Papá, quero ver a Metallica

A boa educación

Metallica presentouse ó mundo alá en 1983 como un cuarteto potente e agresivo. Agora, o grupo súmase á moda da industria cinematográfica da man de “Metallica 3D. Through the never”, unha longametraxe que chega hoxe – día 11 de outubro – ás salas españolas. A película, escrita e dirixida por Nimród Antal, narra a aventura de Trip, un rapaz axudante da banda ó que se lle encarga unha misión urxente. Un accidente á saída do estadio no que Metallica ofrece un macroconcerto atrapa a Trip nun enfrontamento entre manifestantes e policías. O tráiler do filme semella o comezo dunha misión do GTA mentres na radio do coche sona V-Rock, pero invádeme a curiosidade. Gustaríame pedirlle ó meu proxenitor que me levase da man ata a pantalla cinematográfica máis próxima para ver o que alí acontece; unha pena que só se proxecte en tres salas de Galicia: Yelmo Los Rosales (A Coruña), Cinesa As Cancelas (Santiago de Compostela) e Yelmo Cines Vigo. Con motivo da estrea recupero esta fotografía feita un día calquera nas rúas de Compostela.