Bolsos con historia (I)
Quizás a algún profano isto que imos comentar o pille por sorpresa, pero seguro que para vós, queridas fashionistas de Compostimes, o artigo de hoxe redunda na vosa cultura e sapiencia modil. Coma calquera outra arte, a moda tamén ostenta pezas únicas, inmortais, que marcaron unha época e que hoxe seguen a ser iconas de desexo para calquera amante do estilo. O complemento rei, o engado fetiche de calquera look feminino, o bolso, ten as súas propias musas, as súas Venus de Milo, que inspiran a centos de deseñadores desde o seu alumeamento… Hoxe en Compostimes, lanzaremos a primeira entrega que versa sobre os grandes referentes en materia de marroquinería:
Birkin de Hermès:

trendencias.com
Como non podería ser doutro xeito, comezamos este artigo co inmortal bolso Birkin da francesa Hermès. Todo un clásico que xurdiu da forma máis casual da man de, por suposto, Jane Birkin. No 1981, viaxaba a actriz nun avión de Air France cando subitamente a cesta que adoitaba usar como bolso caeu esparexendo todo o seu contido polo chan do aeroplano. Un individuo que viaxaba ao seu carón preguntoulle curioso por que empregaba tal obxecto por bolso, ao que ela respondeu que ningunha das pezas que poboaban o mercado se adaptaba ás súas necesidades. Casualmente, ese home era Jean-Louis Dumas, presidente de Hermès, que lle propuxo deseñar un bolso xuntos; plan que se materializou no 1984, aínda que o Birkin se basea nun modelo anterior de arredor de 1890. E así xurdiu este idilio que perdura ata a actualidade, pois os Birkin seguen a ser todo un referente e o seu prezo non baixa dos 6.000 euros, podendo chegar ás seis cifras… Incluso existen rumores de que fai falta apuntarse nunha lista de espera, pois non todo o mundo é digno de facerse con un, aínda que no 2010 a casa francesa anunciou que esta política rematara, ¿sabe algunha de vós se isto é así?… A súa elaboración é completamente artesanal e require arredor de 48 horas.

graziadaily.co.uk
Jane Birkin co seu Birkin
2.55 de Chanel:

trendencias.com
Non resulta sorprendente que este bolso xurdira como consecuencia do irreverente carácter de Coco Chanel, aló pola década dos 20 a deseñadora xa estaba farta de andar co bolso agarrado na man, quedando esta completamente inutilizada e impedindo fumar e beber ao mesmo tempo, así que ideou un novo modelo de carteira que engadía unha cadea abondo longa como para levalo pendurado do ombreiro, que saíu ao mercado no 1929. No 1954 Chanel actualizou o seu icónico bolso para a muller moderna, e o deseño resultante foi o que hoxe coñecemos como 2.55, que veu a luz en febreiro de 1955. O particular tecido acolchado que o caracteriza puido ter sido inspirado por fontes diversas: os abrigos de montar dos jóckeys, os cristais da Abadía de Aubazine ou os coxíns do apartamento parisiense de Coco Chanel … Segue a ser un misterio.

dreamofafashionnight.blogspot.com
Coco Chanel ao carón do seu 2.55
Kelly de Hermès:

chicadekyoto.blogspot.com
Do mesmo xeito que o seu curmán, o Birkin, o bolso Kelly de Hermès xa tiña un prototipo antes de que a actriz-princesa lle cedera o seu nome. O Kelly xurdiu no 1892 da man de Émile-Maurice Hermès e Ettore Bugatti, para a esposa do primeiro, Julie. No 1930 experimentou certas modificacións, momento no que se deu en chamar Sac à dépêches, adquirindo unha forma de sobre moi chamativa na época. En 1954, mentres Hitchcock rodaba “Atrapa a un ladrón”, permitiulle á directora de vestiario da película, Edith Head, adquirir accesorios de Hermès para a rodaxe. De acordo con Head, Grace Kelly namorouse do bolso e converteuno nun dos seus básicos de armario. Algo despois de casar con Rainiero, a por aquel entón princesa de Mónaco apareceu portando o bolso nunhas fotografías tomadas pola revista Life, e, como icona de moda que era, instaurou o Kelly como o novo obxecto de desexo polas súas seguidoras. Non foi ata 1977 que o Kelly recibiu este nome oficialmente. Existen oito tamaños, e a súa elaboración, tamén artesanal, require entre 18 e 25 horas, onde cada elemento é creado por un único artesán, o que resulta en elevados prezos, de catro, cinco, e ata seis cifras.

jessicarulestheuniverse.com
Grace Kelly co Kelly na man
Amazona de Loewe:

factrends.blogspot.com
De xeito parecido ás súas competidoras do momento, Louis Vuitton ou Hermés, a española Loewe comeza a súa andadura coa marroquinería, acadando axiña unha grande notoriedade, ata o punto de converterse en provedora da Corte de Alfonso XIII. Na década de 1970 Loewe lanza a súa primeira colección prêt à porter, o seu primeiro perfume, o seu famoso anagrama composto por catro eles e o bolso Amazona (concretamente no 1975), o primeiro bolso flexible da historia.
Actualmente, a firma pon a disposición do usuario un portal web para personalizar este complemento, onde poder ver como quedaría con diferentes materiais, cores e tamaños. Ademais, pódense incluír as iniciais do propietario no interior do bolso e obterse unha certificación de propiedade a través dunha tarxeta elaborada no mesmo tipo de pel e cor que o propio bolso. O seu prezo oscila entre os 1.700 e os 25.000 euros, dependendo das características.

brianboy.com
Brian Boy co seu Amazona
Ata aquí o artigo de hoxe! Que opinades? Agora a agardar á segunda entrega!
Ata a próxima!
Imaxe destacada: blog.hossintropia.com