Unha cita coa historia
O cinco de xuño abriu as súas portas por última vez o estadio de San Mamés en Bilbao. A Catedral acolleu un partido amigable entre o Athletic Club de Bilbao e un combinado de xogadores de Bizkaia. Non foi un partido calquera, xa que serviu para poñer un punto e final emotivo, coa participación de mitos do equipo vasco como o Chopo Iríbar, Julen Guerrero ou Dani. Uns días antes, un solitario gol de Juanlu servía para poñer o punto e final a 82 ligas nun dos estadios de máis renome do fútbol español. A despedida con derrota foi agredoce, pero chegaba o momento de comezar a pensar con optimismo no futuro.

Imaxe do partido de despedida de San Mamés | ©CadenaSer
Chegou o verán, e a afección dos leóns asistiu con bágoas a demolición de vetusto estadio. Ao mesmo tempo, os afeccionados comezaban a dar a benvida ao moderno “San Mamés Barria”, que mañá abrirá as súas portas por primeira vez. O Athletic afrontou unha reforma necesaria para os seus afeccionados, xa que a nova “Catedral” ten unha capacidade para 55.000 espectadores, 15.000 máis que o mítico San Mamés ao que xa tivemos que dicir adeus. O azar e o calendario fixeron que o Celta sexa o encargado de inaugurar este estadio, algo que non será novo para un equipo vigués.
O Celta terá a oportunidade de vingar a derrota do Fortuna de Vigo na ignauguración do mítico Jolaseta 102 anos despois
Corría o ano 1911 cando a directiva do Athletic de Bilbao decidiu buscar un novo escenario para os seus partidos. Os leóns xogaban en Lamikao, un bo estadio pero afastado de Bilbao, e coa designación de organizar a Copa do Rei de 1911 conseguiron realizar un novo estadio na parcela de Jolaseta. Este estadio, o antecesor de San Mamés, abriu as súas portas en partido oficial un nove de abril cun Athletic-Fortuna de Vigo. Os vigueses perderon por dous a cero, así que 102 anos despois o Celta terá a oportunidade de vingar a derrota dunha das raíces do seu club.

Ignauguración do Estadio de Jolaseta | ©Sanmames.org
San Mamés Barria é unha marabillosa nova para as infraestruturas do fútbol español. Corren tempos de crise tamén no mundo do deporte, polo que a maioría dos equipos teñen moi difícil sacar adiante proxectos deste calibre. O exemplo máis duro quizais o teñamos en Valencia, cun equipo en quebra pola mala xestión dos seus dirixentes co novo Mestalla. Un proxecto faraónico, que se quedou de momento na nada.
Corren tempos de crise no mundo do fútbol, polo que é difícil sacar adiante proxectos deste calibre
Por sorte, tamén temos exemplos positivos, como a mudanza do Espanyol de Barcelona cara Cornellá-El Prat fuxindo do Olímpico de Montjuic. A nova casa do Espanyol achegou o público ao campo, mantendo a esencia do fútbol de sempre cunha afección que pode axudar a gañar partidos. San Mamés Barria será igual, xa que os arquitectos tiñan instrucións claras de manter o espírito da Catedral. Polo tanto, en Bilbao evitarán as críticas xa coñecidas pola mudanza a estadios con pistas de atletismo. Exemplos claros foron a mudanza da Real dende Atocha ata Anoeta, ou do Mallorca dende o mítico Luís Sitchar ata Son Moix.

O novo San Mamés Barria | ©CadenaSer
Hoxe ás dez da noite despéxanse todas as dúbidas e veremos un partido moi importante para os intereses nesta liga de dous equipos. Os afeccionados do Athletic e do Celta terán a oportunidade de vibrar co primeiro partido da nova Catedral, pero sobre todo os afeccionados ao fútbol poderemos vivir un momento histórico do fútbol español. A vella Catedral foi e será historia viva deste deporte. Hoxe, toca abrir as portas dunha nova historia marabillosa que esperemos que se escriba durante moitos anos.