O dereito a seren fachas

Inmersos, como estamos, na época dos dereitos universais a absolutamente todo semella sorprendente ter que estar a escribir estas liñas. Tome o lector unha primeira caución: proclamar o dereito ao que fai referencia o encabezado non implica nen desexo ou necesidade de exercelo. Simplemente se trata de levar á practica unha máxima atribuida a Voltaire e esencial para a existencia dunha sociedade aberta: non concordo co que dis, mais defendo o teu dereito a expresalo. Ben estaría lembrarmos esta idea máis acotío, máis nomeadamente agora que a polémica sobre a simboloxía franquista voltou a un lugar central na axenda pública galega e española.

Non concordo co que dis, mais defendo o teu dereito a expresalo

En agosto sucedéronse as noticias e imaxes de membros das mocidades populares acompañados de símbolos franquistas ou insignias neonazis. En troques, lonxe de ficar nunha mera febre estival —como terían gustado os dirixentes populares— a controversia transformouse nun andazo de outono cos  acontecementos acaecidos recentemente. No concello madrileño de Quijorna —gobernado polos populares— celebrouse unha homenaxe aos caídos por Dios y por España. A cerimonia, xunto co atrezzo nacionalsocialista e franquista vendido nun mercado celebrado no colexio público da localidade, situou a vila no ollo do furacán e no centro da polémica.

Hai algúns exemplos máis que contribuíron para botar máis leña ao lume. A principios do mes pasado, el aguilucho pousouse na balconada do concello, tamén madrileño, de Moraleja de Enmedio durante o pregón das festas locais. Retornando ao noso país, a explosión dun artefacto no concello de Beade trouxo de novo a cuestión á tona, debido á simpatía do alcalde pola figura do ditador e polo seu réxime. Despois de todo o acontecido, por se fose pouco, era o propio Partido Popular quen rexeitaba no Congreso dos Deputados tipificar a apoloxía do franquismo como delito no Código Penal. Denegaba a aprobación dunha moción presentada por CiU e consensuada con PSOE, IU, UPyD e UPN para acabar coa simboloxía totalitaria e nazi que incita á violencia e ao odio.

Senén Pousa no concello. Demasiada fachenda, nunca mellor dito. | La Opinión.

Senén Pousa no concello. Demasiada fachenda, nunca mellor dito. | La Opinión

A moción presentada polo grupo catalán formula unha pregunta que debe ser respondida. Ilegalizar símbolos de credos ideolóxicos totalitarios e antidemócraticos é un límite aceptable á liberdade de expresión? No entanto, antes dar unha resposta hai unha aclaración que cómpre realizar. Indubidablemente a apoloxía da ditadura franquista, do réxime nazi ou de calquera outro tipo de réxime totalitario, debe ser condenada por toda persoa que se diga demócrata. Gardar e exhibir símbolos de sistemas que practiquen a opresión sistemática, a institucionalización do asasinato e a persecución ao diferente debe ser moralmente reprobado por todo amante das liberdades. Habería que exixir, nomeadamente, que eses símbolos desaparecesen das institucións de todos ou, por exemplificalo, que o Sr. Pousa monte o seu altar a Franco no salón da súa casa e non no despacho dun concello que non é seu. Ter como escudo a liberdade de expresión non serve nestes casos.

Agora, co anterior asentado, a resposta á pregunta feita un pouco máis arriba debe ser negativa. Na Constitución española de 1978 o dereito fundamental a expresar e difundir libremente pensamentos e ideas por calquera medio de reprodución está previsto no seu artigo 20. Debemos aceptar que o prezo de sermos libres para pensar, falar e transmitir as nosas ideas é que as de outros nos poidan repugnar, ofender e molestar. Impedir que os franquistas poidan exercer o seu dereito a ser fachas e manifestarse como tal recorrendo ao monopolio estatal da violencia só nos fai máis semellantes a eles.

Debemos aceptar que o prezo de sermos libres para pensar, falar e transmitir as nosas ideas é que as de outros nos poidan repugnar, ofender e molestar.

Varias son as razóns que nos deberían levar a rexeitar este tipo de iniciativas. En primeiro lugar, a sá desconfianza que toda sociedade libre debería posuír a respecto do poder absouto, hoxe concentrado na maquinaria do Estado. Ben atrás, foi esa mesma desconfianza a que levou un grupo de prohomes na América recoller por escrito os dereitos que nos son inherentes pola nosa condición de individuos. Esa mesma idea é a que está detrás da existencia dunha serie de dereitos recollidos nas constitucións de Occidente, e na española, coñecidos como dereitos fundamentais. No entanto, o feito de que un deses dereitos, neste caso o de libre expresión, poida verse suxeito a unha restrición tan significativa por unha mera decisión da maioría –nunha cámara de representantes- non é algo que se deba celebrar. Volvendo ás palabras do filósofo irlandés Edmund Burke sabemos que a tiranía da maioría non é máis ca unha tiranía multiplicada. O feito de aceptarmos a disposición das nosas liberdades políticas en función do que unha maioría caprichosa vaia considerando como moralmente inaceptable lévanos, precisamente, a deslizarnos pola pendente esvaradía cara o totalitarismo. Recapaciten e, se non o ven posible, imaxinen que fose a ultradereita de Marine Le Pen a que decidise mañá en Francia aquilo do que non se pode facer apoloxía.

A tiranía da maioría non é máis ca unha tiranía multiplicada.

Conviría, tamén, botar unha ollada á historia máis recente das Españas. Ineficacia é a palabra que mellor describe os resultados da acción xudicial e policial neste sentido. Non hai moito máis de 10 anos, promovíase desde o Estado a ilegalización de parte da esquerda patriota vasca. Gardando importantes diferenzas con procurar a tipificación da apoloxía do franquismo, aquel episodio testemuña o futil que resulta combater ideoloxías con algo diferente que non sexan ideas. Lamentablemente, naquela altura a ilegalización de Batasuna reforzou as teses de quen no mundo da esquerda abertzale continuaba apostando pola vía armada. Identicamente, coartar a expresión de ideas na ultradereita española excluirá esta da participación no debate político e nas institucións que, en todo caso e se así o desexan os cidadáns, é o lugar onde se deben expresar as ideas e onde convertelas en realidades. Cando se confía na democracia como moralmente superior, non son precisas este tipo de medidas. En democracia as ideas combátense con ideas, non con xuíces e con policías.

En democracia as ideas combátense con ideas, non con xuíces e con policías.

Alén, o lector ten mellores alternativas que chamar á policía cando atope un franquista. Desde logo, elas son moito máis honestas que pedir que outros condenen por nós o que reprobamos. Franco vive aínda nas ideas do seu veciño? O feito de se relacionar o imprescindible con el, se de verdade lle molesta, abondará para que aprecie o seu malestar. Gusta o froiteiro de engalanar o seu balcón cunha bandeira preconstitucional os días de festa? Intente votar no mercado e deixe de comprar no seu negocio. Teñen aínda destacados franquistas esas honras concedidas durante o réxime polo seu concello, grazas á teimosía dalgún político que se nega a retiralas? Sabe xa entón a quen non debe apoiar nas vindeiras eleccións municipais. Ben logo, o reproche e a presión social lograrán unha modificación da conduta de todos eses individuos que non conseguirá a coacción estatal.

A torcida do Wizla de Cracovia sabe como exercer o reproche social.

A torcida do Wisla de Cracovia sabe como exercer o reproche social.

En definitiva, defendamos o dereito dos fachas a seren fachas. Eles precísano e nós tamén. Negándollelo apenas nos facemos máis semellantes a eles do que en realidade queremos. Aceptándollelo podemos actuar con coñecemento da realidade e modificala para erradicar da sociedade as ideoloxías do odio. Historicamente os crimes cometidos ao amparo dos diferentes totalitarismos –de esquerdas ou dereitas- son inmensas traxedias. A loita contra as ideas que os fixeron posibles é unha parte esencial para evitar os erros do pasado, con certeza. Rara vez, porén, a represión de ideoloxías coa violencia estatal serviu para algo que non fose sumar máis adeptos ao credo perseguido. Determinar como ilegais as ideas apenas nos achega a un mundo xa imaxinado anos atrás polo escritor británico George Orwell. De nós depende que deixemos 1984 nunha mera lembranza sobre a importancia dos límites ao poder. A obra non era, precisamente, un manual de instrucións. Integridade democrática, é o que está en xogo.