O contable dos Gutiérrez

Había unha vez nun lugar non moi lonxano unha familia de, poñamos por caso, 5 membros (a saber: a avoa, os dous pais, un fillo maior de idade e outro menor) aos que chamaremos os Gutiérrez que, visto que non sabían nada de economía nin finanzas, decidiron contratar un contable para que xestionase os seus ingresos, controlase os seus gastos e se dedicase a contratar servizos dos que eles non querían preocuparse. O método de escolla deste xestor profesional é o máis democrático que se nos poida ocorrer: todos os maiores de idade da familia votan ao seu candidato favorito e o máis votado é o que desempeñará a función, co cal todos presupoñen que será un home completamente virtuoso que non poderá enganar a tantos dunha soa vez.

A situación dos Gutiérrez cambiou de hai uns anos ata agora. Antigamente, á pensión da avoa sumábanse os salarios dos dous pais e os pequenos contratos eventuais do fillo maior. O contable decidía entón que, ante a boa situación da familia os seus clientes merecían vivir do mellor xeito posible, e por iso se ocupaba persoalmente de que non lles faltase de nada. Como pensaba que este momento favorable duraría para sempre non se preocupou en ningún momento de intentar aforrar uns euros para o futuro. Para el primou poder dicirlles que desde que o contrataran viviran mellor ca nunca antes.

Irresponsabilidades e fuxidas cara adiante

Pero como dicían os Doctor Deseo, a todos nos gustaría que o bo dure sempre, pero logo dura o que ten que durar, e a época das vacas gordas acabou para os Gutiérrez. Co pai despedido, a nai pasando a traballar media xornada e o fillo maior sendo chamado cada vez menos, os ingresos familiares pasaron en pouco tempo a ser a metade dos que eran. Foi entón cando o contable tivo que tomar unha decisión dura: ou axustaba o cinto dos Gutiérrez ou facía como que non pasaba nada e comezaba a facer que os seus clientes mantivesen o seu nivel de vida artificialmente a base de préstamos confiando en que a fochanca económica fose pasaxeira.

O medo a perder o seu posto de traballo e incumprir a maior de que a familia nunca vivira tan ben fixeron que o contable tomase unha decisión irresponsable e, cando se dou conta de que levaba demasiado tempo escapando cara adiante, intentou poñer un mínimo cordura dentro da tolemia na que se vira envolto. Ao intentar explicarlle á familia a situación e intentar moderar os seus gastos para, canto menos, facer fronte aos préstamos pedidos, os membros non entenderon a súa decisión e comezaron a sentirse molestos. Neses intres, a familia coñeceu a outro contable cun discurso que entendían mellor e lles resultaba máis atractivo. O home aquel dicía que tiñan dereito non só a manter o seu nivel de vida, senón a melloralo; que moitas das débedas contraídas polo actual contable eran ilexítimas pois non foran eles os que decidiran contraelas e, polo tanto, estaban no seu dereito a non pagalas.

Adelgazar con bocadillos de panceta

O espabilado lector que se acabe de enfrontar a este argumento darase conta da perversión do mesmo: o novo contable propón aos Gutiérrez impagar a débeda ao mesmo tempo que asegura que o nivel da familia mellorará cuns cartos dos que non dispón. Calquera que saiba un mínimo de como funcionan estes temas saberá que cando un non ten cartos e os necesita debe pedilos. Do mesmo xeito, saberán que calquera que non pague as súas débedas ten complicado que lle volvan prestar nada.

Chegounos entón o momento da gran pregunta: por que unha situación que parece nefasta para unha familia é a que se propón para saír da crise aos países? Non o sei, e como non o sei cada vez que escoito aos gurús que receitan non pagar a débeda e gastar máis aínda do que se gasta imaxino a un nutricionista aconsellando para adelgazar unha dieta baseada en bolos de chocolate e bocadillos de panceta. E outórgolle aos dous a mesma credibilidade.

Outra pregunta que me fago é se debemos fiarnos de contables ou ser cada un dono da súa propia economía, pero esa resposta coido que non a darei hoxe.