Debe (xa) cundi-lo pánico polo Front National?

— Oes, ti vas a misa?

Esta pregunta, xa de seu chocante, pasa a rozar o terreo do surrealista cando quen cha fai é un chaval de 20 anos con quen acabas de falar nun festival de música. Pasoume a última vez que estiven en Francia, nos últimos estertores do agosto parisino. O que me interpelaba viña, xunto cos seus curmáns e curmás, dalgún lugar de Touraine, bastión católica e conservadora situada no corazón no Hexágono e sementada por aquí e acolá cos monumentais castelos do Loira. Cando me conseguín sacudi-la sorpresa e lle respondín que eu non era moito de rezar, retruca, coma se fose unha obviedade: “home, pois hai que ser católicos, non? Se non que nos quedará ser? Musulmáns?”.

Eslógan electoral de Marine Le Pen: "Outra voz" | © J. P.

Eslógan electoral de Marine Le Pen: “Outra voz” | © J. P.

Neste inicio de semana apareceu de socato no mapa de Europa unha nova localidade: Brignoles. Esta vila da Provenza (sur de Francia) é do tamaño aproximado de Poio ou Viveiro, ten unha economía baseada fundamentalmente na vide e unha poboación moi envellecida, pois o seu clima bondadoso e a súa localización privilexiada (preto de Marsella, de Aix-en-Provence, de Toulon e de Niza) fixeron de Brignoles un lugar moi apropiado para xubilados. O motivo de que aparecese de repente nos mapas e nos titulares do Vello Continente son as eleccións cantonais que tiveron lugar aquí este domingo. Un cantón é unha unidade administrativa que, no rural, ten as mesmas funcións cás mancomunidades galegas. O cantón de Brignoles ten, aproximadamente, o duplo da poboación da súa capital, cerca de 30.000, dos cales 5.031 decidiron escoller como conseiller général a Laurent Lopez, do Front National (FN), o partido xenófobo comandado por Marine Le Pen.

A esquerda pediu o voto pola conservadora UMP para frear a Lopez. Pero non coou e o seu electorado quedou na casa

Ora ben, cómpre preocuparse polo resultado de Brignoles e esperar que sexa só o primeiro chanzo dun irresistible ascenso do FN? Dun lado, Brignoles non deixa de ser un caso atípico. Ó seu electorado vaille a marcha — estiveron xa a piques de ter un conseiller général do FN xa en 2011 e o actual alcalde de Brignoles é do Partido Comunista — e non cómpre esquecer que a abstención foi moi elevada, xa que na segunda ronda votou só o 45,2% do censo. Laurent Lopez — descendente, como poderedes adiviñar, de españois — chega ó poder co voto de só un de cada seis habitantes totais de Brignoles. Á segunda volta chegaron só el e a candidata da Union pour un Mouvement Populaire (UMP), o partido conservador polo que a esquerda pediu o voto para frear a Lopez. Pero non coou e o seu electorado quedou na casa.. Por outra banda, a campaña do candidato do FN foi, ó parecer, sublime; mentres que a da UMP, Catherine Delzers, estivo durmida ata que, pouco antes da segunda volta, se decatou de que tódolos medios franceses estaban a mirar para ela.

Laurent Lopez xunto a Marion Maréchal - Le Pen, atractiva herdeira do trono do FN

Laurent Lopez xunto a Marion Maréchal – Le Pen, atractiva herdeira do trono do FN | © Reuters

Dun lado, si. Marine Le Pen conseguiu algo moi importante: que o seu movemento “nacional-populista, nacional-fascista e nacional-anticapitalista”, en palabras do deputado Noël Mamère, deixase de dar medo. Afirma Mamère que “a porta da desdiabolización xa foi franqueada”, unha fase que precede á “credibilización”. “O voto polo Front National xa non é só un voto de protesta, senón que se concibe como unha alternativa posible fronte ás forzas políticas tradicionais”, comenta o veterano político ecoloxista. Agora que o seu pai, o vello Jean-Marie Le Pen, rancio, negacionista do Holocausto e encarnación viva do mal para a maioría dos franceses, pasou xa a un discreto segundo plano, a Marine quédalle o camiño libre para adoptar unha pose máis amable, de ama de casa francesa preocupada polos enfants de la Patrie. Pouco a pouco Marine vai, segundo Mamère, asumindo “valores de esquerdas, coma o laicismo, o feminismo ou a defensa dos obreiros”. O discurso de Laurent Lopez xa ten toques inconfundiblemente esquerdistas. “Penso nos meus electores, en todos estes desterrados, neste pobo modesto”, declarou tras saberse ganador.

 “Penso nos meus electores, en todos estes desterrados, neste pobo modesto”, declarou Lopez tras saberse ganador

En conclusión, parece improbable que o goberno de Francia vaia caer, a medio prazo, nas mans do populismo de dereitas, nese que caen os que, coma o rapaz da cita que abría o texto, teñen medo a ter que volverse musulmáns. Non obstante, Brignoles non deixa de ser un toque de atención ós dous grandes partidos franceses, o PS e a UMP. Os primeiros teñen a François Hollande que, despois de ano e medio no poder e de ter deixado poucas promesas sen incumprir, é visto ben só polo 24% dos franceses, o récord de impopularidade presidencial dende 1996. Os segundos tampouco teñen de que presumir. A UMP é un partido desgarrado con tres cabezas visibles que loitan entre elas coma unha hidra borracha: Jean-François Copé contra François Fillon, Fillon contra Copé e os dous, sobre todo, contra Nicolas Sarkozy, que ameaza cun retorno à la Aznar. A alternativa en Francia a un partido conservador forte é un partido xenófobo forte, non hai outra. De momento, o aviso que se deu no pequeno cantón provenzal foi indoloro. Pero en marzo de 2014 son as europeas, e aí si que pode que Marine Le Pen lle dea un susto gordo á vella e anquilosada Europa