A liga máis galega
O Celta, o Río Natura Monbús e o Frigoríficos do Morrazo son as tres cabezas visibles do deporte galego por equipos nas grandes competicións nesta tempada. Tendo en conta a situación de crise que atravesa o deporte en España non se pode pedir moito máis, pero ás veces os grandes medios esquecen falar doutro deporte onde os galegos temos ata tres equipos na elite. Falamos do fútbol sala, onde o Santiago Futsal e o Azkar Lugo levan moitos anos representando ao noso deporte na máxima competición. A eles, dende a tempada pasada, hai que sumarlle o Burela Pescados Rubén. Os tres colocan o fútbol sala galego como un dos máis potentes de España, pero os obxectivos de cada estrutura son moi diferentes. Por iso, tras sete xornadas de liga, analizamos as posibilidades e os obxectivos dos equipos galegos na Liga Nacional de Fútbol Sala.

Partido no Palau Blaugrana entre o Barcelona e o Santiago Futsal. Os galegos sumaron un meritorio punto. | ©Telecinco
Santiago Futsal: Favorito en segunda liña
Cando a calquera afeccionado do fútbol sala lle preguntan polos favoritos para vencer unha competición nacional falará de Barcelona, El Pozo e Inter Movistar. Despois, tras unha pequena pausa, non descartará aos chamados “outsiders” entre os cales sempre mencionará ao Santiago Futsal.
O equipo de Santiago leva moitos anos pelexando por títulos, dende que o actual seleccionador Venancio García o situara como un dos equipos máis importantes de España. A fórmula máxica do equipo santiagués sempre se baseou no traballo defensivo, na importancia de tódolos xogadores e na aposta pola canteira. Deste xeito, polo Multiusos Fontes do Sar pasaron moitas das futuras estrelas do fútbol sala mundial. Esta filosofía foi continuada por Tomás de Dios e agora por Santi Valladares. Polo tanto, este ano volverán a cambiar os xogadores pero nunca a filosofía.
En Santiago cambiarán os xogadores, pero nunca cambiará a filosofía. Serán outra vez “outsiders” na Copa e nos playoffs
Como ben sendo habitual, os grandes equipos aproveitaron este verán para pescar xogadores de calidade en Santiago. Raúl Campos foi a fichaxe estrela do Pozo Murcia, mentres Alan Brandi será un xogador importante no Benfica portugués. Outras baixas sensibles foron as de Álex e Hugo (que tomaron rumbo a Burela) e tamén a do porteiro Carlos Barrón que este ano defende as cores do Manacor.

Presentación de Palomeque, a fichaxe estrela do equipo santiagués | ©Vavel
Porén, os de Santiago sempre tiveron facilidade para reconstruír e xerar equipos de garantía, e este ano non van ser menos. Dúas fichaxes estelares como Juanjo para a portería e Palomeque como peche son valores seguros, e outras máis arriscadas como Chus ou Hugo Sánchez (unha das perlas do Burela) parece que poden dar un gran rendemento. Nas primeiras xornadas o equipo santiagués demostrou un bo nivel e sitúase na parte alta da táboa por detrás dos tres grandes. De feito, no Palau Blaugrana demostraron que poden vencer a calquera, aínda que remataran empatando ese partido.
De momento as primeiras sensacións son moi positivas. O Santiago Futsal atópase na parte alta da táboa, xusto por detrás dos grandes
O obxectivo do Santiago Futsal será de novo meterse nas fases finais da Copa de España e dos playoffs. Alí, especialmente na Copa, tentarán dar algunha que outra sorpresa que os poida levar a soñar con vencer algún título. Títulos que non hai tanto que se celebraron en Santiago.

Partido entre o Azkar e o Navarra, onde os galegos sumaron a primeira vitoria da tempada | ©Marca
Azkar Lugo: Canteira como base para seguir crecendo
O Azkar leva demostrando durante doce anos que pode conseguir manter un equipo competitivo en primeira división apostando pola “Escola Terra”. Polo tanto, se algo funciona non parece moi lóxico modificalo. Tras pasar apuros nas últimas campañas, o equipo transportista espera que esta sexa unha tempada máis tranquila. Unha liga de quince equipos e unha soa praza de descenso en xogo axudará a logralo, pero sobre todo confían no crecemento dos seus xogadores máis novos.
Doce anos na máxima competición apostando pola canteira avalan ao Azkar. Este ano a filosofía será a mesma
O equipo lucense preséntase con trece xogadores da casa e catro foráneos que apuntalan o proxecto dun home da casa como Diego Ríos. Espérase que este sexa o ano de explosión de varios talentos nos que o adestrador nunca deixou de confiar. Óscar, Cospe, Diego, os irmáns Diz ou Jandri deben devolver toda a confianza depositada neles e complementarse coas catro incorporacións que veñen a aportar experiencia nun equipo sorprendentemente novo.

Presentación de Chano, o que debe ser o goleador do Azkar | @El Progreso
Os reforzos do Azkar comezan na portería, onde Mendiola regresa para competir co capitán Aramburu. Despois, chegan á cidade das murallas dous homes que deben ser claves no ataque do equipo, esa onde o talento é moi necesario. O madrileño Cuco chega para poñer a maxia, mentres que para os goles chega o gaditano Chano, un xogador que demostrou que está en continuo crecemento en Puertollano e Gáldar. En Lugo confían que na súa terceira tempada na elite se transforme nun dos máximos goleadores da competición.
A permanencia é un obxectivo realista e parece máis sinxelo que outros anos. Despois, unha vez fagan os deberes, en Lugo pódese soñar
Os inicios da campaña foron duros, xa que tras comezar co pé esquerdo o equipo está xogando con demasiada ansiedade. Porén, conforme pasen as xornadas e o equipo se tranquilice parece que a salvación pode ser un obxectivo realista e relativamente sinxelo. Despois, cos deberes feitos, sempre se pode soñar con obxectivos moito máis apetecibles pero de momento impensables para os lucenses.

Partido entre Burela e El Pozo Murcia, un dos grandes da competición | @Telecinco
Burela Pescados Rubén: Equipo para soñar
Esta é a segunda campaña na elite do Burela Pescados Rubén. Despois de lograr a salvación con menos apuros dos esperados, en gran medida polos problemas económicos do Puertollano, os obxectivos do club laranxa parecen moito máis ambiciosos de cara á tempada actual.
Calquera que siga un pouco a evolución do equipo da Mariña saberá que a primeira pedra deste proxecto colocouse en xaneiro, cando Juanlu chegou para enderezar a situación do equipo. Dende entón, os lucenses melloraron de forma considerable e demostraron ter más potencial do que mostraba a táboa clasificatoria. Nese mes tamén chegaron Isi e Matamoros, como os dous grandes símbolos do proxecto no campo.
O proxecto que Juanlu comezou en xaneiro é moi ambicioso de cara á campaña actual. O Burela quizais sexa o que mellor se reforzou dos tres galegos
Este verán o proxecto voltouse aínda máis ilusionante cos reforzos que aterraron en Burela. Ao barco de Juanlu chegan Álex e Hugo (procedentes de Santiago) e Antoñito e “Burrito” (procedentes do desaparecido Caja Segovia). Con estas fichaxes de calidade non parece excesivo pedirlle ao equipo galego unha clasificación para a Copa de España e para os playoffs.

David Ruiz “Burrito” é sen dúbida a fichaxe estrela do proxecto | ©Marca
O reto de Juanlu será recolocar e mesturar todas estas pezas contrastadas con algunhas perlas da canteira da Mariña como Brais e Carlitos. Para conxugar o equipo, tamén será clave a labor dos máis veteranos como Mimi, Edu ou Juanma. En canto ás baixas non parecen moi importantes, tendo en conta o ben que se reforzaron os laranxas. De feito, dos tres galegos probablemente sexa o equipo que mellorou máis o seu conxunto.
De pasar a pelexar pola permanencia, os laranxas afrontan a tempada pensando en loitar por meterse entre os oitos mellores da liga
Tras un comenzo un tanto dubitativo, o Burela xa se sitúa no oitavo posto da clasificación. Ese debería ser o seu lugar natural durante esta campaña onde teñen licenza para soñar.

Con tres representantes de quince, Galicia é a comunidade que máis equipos aporta a Liga Nacional de Fútbol Sala | ©Telecinco
Galicia como máximo exponente
Quince equipos e tres representantes galegos para unha liga moi anónima nos grandes medios. A culpa, como sucede con todos os deportes minoritarios, quizias esté nos marabillosos horarios cos que o fútbol español ocupa todas as franxas horarias do fin de semana. Así, parece difícil atopar oco para que unha liga regular teña unha importancia mediática.
Con todo, o deporte galego debe estar moi orgulloso da xestión de tres equipos que con moi poucos recursos son capaces de manterse na elite. Son moitos anos de éxito para o fútbol sala en Galicia, así que un pouco de atención non viría mal para que isto se poida manter durante moito máis tempo.