A evolución ideolóxica de Castelao cara ao filocomunismo e o prosovietismo
Escribía Suárez Picallo aló polo ano 1942 ao seu compañeiro e amigo Eduardo Blanco Amor as seguintes palabras: “Castelao, desde que foi a Rusia (soviética e federada por aquel entón), entregouse por enteiro. Aplebeyárono. En New York anduvo tolo pra que eu o axudase a servir á P.C. […] está feito unha piltrafa política.“
A maior parte do pobo galego máis que seguro é coñecedora de multitude de aspectos sobre a vida do xenial intelectual e referente do galeguismo histórico, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; mais é probable que unha a cidadanía teña menos noticia da clara inclinación prosoviética que este experimentou nos anos da Guerra Civil, e máis significativamente despois da súa viaxe á URSS no ano 1938. E cometo o atrevemento de supor o descoñecemento xeneralizado desta circunstancia, cun chisco máis de convencemento do que seguramente tiña Carlos Vázquez Padín cando uns cantos meses atrás, tivo a ousadía de calificar a este, o referente de moitos galegos e galegas, de “librecambista”. Naquel acto no que o líder ideolóxico supremo dos liberais galegos (con perdón do señor Bastos) expresou esta tan errada afirmación, tamén tiven o pracer de sentirme aludido por unha acusación que dende a marxinal dereita nacionalista se leva repetindo ata a saciedade nos últimos anos: esa infundada recriminación arredor da suposta herexía cometida pola esquerda galega de se apropiar da figura do xa nomeado escritor e político galego.
Castelao, como a maior parte das personalidades que representan política, artística e ideolóxicamente ao galeguismo da época, era sinceramente católico (aínda que sen caer no integrismo enfermizo do seu colega Vicente Risco). Tamén é de sobra sabido que o pacto do Partido Galeguista coa Fronte Popular no ano 1936, correspondeu máis a un movemento táctico contra a dereita española e a unha afirmación ideolóxica na esquerda dos membros do partido galeguista hexemónico. De feito, se Otero Pedrayo non seguiu os pasos dos seus colegas Risco e Filgueira Valverde foi pola súa fonda amizade e admiración cara ao seu amigo Alfonso Daniel. Pero centrándonos na figura de quen da nome a este artigo, cabe salientar xa a priori esa mirada atenta cara aos traballadores oprimidos e os pobres da Terra que caracterizou a Castelao na súa faceta como debuxante. E fica claro que tanto a experiencia do Frente Popular como as experiencias vividas na Guerra Civil acentuarán en Castelao esa conciencia anticapitalista que se vería asentada despois de ter coñecido de cerca a realidade soviética.
No famoso discurso que Castelao proferiu na Habana un 4 de decembro de 1938 (despois da súa viaxe á Unión Soviética), cabe destacar unha frase que confirma o cambio experimentado por el na súa maneira de ver o mundo: “Es el militarismo español que se consideraba herido en sus sentimientos patrióticos y que vendió su patria a Hitler y Mussolini. Es el clericalismo que se sintió herido en sus sentimientos cristianos y entregó en la Iglesia de Cristo al azar de la política y a los peligros de la guerra. Es el capitalismo español que se sintió herido en sus intereses y convistió en humo de pólvora todo cuanto poseía“. Non é doado entender a evolución ideolóxica de Castelao nin moito menos as súas motivacións, mais hai quen di, que neste senso, podemos establecer unha semellanza co proceso de evolución ética experimentado por Antonio Machado, entre outros.
Se hai un aspecto que Castelao eloxiou de maneira fervorosa, foi a maneira en que Stalin fora capaz de solucionar o problema de convivencia entre as diferentes nacións que conformaban a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.
Un dos textos que máis nos aportan sobre o prosovietismo e o filocomunismo de Castelao, son as declaracións deste para a revista Nueva Galicia, ao seu regreso da URSS, aló polo xuño de 1938, e nas que a parte de eloxiar o traballo en cadea e afirmar que tras terse sentido impresionado co Tiempos Modernos do seu admirado Chaplin, comprendía a ridiculización deste modo de produción “sólo en un régimen capitalista que explota al trabajador”, tamén falou do seu convencimento de que só na URSS, e a diferenza de alí onde imperaba o liberalismo económico, o home podía conquistar a felicidade plena sen ter que loitar contra os seus compañeiros e camaradas de traballo. En palabras do propio Castelao: “En un país capitalista organizado en régimen de liberalismo económico, se puede llegar a ser millonario, en la URSS, se puede llegar a hombre feliz”.
Se hai un aspecto que Castelao eloxiou de maneira fervorosa, foi a maneira en que Stalin fora capaz de solucionar o problema de convivencia entre as diferentes nacións que conformaban a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. Castelao, chegando incluso a facer súa a definición de nación do propio Stalin, alabou o traballo deste á hora de estruturar o Estado con arranxo ás diferentes realidades lingüísticas, culturais, territoriais e mesmo económicas. Foi consciente de que ese modelo no que cada unha das once Repúblicas tiña autonomía integral e liberdade absoluta, era o modelo que pulaba por construír nesa Hespaña que hoxe sabemos non ten capacidade para acoller.
Un dos textos que máis nos aportan sobre o prosovietismo e o filocomunismo de Castelao, son as declaracións deste para a revista Nueva Galicia, ao seu regreso da URSS, aló polo xuño de 1938.
“Yo no soy comunista. No sé si tengo condiciones para serlo. No sé si pesan sobre mí prejuicios adquiridos en la infancia y en la lectura de libros venenosos […] Pero en mi viaje a la URSS he adquirido la convicción de que allí se está engendrando una nueva vida que ha de ser molde de los demás pueblos del mundo” Con estas palabras reafirmaba Castelao o seu máis que patente filocomunismo, que guiaría o seu pensamento futuro no exilio da man do inconmensurable intelectual comunista Luís Soto e que confire lexitimidade á esquerda nacional galega para acollelo como referente histórico da liberación social e nacional deste país.
Falaba tamén Castelao de Stalin e dicía: “Ese culto, esa veneración que el pueblo tiene por los grandes hombres, no es un culto supersticioso y banal creado, dirigido y mantenido por el interés del partido único. No. Es el agradecimiento, la admiración que un pueblo redimido siente por los padres de la Patria”. Igual o pobo galego debería adquirir dalgunha forma este sentimento de agradecemento e admiración cara este gran home, este pai da Patria que será sempre inmortal e referencial para os loitadores e loitadoras galegas pola liberación nacional e social do país.
“En aquel vagón precintado que condujo a Lenin de Ginebra a la URSS no sólo iba un genio, un hombre extraordinario, un padre de la Humanidad…”
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao