Os retos de Australia

Cun mes e uns días de estancia en Australia xa podo dicir que fixen o que todo bo turista debe propoñerse nas antípodas: abracei un koala, dinlle de comer a –e comín– un canguro e mirei apampado como a auga do retrete ía na dirección contraria. Superados estes catro obxectivos primordiais para todo novo inquilino deste gran pedrolo no medio do Pacífico, era momento de fixarse un pouco máis de preto no que está a suceder no país. E a verdade é que me levei unhas cantas sorpresas. A primeira é que hai unhas eleccións achegándose, polo que decidín afundirme no mundo da política australiana sen saber moi ben onde me metía. «Neste país todo vai ben, non ha ser tan complicado», díxenme. Craso erro.

Os candidatos

O primeiro de todo era botarlle unha ollada aos principais partidos e candidatos. Xa coñecía á primeira ministra Julia Gillard, famosa, entre outras cousas, por non garantir asilo político a Julian Assange no seu propio país en 2011, logo de declarar as súas actividades “ilegais”. O que non sabía é que unha moción de censura botáraa fóra do cargo este mesmo ano, para ser substituída polo incombustible Kevin Rudd. Unha personaxe, digamos, con poucas dotes de liderado, quen en 2010 xa fóra expulsado da presidencia e substituído por Gillard, compañeira de partido e vicepresidenta naquel momento, no que vén sendo unha auténtica sucesión de coiteladas políticas para vergoña do partido máis antigo do país. Isto tórnase emocionante, eh? Pois é só a punta do iceberg.

RuddGillard-420x0

Rudd e Gillard, de cómplices a inimigos

A situación do Partido Laborista australiano —centro-esquerda— é tan feble que ata hai unhas semanas todas as enquisas daban como claro vencedor á coalición “liberal”, cuxo líder, Tony Abott, semella saído dunha liga amateur de boxeo. E non o digo só polo seu físico, senón porque por momentos semella que lle teñen batido na cabeza.

Até aquí todo encaixa. Temos un partido de centro esquerda medio desmembrado intentando remar a contracorrente, e unha coalición conservadora que parece telo ben fácil para gañar, non é? Probablemente moitos atopedes semellanzas coas máis recentes eleccións galegas ou españolas. Pois non, porque o liderado de Abott semella estar tamén pendente dun fío, con case a metade dos seus propios votantes, e do seu partido, preferindo ao seu predecesor no liderado liberal, Malcolm Turnbull. Debido a un programa político que non semella demasiado convincente, Rudd conseguiu un inesperado regreso nas enquisas e moitos liberais botan en falla un líder forte.

A fin do “boom” mineiro 

Bueno, tanto ten, dende logo, porque Australia non é España. O líder que acceda ao cargo, a pesar de todos os problemas internos que poida ter o seu partido, terá unha lexislatura pracenteira. Á fin e ao cabo, vailles ben… Ou se cadra non tan ben. Dende fóra pode semellar que os problemas de Australia son superfluos. Cunha taxa de paro arredor do 5,7% e un crecemento non moi acusado, mais estable, a súa economía é a envexa dun mundo occidental azoutado pola crise; mais os analistas coinciden: non será por moito tempo. A principal causa disto podémola atopar en China, cuxo crecemento ten sido, durante os últimos anos, o verdadeiro motor das exportacións australianas. Até un 50% das materias primas australianas viaxan cara aló, polo que a previsible baixada no crecemento do xigante oriental constitúe a maior sombra que pende sobre a economía australiana. É probable que o novo presidente teña que enfrontarse a unha situación de desaceleración económica, que diría algún. De feito, xa está acontecendo. Agárdase que o número de desempregados continúe medrando nos meses seguintes, e mentres as finanzas do goberno se tornan de cor vermello, os primeiros recortes en servizos públicos déixanse ver.

Protestas estudiantís contra os recortes en Sidney o pasado marzo. Foto: ABC

Protestas estudiantís contra os recortes en Sidney o pasado marzo | ABC

A problemática Carbon Tax

Unha taxa é sinalada dende a oposición como a orixe de tódolos males do país, e dende logo non semella unha boa idea agora mesmo. O pesadelo dos liberais chámase Carbon Tax, un imposto sobre as emisións de CO2 creado por Rudd e introducido en 2012 por Gillard, como resposta ao obxectivos de redución de emisións marcados polo Protocolo de Kyoto. A taxa afectou especialmente á xa de por si malograda industria do automóbil, na que se levan invertidos varios paquetes de axudas sen resultado. O anuncio da compañía automobilística Ford de que retirará as súas instalacións do país no ano 2016, provocando a perda de miles de postos de traballo, foi un revés maior para os laboristas, que xa se retractaron da súa proposta para mudar o sistema de taxas fixas por un flutuante, que en principio terá un menor impacto na economía. Os liberais, pola súa parte, acusan ó goberno de ser o maior responsable do aumento do custo de vida dos australianos, e prometen abolir o imposto como primeira medida do seu novo goberno; feito que non está nada claro debido a factores políticos e legais.

Stop the boats

Non é o único que desexan abolir, dende logo, xa que esa tamén é a súa postura con respecto á inmigración ilegal. Para iso desenvolveron un fantástico plan de seis puntos para “parar os barcos” que nin eles mesmos saben explicar aínda, pero que consistirá na volta á política de rexeitamento do anterior goberno liberal.

A historia das “pateiras” é unha das claves, probablemente o punto máis controvertido e importante, desta campaña electoral. Os laboristas sorprenderon sumándose ao “non” recentemente —no que pode ser considerado un intercambio de valores por votos— cunha solución cando menos curiosa: en lugar de rexeitalos e devolvelos ao mar, como facía o anterior goberno, envialos a Papúa Nova Guinea até que se cansen de vir. Unha terrible idea se temos en conta que PNG xa conta cun abundante número de refuxiados procedentes de Indonesia, e tal sobrepoboación tenderá a crear un perigoso ambiente de inestabilidade nun país xa de por si inestable. Como era de agardar, xa se produciron os primeiros motíns e denuncias por abusos nos campos de refuxiados.

fracaso do imposto á minería ou o manexo dunha política exterior dividida entre China e os Estados Unidos son outros dos retos que o novo goberno australiano deberá asumir

Neste ámbito, as grandes ideas medran coma fieitos, a cada cal máis inverosímil, como a política liberal de merca de “pateiras”, para restrinxir o fluxo de inmigrantes. Espero que ninguén no goberno español non lea isto, xa que serían ben capaces de implementalo. Os verdes, terceiro partido en discordia e posible chave para un goberno de coalición, semellan ser os únicos cun pouco de sentido común, e propoñen un esquema de integración e incentivos para a súa situación en zonas do interior que precisan repoboamento. Mais esta semella unha opinión minoritaria nunha sociedade australiana que, na miña humilde opinión, prefire mirar cara a outro lado.

Campo de refuxiados en Manus, PNG. (vía)

Campo de refuxiados en Manus, Papúa Nova Guinea | (vía)

Escoller o mal menor

Como vedes, o mundo da política australiana é tremendamente complicado. De feito, para falar todo o que me gustaría destas eleccións precisaría varios artigos, que, por outra parte, ninguén lería. O fracaso do imposto á minería ou o manexo dunha política exterior dividida entre China e os Estados Unidos son outros dos retos que o novo goberno australiano deberá asumir. Pero o maior problema, sen dúbida, é a falta dun liderado político convincente que sexa quen de afrontar esta situación con seguridade. Australia afronta as eleccións deste sábado coma unha escolla entre o malo ou o peor, unha decisión sempre amarga.

Por outra parte, sempre lles quedarán as risas.