Catalunya: E a culpa de quen é?

“Tanto pegar gritos de que España se va a pique (…) AHORA si que españa se ira a pique pero no precisamente por la izquierda. La derecha esta desmembrando España. A mi no me gusta ni mucho menos Zapatero pero muchisimo menos a Rajoy y Acebes. Pero por lo menos la izquierda esta dispuesta a dialogar. El PP pasara a los libros de historia de forma no demasiado brillante.”

el 26-01-2006 14:22 UTC por samsaga2


Resulta cando menos sorprendente abrir unha reportaxe nun medio serio coma Compostimes con tantos erros (ortográficos). Mais desta volta antollábase imprescindible. O autor da cita anterior non é literato, nin sociólogo, nin xornalista de prestixio ningún. Non se chama Antón Losada ou Miguel Ángel Revilla… e tampouco fai de gurú nas tertulias sabatinas. Non.

O único lugar onde pontifica o noso protagonista é o foro, ese limbo de internet que moitos asocian ó frikismo, malia acoller a mesma sabedoría -ou máis- que o seu precedente romano.  E é que é certo que a cita de “samsaga2” nunca aparecerá no encabezamento de “El Mundo”, pero poucos foron quen de deixarnos unha análise tan acertada do que ía acontecer en Cataluña -e España-. E dos culpables, claro.

 

La culpa es de Zapatero

O comentario que nos ocupa data do ano 2006 e fai referencia á oposición do Partido Popular á reforma do Estatuto de Autonomía de Cataluña, “tolerada” polo daquela presidente Zapatero. Tres anos antes, o propio ZP -aínda na oposición- prometera aceptar o texto que aprobase o Parlament. Dende aquel entón, a haxiografía oficial española -construída por certo think tank conservador  e difundida polos grandes opinadores do circo mediático madrileño- espallou a idea de que el era -e sería- o responsable de tódalas tensións territoriais que se producían -e se producirían- en España, por ter destapado a “Caixa de Pandora” do que consideraban unha reforma constitucional encuberta.

Esta teoría, moi na liña do famoso “La culpa es de Zapatero”, foi asimilada por gran parte da opinión pública, incluídos moitos votantes do Partido Socialista. A partir de 2009, o fenómeno multiplicouse, ó ver moitos cidadáns nos nacionalismos e na “balcanización” autonómica, supostamente promovidos polos gobernos do leonés, dous dos factores fundamentais da crise económica. E hoxe en día? Hoxe en día ata os propios dirixentes socialistas fan seu este discurso para fuxir das responsabilidades propias.

Pode que se equivocase ó adquirir un compromiso tan grande, pero o certo é que nunca  chegou a cumprilo

Mais, que hai de certo nisto? Realmente é xusto aporlle ó expresidente a deriva independentista actual? Se se fai unha análise rigorosa, a cuestión semella moito máis complexa. Non hai máis que ir á hemeroteca para comprobar que o propio Zapatero foi o primeiro en pórlle atrancos ó proxecto do Estatut. Nun primeiro momento, o seu goberno fixera unha proposta de perfil baixo, que reducía algunhas competencias, no medio dunha gran contestación dos sectores nacionalistas. Finalmente, Zapatero acabaría chegando a un acordo con Artur Mas para sacar adiante o texto que aprobara o Parlament de Catalunya, aínda que rebaixado. Pode que o exlíder socialista se equivocase ó adquirir un compromiso tan grande, si, pero o certo é que nunca chegou a cumprilo.

Aquela promesa perseguiría a Zapatero durante o resto da súa carreira política / 20 Minutos

Aquela arriscada promesa perseguiría a Zapatero durante o resto da súa carreira política / 20 Minutos

Tal era a súa obsesión por garantir a legalidade da reforma e evitar que se lle fose das mans que, aínda pondo en risco a estabilidade do seu propio goberno -en minoría, co apoio dos grupos de esquerda- e do tripartito catalán -en poder dos socialistas, xunto con ERC e ICV-, se comprometera a deixar o estatuto “limpo como unha patena”. Mais non todos opinaban o mesmo: o PP recorreu a norma ante o Tribunal Constitucional. Por que o fixo? Na resposta a esta pregunta atópase a clave da problemática actual.

 

As razóns do PP

Para entender a decisión do Partido Popular cómpre coñecer o contexto político da época –Enric Juliana explícao moito mellor-. A formación conservadora perdera o goberno tras dúas lexislaturas e atopábase nunha situación moi complicada por mor das políticas de José María Aznar durante o seu último mandato, no que prescindira dos demais grupos políticos para gobernar. O “cordón sanitario”, representado polos partidos cataláns co Pacto do Tinell, abafaba a un PP que tampouco podía contar cos nacionalismos burgueses, aínda amolados pola política autoritaria e centralista do goberno “absoluto” aznariano.

Ante esta situación, e cunha esquerda cada vez máis polarizada entorno á figura emerxente de Zapatero, a “vella garda” popular decidiu realizar unha oposición moi dura, tanto no Congreso coma na rúa. Con Ibarretxe K.O. e a ETA en stand by, a mobilización do electorado españolista xa non se podía facer apelando ó problema vasco: era a quenda de Cataluña.

Trataríase de sacrificar as expectativas electorais alén do Ebro para reforzalas aquén. Ou o que é o mesmo: sementar o anticatalanismo para gañar votos no resto de España

O PP perdera as Xerais de 2004 alí -os 15 escanos que lle sacara o PSOE resultaran definitivos- e estaba disposto a vencer en 2008… mais aplicando a regra á inversa. O razoamento era o seguinte: “Xa que non podemos gañar as eleccións en Cataluña, fagámolo a costa de Cataluña.” Trataríase de sacrificar as expectativas electorais alén do Ebro para reforzalas aquén. Ou o que é o mesmo: sementar o anticatalanismo para gañar votos no resto de España.

/ El Mundo

O PP fixo o contrario que o polbo Paul nesta manifestación a favor do Estatut: apostou por España en detrimento de Cataluña / El Mundo

Nese marco hai que entender a decisión popular de recorrer o Estatut, así como a campaña para recoller sinaturas contra esta lei orgánica -non cómpre esquecelo- ó longo e ancho do Estado. Todo se debeu, polo tanto, a unha estratexia política conxuntural motivada por intereses electorais, tal e como desvelaría Alfredo Pérez Rubalcaba varios anos máis tarde. Corría o 2006 e os populares aínda non eran quen de imaxinar o fracaso do seu plan… e o que é máis grave: o gran problema que este acabaría por provocar a longo prazo. Efectivamente, o PP volveu perder as eleccións de 2008. Fíxoo cunha diferenza idéntica á de 2004 e case equivalente ós escanos que lle sacou o PSOE en Cataluña. Mais o peor aínda estaría por chegar co cambio de década.

 

O turning point

Tras catro anos de incerteza política, o Tribunal Constitucional (TC) emitiu o fallo do Estatut o 28 de xuño de 2010. Ese día marcaría un punto de inflexión na historia das relacións entre Cataluña e España; un turning point máis importante, se cadra, que o da manifestación do 11 de setembro de 2012. O Alto Tribunal, diezmado trala morte dalgúns membros e a recusación doutros, coa súa renovación bloqueada dende había tres anos e sometido a presións políticas de todo tipo, decidiu pasarlle as tesoiras a catorce dos artigos da lei. Uns días despois, centos de miles de persoas marcharon polas rúas de Barcelona para protestar contra o veredicto dun organismo que consideraban ilexítimo, ou cando menos deslexitimado. O resto da historia xa a sabemos.

Os catro millóns de sinaturas son hoxe catro millóns de votos independentistas

Dende a perspectiva que dá o tempo, semella errada a decisión do tribunal, que non interpretou a Carta Magna dun xeito flexible -probablemente o único punto abertamente inconstitucional fose a creación dun “CGPJ catalán”-. Este feito, unido a que se trataba dunha institución que non existía en moitas democracias avanzadas e á cantidade de leis que foran recorridas durante aqueles anos, instaurou en Cataluña a sensación de que o poder central empregara o TC como unha terceira cámara para frear a vontade democrática do pobo. O ríxido emprego dos instrumentos legais do Estado Español fronte as aspiracións soberanas da cidadanía catalá. Sóavos? Non hai que ser moi espelido para darse de conta de que, coa paréntese do pacto fiscal, o marco do conflito é o mesmo dende hai tres anos: antes baixo o nome de Estatut e agora co eufemístico “dereito a decidir”.

Pero se a torpeza e -por que non dicilo- irresponsabilidade do TC fora clamorosa, máis aínda a do Partido Popular. A súa estratexia  non só fracasou, como ten recoñecido a propia Alicia Sánchez Camacho, senón que acabou por abrir unha fenda cultural, social e política -insalvable?- entre Cataluña e o resto de España. Os catro millóns de sinaturas son hoxe catro millóns de votos independentistas, debido en grande medida á política curtopracista dos que de cotío enchen a boca falando de “interese xeral”.

/ Mario Nespereira

Interese xeral ou intereses políticos? A manifestación do sábado pasado, outro acto “baixo sospeita” / Mario Nespereira

Non cómpre esquecelo: os nacionalismos retroaliméntanse -non hai máis que ver quen ten absoluta en Madrid sempre que ERC está forte-, e se hoxe padecemos un problema secesionista non é só polos erros tácticos e a man branda de Zapatero, senón polos efectos descontrolados da polarización que buscou o PP. Venme á cabeza “samsaga2” e a súa predicción de 2006: “La derecha está desmenbrando España”. Parecía inverosímil, non si? Pero o certo é que, chegados a este punto, moitos estarédesvos reformulando a pregunta: E a culpa… de quen é? Seica desta volta a resposta non remata en “ero”… senón nunha  famosa rima que de seguro está a resoar nas vosas mentes agora mesmo.