Rock e Radio: unha historia de amor
A radio non se entende sen música. Para resumir a súa historia de amor é preciso subirse ó DeLorean e viaxar con Doc ós estadounidenses anos 50. Ata mediados desa década, a programación radiofónica atendeu ó criterio de variedade, tanto no contido como na forma, para atraer ó maior número de audiencia posible. Trala implantación xeneralizada da televisión e os novos hábitos socioculturais desa década, a radio tivo que idear novas formas programáticas que lle permitisen competir co atractivo da pantalla. O medio radiofónico emprendeu o camiño cara a especialización, é dicir, comezou a centrarse nun mesmo contido xenérico durante todo o día.
En Norteamérica, a definitiva consolidación desta especialización viría propiciada pola segmentación da audiencia e o emerxente rock and roll, que estaba a experimentar un crecemento brutal en termos de implantación social e volume económico. Rock e radio creceron xuntos porque a programación das listas de éxitos se fixo por e para a xuventude. As melloras na fabricación dos transistores de radio permitía que os novos da casa se escaparan das reunións familiares para escoitar os seus temas e programas favoritos na soidade da súa habitación ou na compaña dos seus amigos.
Rock e radio creceron xuntos porque a programación das listas de éxitos se fixo por e para a xuventude
A lenda conta que a mediados dos anos cincuenta, dous produtores de Nebraska observaron como os clientes dun bar botaban moedas nas juke boxes para escoitar unha e outra vez os mesmos temas en curtos intervalos de tempo. Pensaron que se a xente pagaba para ouvir as súas cancións favoritas, tamén sintonizarían unha radio que as programase de modo similar. Deste xeito implantaron na súa estación unha emisión continuada dun número limitado de discos que rotaban periodicamente. Convertéronse en líderes de audiencia e chamáronlle a ese novo sistema de programación Top 40.
En Europa a especialización foi máis tardía pois nos anos 70 as radios eran públicas e aínda non existían as presións da competencia, do mercado publicitario e da audiencia. A partir dos anos 80, a liberalización do espectro europeo foi inevitable e deu paso á radio privada e comercial, na maioría dos casos cun modelo baseado na explotación de formatos musicais. O resto da historia podedes intuíla repasando as emisoras musicais españolas que se reparten o bacallau na actualidade: os 40 Principales, Cadena Dial, M80, Cadena 100, Kiss, Máxima ou Europa FM. O panorama nacional dos formatos musicais, por desgraza, non explora estilos máis alá dos éxitos actuais, o pop nacional e internacional e a música dance. Sen esquecerse, claro está, dos grandes temas das últimas décadas. Estas radio fórmulas configuran a súa programación sobre amplos períodos horarios baseados na fórmula, que completan con programas especializados e espazos tipo Morning Show conducidos por enérxicos locutores que se rin por parvadas. Evidentemente, a publicidade e as autopromos teñen o seu oco reservado.
O panorama español dos formatos musicais, por desgraza, non explora estilos máis alá dos éxitos actuais, o pop nacional e internacional e a música dance. Sen esquecerse, claro está, dos grandes temas das últimas décadas.
Na actualidade, as radios musicais enfróntanse á necesidade de adaptar os contidos e modelos para ser emitidos en diferentes soportes dixitais, os cales ofrecen, en algúns casos, posibilidades lingüísticas e expresivas diferentes. Internet aparece como o paradigma destes novos soportes radiofónicos. Non é o mesmo escoitar un podcast na casa que acender a radio cando viaxas no coche. No fogar o tempo é ilimitado. Coma se estiveses nun restaurante, escolles a programación que queres á carta ou cambias de dial nuns transistores case extintos ate atopar o programa que buscas á súa hora fixada. Os vehículos cambian os hábitos e vólvense carne para a picadora das radio fórmulas.
A miña particular historia de amor coa radio musical nace nunha viaxe calquera en coche; seguramente un traxecto entre Viveiro e San Sadurniño, independentemente da dirección. Recordo moitos desprazamentos desde que era cativa e todos eles cun acompañamento musical. Non aturo o silencio en movemento, pero moito menos a retransmisión dos partidos de fútbol. Lembro terme mareado en varias ocasións coa voz de Xan Galán. Choraba pola música. O meu pai choraba ó compracerme.
Unha non pode falar da súa infancia nos noventa e obviar o Caribe Mix e os seus sucedáneos do verán. Casetes e discos infatigables que soaban en cada excursión á praia. Con cinco anos e co cubo de praia na cabeza berraba na parte de atrás dun vehículo sen cintos pedindo que me puxeran unha e outra vez “El tiburón” de Proyecto Uno ou “El venao” de – atención ó nome – Wilfredo Vargas. Cada día de verán os meus pais daban grazas por non vivir esaxeradamente lonxe da praia. Aturar varias horas de estradas convencionais escoitando as sutilezas de “No pares, sigue, sigue” ou “un poquito más suave/ un poquito más duro” non é algo que recomenden as autoridades sanitarias.
Unha non pode falar da súa infancia nos noventa e obviar o Caribe Mix e os seus sucedáneos do verán. Casetes e discos infatigables que soaban en cada excursión á praia.
Cos anos fóronse perdendo esas compras estivais nas gasolineiras e as escoitas xuvenís colapsáronse de traballos discográficos máis “serios”, CDs gravados na casa e a descuberta das radios musicais. Deixamos atrás a comedia bailonga daquelas cancións construídas cun español improbable para atoparnos co pop máis rancio do panorama nacional e internacional. Menos mal que seguimos crecendo e a vasilla de ácido fervendo que sostíñamos nas mans corroeu o que comezabamos a recoñecer como música mala.
Non fai máis dun ano que topei con Rock FM, emisora das almas en pena que vagan polas ondas en busca de algo medianamente potable que os acompañe no seu periplo. Ilusioneime. Anteriormente coñecida como Rock & Gol, comezou a súa andadura alá polo 2004, cunha fórmula sinxela e atractiva para a masa: rock popular durante todo o día con espazos de información deportiva a cada hora, sobre todo de fútbol. Atópase desde o comezo baixo a batuta do grupo Radio Popular, do mesmo xeito que Cadena 100 ou a radio xeneralista COPE. Topamos coa Iglesia, amigos. E tiña os cornos levantados.

Identidade corporativa
Seis anos despois, a emisora cambiou o seu nome polo de Rock FM e abandonou os goles para establecer o slogan “La casa del rock”. A nova identidade corporativa evidenciaba as cores máis relacionadas co universo do rock “da vella escola”: o azul dos pantalóns vaqueiros, suposta prenda indispensable do armario dun bo seguidor de Black Sabbath; o vermello, cor da paixón, a enerxía e a fidelidade dos fanáticos do rock; e o negro das cazadoras de coiro con parches de Motörhead. Desde o 2011, a emisora consiste en 24 horas de rock clásico e recoñecible, grupos que o petaron nas súas décadas, como Guns N’ Roses, Dire Straits, Rolling Stones, Iggy Pop, Nirvana, Guns N’ Roses. Un momento, outra vez Axl Rose e compañía? Pero, non os acaban de poñer?
Non fai máis dun ano que topei con Rock FM, emisora das almas en pena que vagan polas ondas en busca de algo medianamente potable que os acompañe no seu periplo. Ilusioneime.
Tras varias escoitas a mosca comezaba a voar ó redor da miña orella. Unha mosca destas que resisten o paso do verán e se aferran á pel ata os últimos días de calor de outubro. Nos últimos meses os viaxes automobilísticos acrecentáronse e con eles a sintonización da única radio fórmula nacional de rock. Dentro do coche, unha frase deixábase escoitar máis alto cada día que pasaba: “pero, por que sempre poñen os mesmos temas?!, que clase de paranoica repetición é esta?” Todas as cancións parecen estar englobadas en dous CDs (máximo tres), rotulados “Mix I” e “Mix II”, como cando na nosa adolescencia comprabamos discos virxes para gravalos con aproximadamente 20 temas que mesturaban absolutamente todo. Salpicados eles de pezas que hoxe aínda resisten oxidadas e podres.
O rock nesta emisora trátase coma unha lingua morta, unha corrente desfasada e anacrónica. Rock FM nútrese da nostalxia de grandes grupos dos setenta, oitenta e noventa, estancándose nas cancións de sempre sen pararse a analizar o panorama actual. Nin sequera cos clásicos se arriscan. “Can’t stand losing you” e “Roxane” dos Police, “Another Brick In The Wall” e “Wish You Were Here” de Pink Floyd, “The Kids Aren’t Allright” e “Pretty Fly (For a White Guy)” de Offspring ou “It’s My Life” e “Livin’ On a Prayer” de Bon Jovi son os únicos temas destes grupos dos que deixa constancia a emisora. Hai quen di que o apocalipse vaticinado polos maias non se desatou porque Rock FM pinchaba cada hora “Hightway to Hell” ou “Back in Black” dos AC/DC. Póñenseme os pelos como Scorpions.
O rock nesta emisora trátase coma unha lingua morta, unha corrente desfasada e anacrónica.
A identidade radiofónica de Rock FM queda clara cando sintonizas a emisora e te atopas con recoñecidos temas de Lynyrd Skynyrd, Bowie, Judas Priest ou Marilyn Manson, mesturados coas voces duns locutores que interveñen o xusto cando se trata de fórmula pura e dura. Marta Vázquez, Raúl Carnicero, Carlos Medina, Jorge Plané e Jorge Vileilla acompañan a súa selección musical de breves noticias relacionadas cos grupos que pinchan, por exemplo, a recente separación de Barricada ou a estrea da película “Metallica 3D, Though The Never”. Esta sinxela práctica, xunto coa mención do título e os autores de determinados temas, bótase en falta en moitas outras emisoras musicais que esquecen a súa labor comunicativa para converterse nun mero fío musical. Sen dúbida, moito máis barato.
Rock FM non é un dial trapalleiro. Prometen o rock que escoitaban os nosos pais de mozos, as cancións que levamos interiorizando desde nenos e os éxitos dos grandes clásicos. Cancións sedutoras para a nosa memoria que pedimos unha e outra vez ó longo de catro anos nas barras do Gasteiz ou do Maycar, nesta última sempre de maneira infrutuosa. A cultura radiofónica musical deste país é a cultura do coñecido. Demándanse os temas de sempre e os que as discográficas marcan como Top. Resulta triste que Rock FM sexa, sen contar a grandiosa, pública e temática Radio 3, a mellor oferta da rede radiofónica nacional. Onde queda o apoio ós grupos actuais? Vivimos unha época de bonanza en canto á aparición de novas bandas que precisan un megáfono máis potente que Internet para entrar no circuíto dos medios tradicionais, aínda vivos. Se esta emisora da que estamos a falar anunciase concertos de bandas orixinais en activo, fóra dos que realizan os grupos tributo a Queen ou Led Zeppelin, estarían a potenciar ese espírito rock que os fixo diferenciarse con orgullo das demais radio fórmulas.
Resulta triste que Rock FM sexa, sen contar a grandiosa, pública e temática Radio 3, a mellor oferta da rede radiofónica nacional.
Aínda que en certos momentos teñan ataques de Fitofilia (e non me refiro ás plantas) ou atracción sexual por U2, Aerosmith, Him ou Evanescence (seguen vivos?), as pezas básicas de Rock FM que repiten case cada hora son auténticos temazos.