Berlusconi, ¿game over?
Alá polo mes de maio contabamos nesta mesma páxina os desafíos aos que se enfrontaba un país politicamente inestable de seu como é Italia ante a nova lexislatura e o goberno encabezado polo primeiro ministro Letta. Diagnosticar daquela que a labor do premier ía ser complicada non requería ser un grande analista político pois, como diciamos, conxugar as intereses das diferentes correntes que conforman o executivo italiano era unha tarefa que só estaba á altura de grandes estrategas do consenso como Giulio Andreotti, finado por aqueles tempos.
Non facía falta tampouco ser ningunha lumbrera para intuír que a meirande parte dos conflitos gubernamentais os xeraría a rama do centro-dereita, o PdL de Berlusconi, que asumía desde o primeiro momento o papel de acadar un equilibrio entre ser goberno e oposición a un tempo. Un rol complicado, tendo en conta os problemas de Il Cavaliere coa xustiza e que se aveciñaban tempos tormentosos neste eido. A condena de catro anos de cadea, que non cumprirá por cuestións de idade, e a inhabilitación para desempeñar cargos públicos que lle impuxo a xustiza transalpina ao exprimeiro ministro foi a chispa que parecía poder facer detonar o goberno de Letta.

Enrico Letta, un home de paciencia
A situación volveuse irreversible cando hai uns días o premier se atopaba nos Estados Unidos intentando convencer a unha serie de empresarios de que Italia é un país idóneo para invertir e buscando que se abstiveran de atender aos que advirten da inestabilidade do executivo. Ao mesmo tempo que Letta pregonaba tales máximas, Berlusconi empeñábase en contradicir o seu socio. Il Cavaliere, que se negaba a que o obrigasen a deixar o seu posto de Senador, ameazaba con romper o pacto e facer caer o goberno instando á dimisión dos ministros do seu partido. A sorte parecía botada.
A moción de confianza foi un xesto de valentía
Foi entón cando Letta tirou de raza e decidiu encarar o problema en toda a súa dimensión, e fíxoo nun innegable xesto de valentía, expoñéndose a unha moción de confianza do Parlamento italiano. Deste xeito o primeiro ministro retrataría aos seus compañeiros de goberno: ou o facían caer, ou quedaban canda el, pero non podía deixar que as reiteradas ameazas seguisen mermando a unha corporación en permanente crise.
A pelota pasaba ao tellado do PdL, que debía tomar parte de xeito inminente. A pesar do ruido feito ata o momento, ao partido non lle quedaba máis remedio ca entender que os días de Berlusconi en política están contados e xa estaba cercado por todos os poderes do Estado. O centro-dereita comezaba a entender que era tempo de pensar en algo máis, que condenar o seu presente e condicionar o seu futuro no resultado dunhas hipotéticas eleccións nas que os italianos podían castigalos con dureza pola súa “traizón” ao país.
Ser o delfín de Berlusconi non parece moi boa carta de presentación
Cando as situacións chegan ao límite aparecen persoas comportándose dun xeito excepcional. Isto sucedeu con Angelino Alfano, home forte do PdL no executivo e man dereita de Berlusconi durante moitos anos, o cal non parece garante de ser un home cunha arquitectura moral moi sólida. Mais Alfano sorprendeu a propios e estranos cando se negou a seguir as directrices de Il Cavaliere e manterse no goberno, instando aos seus ministros que non fixeran caso do capo do partido.

Alfano, fisicamente, é unha mestura entre Tony Soprano e Mario Conde
Finalmente chegou o día da moción de confianza no Senado e Enrico Letta compareceu diante da Cámara rodeado de todo o seu equipo de goberno para dar un discurso moi serio de apenas media hora, no que evitou sobresaltos de ningún tipo. Louvou a lealdade do presidente Giorgio Napolitano e chamou á responsabilidade dos deputados que exercerían o seu voto, especialmente dos do PdL, que malia que os seus ministros anunciaran a súa continuidade, aínda non garantizaran o sentido do seu pronunciamento. Finalmente, a sorpresa saltou debate cando no seu turno, Berlusconi pronunciou a xa célebre frase:
Decidín, non sen interna incertidume, dar un voto de confianza ao goberno
Poucas verbas que significaban moito. Cada pausa de Il Cavaliere na frase semellaba un mundo e simbolizaba as dificultades mesmo persoais que para el supuñan dar un paso atrás no pulso ao que decidira desafiar a Letta e fortalecer ao rival de cara ao futuro. E dicimos un paso atrás de xeito deliberado, porque Berlusconi é dos que non se rende nunca, e habemos ver como esgota todas as posibilidades de seguir enganchado ao poder. Aínda así, semella que a fin do xogo está cada vez máis próxima.