Xosé Manuel Piñeiro: “As televisións sempre foron unha boa diana para tirar dardos, se son públicas moito máis”
Xosé Manuel Piñeiro, coñecido por moitos como Superpiñeiro, naceu na localidade ourensá de Allariz no ano 1957. Este famoso presentador exerceu primeiro como pedagogo nun instituto de Ourense para pasar despois a traballar en televisión. Estivo á fronte do mítico Supermartes durante catorce anos e traballou en programas como Acompáñenos ou Téquele téquele, ambos da TVG, entre outros. Desde o 2011 presenta Bamboleo, un programa musical que se emite a noite dos sábados. Nesta entrevista para Compostimes falamos de como chegou á televisión e do seu traballo. Pouco a pouco imos descubrindo máis do mundo da televisión e de como é o día a día dun presentador. Cóntanos que sempre hai que sacarlle o lado positivo ás cousas e que, cando algo ilusiona e entusiasma, cando un ama o seu traballo, non hai horarios nin se precisan vacacións moi longas.
Por que decidiches traballar en televisión?
A verdade é que non o decidín, penso que foi un proceso vital lóxico despois de estar enriba de escenarios, mesmo da arca da miña avoa, desde os sete anos, cando eu nin sequera tiña televisión.
Non foi un camiño doado, supoño.
A miña entrada na televisión foi a través dun casting público; ata ese momento eu estaba tranquilamente exercendo de pedagogo nun instituto de Ourense e mantendo contacto permanente co mundo do espectáculo, a través de orquestras, grupos folk, teatro, presentacións de eventos, creación de radios escolares… Como eu non tiña en mente chegar a facer televisión, cando xurdiu foi moi ilusionante.
Como é o día día dun presentador de televisión?
Depende de se o programa é semanal ou diario, e tamén depende de se é directo ou gravado; e nestes tempos tamén dependen de se estás traballando ou na casa. Eu xa pasei por todas estas experiencias. Cando é semanal e gravado a vida é bastante tranquila. Mais cando é tódolos días e en directo é fantástico, vives por e para o programa. Isto xa me ocorría no mundo do ensino; a verdade é que sempre tiven a sorte de traballar no que me gustou e implicarme ó cen por cen; xa fora no ensino, na radio ou na tele. Non son amigo de vacacións demasiado prolongadas. Cando desfruto de algo non teño horarios.
Mais dixeches nalgunha ocasión que se che tratou inxustamente dende que comezaches en Televisión.
Non creo que dixera iso exactamente. De entrada teño que estar moi agradecido por seguir facendo o que me gusta 21 anos despois de comezar, e con importantes cotas de audiencia en tempos nos que a oferta televisiva é moi grande. Ben é certo que, nalgúns momentos, e por causas alleas á profesión, deu a impresión de que non se actuou demasiado correctamente comigo. Pero, ¿a quen non lle pasou algo parecido na vida?. Ó final son novos retos e volves con máis forza aínda; a todo hai que sacarlle o lado positivo. O que si dixen nalgunha ocasión foi que determinados xornalistas e algunha organización, supostamente progresista, foron inxustos e pouco profesionais á hora de falar de min. Con respecto os xornalistas teño que dicir que tempo despois pedíronme desculpas, dos outros aínda o estou agardando.
O que si dixen nalgunha ocasión foi que determinados xornalistas e algunha organización, supostamente progresista, foron inxustos e pouco profesionais á hora de falar de min. Con respecto aos xornalistas teño que dicir que tempo despois pedíronme desculpas, dos outros aínda o estou agardando.
Débeslle moito ao Supermartes?
Creo que o Supermartes e eu debémosnos moitísimo. Foi a mellor escola de televisión que eu puiden ter. Naquel momento foi un auténtico luxo que confiaran un “prime time” a un tipo descoñecido e que lle permitiran experimentar e aprender cada semana. Fomos o primeiro concurso que se fixo en directo na historia da televisión en todo o Estado, e fomos quen de converter un concurso puro e duro nun show en directo de tres horas de duración. Somos moitos e moitas os profesionais que traballando dentro ou fóra de Galicia lle debemos ao Supermartes boa parte do que somos.
O programa durou catorce anos. Non sentiches medo de encasillarte?
Non. Nunca tiven ese medo, porque como che dicía cada semana era algo diferente e cada tempada era unha evolución permanente. Fixéronse cousas dentro do programa que outras canles tardaron anos en incorporar.
Séguente a chamar Superpiñeiro?
Ese alcume vai comigo de por vida, ben é certo que xa case conseguín que todos me chamen “Pi”.
Acompáñenos é un formato totalmente diferente? Supuxo para ti un reto?
De volta do exilio foi o máis marabilloso que me puido pasar, codirixir e presentar un magazine diario de sobremesa, cuns colaboradores de luxo. Moitos deles, por certo, moi novos e recén saídos das facultades de Comunicación. Conseguiuse levantar a tarde na TVG chegando a ser líderes de audiencia. Pero iso non sería posible sen o enorme esforzo que fixeron todos os que participaron no programa por diante e por detrás das cámaras. Nunca lle poderei agradecer suficientemente o seu traballo.
Con Bamboleo volves ao formato show que se daba no Supermartes.
Confeso que é un programa no que eu me limito a exercer de presentador, aínda que sempre se me permita saírme un chisco do guión, xa que o equipo do programa é practicamente o mesmo de Supermartes, o cal facilita moito o traballo despois de tantos anos traballando xuntos.
O comezo foi todo un éxito, a que se debeu?
Ó comezo e ó final, porque este mesmo ano rematamos a tempada sendo líderes de audiencia na noite dos sábados, mesmo o día que Tele 5 estreaba novo formato.Penso que se debe a moitos factores engadidos a cota de audiencia que poida viaxar comigo, seguramente funciona por tratarse dun formato pensado para a maioría das persoas que esa noite quedan na casa vendo televisión e que o que queren é fundamentalmente festa e risa.
Moitos critican á TVG por non renovarse. É certo?
As televisións sempre foron unha boa diana para tirar dardos, e se son públicas moito máis. Eu penso que é moi complexo contentar a todo o mundo, e sobre todo ós que nunca van estar contentos fágase o que se faga. Isto é como no mundo do fútbol onde cada un de nós leva dentro un seleccionador nacional, mentres uns seguiriamos poñendo a Raúl de número sete outros apostarían por algo máis novo. Son tempos de auténtica loucura comunicativa onde hai que dar respostas aos novos tempos sen descoidar a aqueles máis militantes da causa. Eu sempre defendín que hai que facer televisión para quen a ve.
E que opinas de que haxa moi poucos medios enteiramente en galego?
Pois creo que algo levamos facendo mal desde hai anos, e aquí o “mea culpa” ten que ser feito por moitos, mesmo os que se ven como os grandes defensores da causa. Eu repito que veño do mundo do ensino e non teño medo en afirmar, porque xa o fixen moitas veces, que durante moito tempo fraco favor se lle fixo ó idioma por parte dalgúns profesores. En vez de gañar adeptos para a causa conseguiron que moitos escaparan como eu escapaba das matemáticas. Hai veces que desde aquí se lle fai máis dano ó noso que o dano que supostamente se fai desde Madrid. ¿Por que aquela xeración de nenos que merendaban e perfeccionaban o galego con Son Goku ou Shin Chan non adoptaron o galego como a súa lingua natural? Algo fixemos mal.
¿Por que aquela xeración de nenos que merendaban e perfeccionaban o galego con Son Goku ou Shin Chan non adoptaron o galego como a súa lingua natural? Algo fixemos mal.
Como ves o futuro dos medios de comunicación galegos?
Agardo que entre todos sexamos quen de manter o que hai, de recuperar moito do que se perdeu e de facer desta industria un medio de vida para moitos galegos. Creo que se chegou a un grado de profesionalidade moi importante, pero terán que ser os políticos e os empresarios os que crean e aposten polo noso. Hoxe sería impensable concibir Galicia sen a súa propia televisión ou radio. Pero as outras emisoras de radio, por exemplo, deberían recuperar aquelas horas de programación exclusivamente galegas ou locais que tiñan en tempos. E en canto á prensa escrita xa sei que son tempos difíciles en loita contra a rede de redes. Pero aínda somos moitos os que gustamos de manchar as mans de tinta á hora do almorzo e ler con tranquilidade as columnas de opinión. E non aturar os comentarios dos que soltan algúns en Internet, amparados no anonimato.
Se hoxe che ofreceran traballo nunha canle nacional, marcharías?
Se non tivera traballo en Galicia non dubidaría en irme a calquera outro lugar, como xa fixen no seu día. Pero este é o meu País e é onde quero traballar e vivir.
E unha crise como a actual, que ademais se une a unha crise dos medios de comunicación, como afecta ao teu traballo?
Igual que a case todo o mundo, estando demasiado tempo na casa. Pero dito isto, non son eu quen me deba queixar, sería un pecado vendo o que pasa ó noso lado. E tamén o que ocorre en cases todas as canles, que hai que sacarlle rendemento aos programas a base de repeticións.
Radio ou televisión?
As dúas. Non sabes como boto de menos a radio.
Prime time ou sobremesa?
Pois prefiro prime time. A noite ten outro aquel e ademais a audiencia e moitísimo máis numerosa.
Cantar ou presentar?
Presentar, sen dúbida.
Show ou magazine?
Ogallá se puidera elixir a alternancia
Humor ou drama?
Humor. O drama xa é a vida diaria. Pero eu xa sabedes que non son humorista; como moito, ás veces caio en gracia (risas) o cal non é pouca cousa.
Galicia ou Galiza?
Galicia, gracias.
Eu dígoche una palabra e ti disme o que che vén á cabeza
TVG: Imprescindible
Gayoso: Infatigable
Política: Necesaria
Galicia: O meu País
España: O meu País tamén, pero que precisa reinventarse con tacto e cordura.
Atilano: José Casal e Anxo Gradín. Fantásticos.
Roberto Vilar: De protagonista de cámaras ocultas a Gran Showman.
Xornalismo: Pena cando non se pode exercer con total liberdade. Se é con maiúsculas, absolutamente necesario.
Desafiuzamentos: Ata onde pode chegar unha sociedade enferma e sen corazón.
Corrupción: Mal nacional, pero ¡ollo! Miremos todos un pouquiño para dentro antes de tirar pedras contra tellados alleos. ¿Ou hai que recordarnos iso de “con factura ou sen factura”?
Superpiñeiro: Un personaxe que non devorou á persoa. Un showman que desfruta comunicando.
Xabarín Club: Do mellor que se fixo no seu día para o público infantil galego.
Como te ves no futuro?
O futuro xa está aquí e véxome traballando con ilusión, con renovación e con modernidade. Quero embarcarme en novos proxectos, ó lado de xente con oficio e xente nova, con novas ideas e verme nunha Galicia moderna no máis amplo sentido da palabra.
Algún consello para as novas xeracións que queiran entrar no “gremio” dos medios de comunicación?
Que o pelexen como algúns o pelexamos durante moitísimos anos. Ó final chega; son tempos moi difíciles pero tamén o eran antes para os que nada tiñamos e fomos quen de saír adiante a base de becas e esforzo, sen máis axuda que o noso tesón e o tremendo esforzo das nosas humildes familias.