Cara a cara: Pode gañar o Atlético de Madrid a Liga?

En Compostimes estamos preocupados polo nivel da liga española. Estas semanas, Roi Rodríguez tenta explicar porque temos unha competición bipolar a nivel económico e deportivo, ao mesmo tempo que nos propón algunha que outra solución. Porén, a nosa liga conta cun Atlético de Madrid con ganas de plantarlle cara aos máis grandes do fútbol español. Polo de pronto, os do Cholo levan un pleno de vitorias ata esta xornada de seleccións, así que chega o momento de preguntarse se de verdade son unha alternativa real ou non.

O Atlético celebra un gol en Anoeta  | ©Atlético de Madrid

O Atlético celebra un gol en Anoeta | ©Atlético de Madrid

A favor: Gonzalo Da Cuña

Eu era o primeiro escéptico. De feito, a tempada pasada tiña moi claro que o Atlético de Madrid non podería manter o ritmo dos grandes, pero é que o equipo do Cholo despois de tres anos de rodaxe, de experiencia e de preparación xa pode aspirar a practicamente todo. E por suposto, tamén a gañar esta Liga.

O Atlético é forte porque cumpre todas as premisas que se lle piden a un equipo. Non hai individualismo, non hai egos, non hai polémicas polas rotacións e todos pensan nun obxectivo común.  De feito, ás veces parece incrible o traballo que son capaces de realizar xogadores de calidade como Arda Turán ou Koke. Non existe tempo para as malas caras, nin para as protestas polas substitucións cando o partido está resolto. No Manzanares todos corren, todos aportan e todos participan na causa do Cholo.

O Atlético faise forte porque é un equipo. No Manzanares todos corren, todos aportan e todos participan na causa do Cholo.

Poucos equipos en España (e incluso en Europa) teñen un mediocentro tan potente como o do Atlético, e creo que ningún realiza unha presión tan asfixiante. Ademais, cada día o equipo ten máis traballadas as xogadas de estratexia, un detalle que serve para sumar moitos puntos en partidos igualados. Eu non sei se ti podes recordar, querido Nico, o último gol que o Madrid ou o Barcelona marcaron a través dunha xogada de pizarra. Pois esta é unha arma que tamén deberíamos ter en conta, xa que é tan lícita como outra calquera.

Outros dous tópicos en contra do Atlético eran o de vencer ante os grandes e o de ser capaces de compaxinar dúas competicións como Liga e Champions. Pois ben, hai dúas semanas os do Cholo comezaron a demostrar que son capaces de poder con iso. O sábado venceron no Bernabéu, rachando cunha maldición de catorce anos sen gañar ao seu máximo rival en Liga, e o martes seguinte sacaron adiante un partido de enorme esixencia en Porto. Tirando de estadística, os do Cholo venceron os dous últimos encontros ante o Real Madrid (final de Copa e o xa mencionado encontro de Liga no Bernabéu) e sacaron dous empates ante o FC Barcelona (os dous partidos da Supercopa de España onde só cederon o título por recibir un gol no Calderón).

Os do Cholo demostraron que poden vencer ante os grandes e que están preparados para compaxinar Liga e Champions

Todo isto, unido ao momento de forma de xogadores como Diego Costa, o crecemento de Koke no mediocentro ou a seguridade de Courtois na portería, conforman un equipo que ten licenza para soñar na liga española. E máis tendo en conta que no banco está o Cholo Simeone, un home que foi construíndo un equipo traballador, difícil de gañar e cargado de amor propio. Todos e cada un dos xogadores teñen clara a filosofía de traballo e simplemente pensan no seguinte encontro, sabedores que cos pés no chan poderán facer soñar á afección do Calderón con obxectivos que hai uns meses eran impensables. Quizais, porque o Cholo tamén é dos que opina que entre crer e crear só hai un letra de diferenza.

O Cholo celebrando un gol no Calderón | ©Ángel Martínez

O Cholo celebrando un gol no Calderón | ©Ángel Martínez

En contra: Nico Martínez

Entendo, Gonzalo, que coma bo afeccionado ao fútbol queiras esquecerte desta mentira de Liga na que levamos vivindo uns cantos anos, que desexes que ese binomio que tanto dano nos está facendo se vexa incomodado, mais ilusionarse ás primeiras de cambio, din que non é bo.

Eres un soñador, recoñezo que tamén me gustan as grandes xestas, mais o tempo e o fútbol contemporáneo foron doses de realismo suficiente. Desexo, ao igual que ti, que alguén rompa este modelo, que lle desmonte a quen lidera o negocio esta farsa de competición. Mais sinto dicirche, compañeiro, que ese non será o Atlético de Madrid.

É difícil xestionar unha plantilla que non ten recambios suficientes para desputar ata tres grandes competicións á vez

Que Simeone é un gran adestrador non o dubida ninguén, un gran motivador, mais xa veremos como consegue xestionar unha plantilla, con recambios pero non suficientes, para disputar ata tres competicións á vez e ao seu maior nivel. Deixar de loitar e de ingresar cartos na Champions League ou tirar a Copa, un título que che pode salvar unha tempada, por intentar disputarlle a Liga a dous equipos con plantillas estratosféricas e que si poden combinar competicións sen notar as famosas rotacións.

O equipo de Simeone é un once. É certo que conta con recambios de calidade coma Leo Batistao, Adrián ou o “Cebolla” Rodríguez, mais o técnico arxentino conta cun once tipo que lle gusta manter. Así se notou o cansancio físico no último partido de Liga contra o Celta, onde os galegos meteron ao seu equipo atrás e estiveron a piques de roubarlles os dous primeiros puntos da Liga. Ben é certo que o equipo madrileño puido pechar o partido antes, mais coma neste pode pasarlle noutras ocasións e non sempre sairá tan ben parado. Eses baixóns físicos nos finais dos partidos poden xuntarse ademais coa mala sorte das lesións, unha circunstancia que o Atlético de Madrid pagará moito máis que o Madrid ou o Barça.

Non é unha simple cuestión física, senón tamén mental. Os dous grandes voltan a ter a fame de triunfos e as ganas que tiveron tempo atrás

Aínda así non quero quedarme só no aspecto físico, senón tamén no mental. Os dous grandes rivais pola Liga tamén contan e voltan a ter a fame de triunfos e as ganas que tiveron tempo atrás. Na casa branca queren esquecer ao señor Jose Mourinho canto antes e os seus futbolistas desexan demostrar unha valía posta en dúbida moi a miúdo. Mentres que o Barcelona do Tata Martino pretende recuperar a hexemonía mundial e manter todos eses eloxios que non queren que se escapen cara Múnich e o seu ex-adestrador Pep Guardiola.

Síntoo, compañeiro, o Atlético de Madrid promete animar esta Liga. Non sei ata onde, mais teño claro que non chegará ao final. Para iso necesitarán aínda máis experiencia nestes terreos, un plantel máis amplo e algunha individualidade que poida decidir os partidos máis desputados. Aínda non chegou o seu momento.