría repleto de bos resultados, pero faltarían vitorias na cantidade de anos anteriores. Nas clásicas de primavera e no Tour de Francia viuse obrigado a traballar para Alejandro Valverde, xefe de filas do equipo, labor que exerceu con reticencia. Pese a ser un grandísimo corredor, o rendemento de Rui Costa como gregario deixa moito como desexar. Sen embargo, nas probas que disputou como líder, obtivo éxitos, ou ben quedou á beira de logralos. Venceu na Volta a Suiza con autoridade e cara a finais de tempada disputou as clásicas de Plouay, Québec e Montreal; sendo segundo, terceito e oitavo respectivamente.

En 2013 a súa vinculación coa escuadra navarra remataba, e o equipo, vendo que o seu rendemento como gregario era paupérrimo, deulle maior liberdade nas carreiras. A mediados de ano, coñeceríase que Costa deixaría Movistar a finais de tempada para ser o líder do equipo italiano Lampre-Merida en 2014. Movemento entendible despois do carácter amosado polo portugués. Aínda así, o actual curso ciclista sería o mellor do portugués nos seus anos como profesional. A comezos de ano, obtería a quinta posición na Volta ao Algarve e a decimoterceira no País Vasco, preparando o núcleo do seu calendario, as clásicas de primavera e o Tour de Francia. Nesta preparación, tamén conseguía a vitoria na Klasika Amorebieta. Os seus resultados en Amstel Gold Race, abandono, e Flecha Valona, trixésimo segundo, foron discretos, mais conseguiu ser noveno e un importante apoio para Alejandro Valverde na Liège-Bastogne-Liège. De novo, vencería na Volta a Suiza, a súa proba fetiche, e lograría ademais o campionato nacional de ciclismo en ruta portugués.

Pero o mellor do ano estaría por chegar. Alleo ás labores dun equipo que loitaba pola clasificación xeral con Nairo Quintana e Alejandro Valverde, Rui Costa conseguía dous triunfos parciais no Tour de Francia. Dúas vitorias de moito mérito, en fugas numerosas e de moita calidade, que soubo resolver mellor ca ninguén. Iso si, de novo fiel ao seu estilo. Non dando un só relevo, reservando as súas forzas e atacando no momento preciso.

Como había de facer no momento culme da tempada e, seguramente, de toda a súa carreira deportiva: os mundiales da Toscana. O descansado do seu calendario permitiríalle chegar pletórico de forzas a unha cita na que, a priori, non estaba entre os principais candidatos á vitoria. Mais neste deporte resulta complicado que os prognósticos se cumpran e así foi. Despois dunha carreira endurecida dende o comezo pola selección italiana coa fin de eliminar a perigosos clasicómanos coma Fabian Cancellara ou Peter Sagan, un ataque de Michelle Scarponi ao que daría continuidade Purito Rodríguez daría pé a selección final que se narraba ao comezo do artigo. Durante uns quilómetros tamén formou parte dela o colombiano Rigoberto Urán, un corredor marcado pola mala sorte, quen caería durante un descenso e perdería toda opción de vitoria.

O desenlace xa é coñecido. Ataque de Costa que marcha coma un tiro a por Purito ante a pasividade de Valverde e Nibali e que remata co de Póvoa de Varzim cruzando a meta vitorioso e chorando emocionado mentres recibía o seu merecido premio. Para pór fin ao ano e estrear, ademais o maillot arcoiris, Costa disputou esta fin de semana o Giro di Lombardia, rematando nun discreto posto 38. Non sería de recibo pedirlle máis a un corredor que xa ten a mente posta no prometedor ano que vén, vestido como campión de mundo e capitaneando un Lampre-Merida que tratará de sacar da súa fichaxe estrela o mellor rendemento posible. Os obxectivos non están marcados: buscará a vitoria nas clásicas de primavera ou probará sorte na carreira das carreiras, o Tour de Francia? As interrogantes son múltiples. Para as respostas, toca esperar.

Rui Costa no podio con Joaquim Rodríguez (esq.) e Alejandro Valverde (der.) | www.roadcycling.com

Rui Costa no podio con Joaquim Rodríguez (esq.) e Alejandro Valverde (der.) | www.roadcycling.com

Foto de portada: PhotoSport International