A xira máis curiosa da NBA
A NBA é un dos maiores espectáculos do mundo. Por iso, todos os veráns tenta ampliar o seu mercado con xiras por boa parte do planeta. Na actualidade, os equipos americanos teñen a sorte de disfrutar de viaxes exóticas dende a comodidade, pero nos seus inicios non todas as xiras foron tan cómodas. As primeiras experiencias deste tipo comezaron a finais dos setenta, pero foron moito máis asiduas durante a década dos oitenta. Foi aquí, no verán de 1988, cando os Atlanta Hawks visitaron a Unión Soviética nunha das xiras máis recordadas e ao mesmo tempo máis difíciles da historia da NBA.
A guerra fría afrontaba a súa recta final e por ese motivo a xira dos Hawks foi denominada “Goodwill Tour” (Xira da Boa Vontade). A viaxe tivo unha duración de vinte días e enfrontou ata tres veces á selección da URSS ante o equipo do estado de Georgia. Os motivos desta xira foron única e exclusivamente económicos. Por un lado, a cadea TBS buscaba ampliar os seus lazos co xigante ruso, que se atopaba en plena apertura económica. Despois, para a NBA era un sitio atractivo por motivos económicos, pero tamén porque dalí saían grandes talentos. David Stern, comisionado da liga, aproveitou a oportunidade para reunirse con altos cargos do goberno soviético.
“Cubrín moitos acontecementos na miña carreira, pero ningún o recordo tanto como este. Foi unha viaxe tan horrible que rematas por collerlle cariño. Mala comida, longas viaxes, problemas estomacais e malos hoteis”, recorda Jack McMallun, xornalista de Sports Illustrated
Todo isto impulsou aos Atlanta Hawks a unha aventura que rematou por ser similar a unha odisea. Xogadores, directivos e xornalistas acreditados nunca esquecerán aquela xira que foi histórica por moitos motivos.

Wilkins e Fratello facendo turismo durante a xira | ©Historiasdeportivas
Culturas e obxectivos opostos
Para os Hawks a xira era un mero trámite. Tras firmar unha gran campaña, perdendo en semifinais de conferencia ante os Celtics no sétimo encontro, os xogadores tiveron que renunciar a parte das súas vacacións para viaxar ao país soviético. Porén, para a selección local era un reto vencer a un equipo potente da mellor liga do mundo, ao mesmo tempo que podían facer probas para os Xogos Olímpicos de Seúl. Por iso, os rusos xogaron cun equipo moi similar ao que meses máis tarde conseguiría a medalla de ouro na cita olímpica.
Foron tres partidos con obxectivos opostos para os dous equipos. A URSS buscaba unha vitoria de prestixio, mentres que os Hawks estaban perdendo días de vacacións
A chegada dos americanos foi dura, e máis cando se hospedaron no Centro Olímpico de Sukhumi, unha localidade situada preto do Mar Negro. Entre turismo e adestramentos, os xogadores tiveron que adaptarse ao brusco choque cultural e a unha dieta baseada en cogombros e tomates, o cal foi o máis duro.
O “Goodwill Tour” comezou en Tiblisi, en Georgia, onde os Hawks leváronse o partido no último ataque. Cando quedaban dezanove segundos a URSS dominaba por 84-83, pero un último tiro de Battle evitou a catástrofe americana ás primeiras de cambio. Os americanos non fallaron nun encontro moi duro e recibían a noticia de que a súa gran estrela, Dominique Wilkins, chegaría á xira.

Dominique Wilkins, un dos grandes prexudicados da xira | ©Sports Illustrated
A odisea de Wilkins
Mentres a expedición principal afrontaba un duro traslado a Vilna, Dominique Wilkins chegaría á capital lituana tras un breve paso polo aeroporto de Moscova.. Unha vez alí, uns directivos soviéticos ían encargarse dos seus papeis para o transbordo, pero por unha erro de coordinación perderon o avión na capital rusa. Os directivos non buscaron unha solución, senón que simplemente abandonaron o aeroporto deixando a Wilkins perdido na terminal. Unha das grandes estrelas da NBA atopábase só, incomunicado, sen coñecer o idioma local, sen cartos e sen comida.
“Foron doce horas sen directivos ou coñecidos, así que me limitei a sentarme e esperar” – Dominique Wilkins sobre a súa odisea no aeroporto de Moscova
Un día despois, lograron rescatalo e levalo a Vilna onde daría unha exhibición no segundo encontro da xira. Ese segundo encontro será recordado por unha frase do preparador dos Hawks Mike Fratello. Cando rematou ese encontro, o resultado era de empate a noventa. Ao ser un amistoso, Gomelski quixo pactar un empate co seu colega Mike Fratello, pero o orgullo puido máis. O adestrador visitante deixounos entón unha frase para o recordo: “Non estamos dispostos a cruzarnos medio mundo en vacacións para empatar un partido. Imos xogar a prórroga”. En cinco minutos, os Hawks desmontaron a resistencia soviética cun Wilkins imperial que sumaría 29 puntos no total do partido.

Volkov, un dos protagonistas da xira. | ©NBA.com
A vinganza da URSS
O peche do “Goodwill Tour” viviuse no estadio olímpico Luzhniki cunha actuación canto menos curiosa por parte dos árbitros. Durante toda a xira decidiuse utilizar un reglamento híbrido entre o utilizado pola NBA e o da Federación Internacional, pero neste partido os dous árbitros (un estadounidense e o outro soviético) adicáronse a axudar aos seus compatriotas. Anécdotas a parte, aquel 30 de xullo foi un dos días máis destacados da historia do baloncesto soviético.
O equipo local dominou o partido de principio a fin e rematou vencendo por máis de dez puntos de renda. O líder da URSS foi Aleksandr Volkov, un xogador que xa estaba drafteado polos Hawks e que se incorporaría á disciplina dos de Fratello tras esa exhibición. A selección soviética foi o segundo equipo europeo en vencer a un rival da NBA, xa que o Maccabi Tel Aviv xa ostentaba tres vitorias ante equipos da mellor liga do mundo (Bullets no 78 e Nets e Suns no 84).
“A xira deunos para falar de algo durante toda a tempada, pero si a TBS decide organizar unha xira o próximo verán mellor que a faga nas Bahamas” – Battle, base dos Atlanta Hawks
E así rematou a xira máis pintoresca e curiosa da historia da NBA, con ese resumo para a historia que realizou o base americano Battle. Unha xira que serviu para abrir horizontes e que demostrou que ás veces o negocio pode moito máis que o deporte.