Novos comicios, novos partidos, novos resultados.
O Sur de Europa, encabezado por Grecia e seguida esta de España e Portugal, é o perfecto exemplo de como a crise económica que estamos a atravesar, non só está a ter consecuencias no plano social, do benestar, do traballo, do nivel de vida,etc. senón que as súas repercusións van moito máis aló. Como cando estoupa un mísil, non só orixina un problema no sitio concreto onde estala, máis ben unha onda expansiva envólveo todo e inunda de desperfectos, dor e tristeza a un basto territorio, a unha ampla sociedade. Algo semellante ocorre no plano político, non tanto nos efectos negativos, que si os ten o choque dun artefacto explosivo, pero si nesa imaxe de que un feito, a caída dun mísil,no caso, a caída da economía europea, chega máis alá do feito, no caso, dáse ou pódese dar un cambio no sistema de partidos, e o máis seguro é que tamén se produza unha maior demanda por parte da cidadanía de responsabilidades públicas así como de control da toma de decisións.
España e Portugal experimentaron poucos cambios nos seus partidos máis fortes
Pese a estas premisas das que partimos, e que nalgún eido podemos corroborar, noutros aspectos a realidade desbota o que nun principio poderiamos pensar, e máis no contexto de países como España e Portugal, que senten nas súas carnes o peso asfixiante da depresión económica e que, porén, poucos cambios experimentaron no seu sistema de partidos, polo menos nos puntos máis visibles, isto é, nos seus partidos máis fortes. O caso grego tal vez poida representar a reacción máis palpable, polo menos así o vemos no eido da política. Como se pode ver nos gráficos situados máis abaixo, o cambio nos principais partidos é unha realidade, sendo no 2009, as dúas primeiras forzas o PASOK e ND e no 2012, ND e a SYRIZA, seguido de XA, PASOK, DIMAR… en todo caso, o cambio é realmente duro, sobre todo no peso que adquiren terceiras forzas. Neste sentido cabe puntualizar a emerxencia de partidos radicais, situados na extrema dereita e na extrema esquerda, que cun discurso forte, directo, e enraizado nos males cos que unha parte da sociedade se identifica; fanse cun nicho electoral que lles permite acceder ás Institucións.
Os resultados en Portugal e en España son ben distintos, se ben a crise económica, tal vez, e isto entre interrogantes, non fose tan áspera coma no caso de Grecia, o cambio nos resultados electorais non reflicte esa discordia, ese descontento da cidadanía coa política, principal problema para os cidadáns portugueses e españois, xunto co desemprego e a crise económica. O bipartidismo está enraizado nestes dous Países que ven como única alternativa de un, votar ao outro; e pese a que terceiras forzas si ven incrementado o seu papel, non é moi significativo dito incremento. O Número efectivo de partidos é outro dato a ter en conta. Este indicador aproxímanos datos sobre o número efectivo de partidos electorais (NEPE), e o número efectivo de partidos parlamentarios (NEPP), e amósanos a realidade no sentido da importancia destes dentro do sistema. Así Grecia no 2009 tiña un NEPE= 3,14 e en Xuño de 2012 este era de 5,27. Nas últimas eleccións de maio de 2012 o NEPE era igual a 5,78. No tocante ao Número efectivo de Partidos Parlamentarios, os datos son os que seguen: 2009 NEPP= 2,6 para 2012 Xuño NEPP= 3,7 e para 2012 Maio NEPP= 4,83.No caso de Portugal, este contaba con un NEPE en 2008 de 4,1 e en 2011 o NEPE era de 4,08. O número efectivo de partidos parlamentarios era no 2008 de 3,2 e no 2011 é de 2,9; un leve descenso. No caso de España, en 2008 o NEPE era de 2,8, tendo no 2011, un leve incremento, debido a aparición e a forza que cobraron terceiros partidos, así o NEPE= 3,3. Por outra banda, no 2008 NEPP= 2,3 e no 2011 NEPP= 2,6; de novo un leve incremento. En resumidas contas, niveis moi baixos en España e Portugal e moito maiores en Grecia; algo curioso pois se observamos o número de partidos que entran nas Cortes en España, é ben superior ao dos outros dous países; o cal non quer indicar, a súa importancia na toma de decisións.
Dito isto, e xa que logo o certo é que ábrese neste punto un área de debate que será nos vindeiros meses, nos próximos anos, froito, ou iso cabe esperar, de abundante literatura, que entrará de cheo nos partidos, na súa consolidación, no seu evoluír, e que virá a responder preguntas que hoxe toca facerse. É posible unha alternativa de goberno ao PP ou PSOE en España?, ou ao PS ou PPD/PSD en Portugal? A imaxinativa nestes momentos debe voar para poder ilusionar un goberno presidido por un partido distinto a estes, que pese a estaren a sufrir o descontento da cidadanía, semella que non terán problema en revalidar o poder co que ata o de agora veñen contando.
Se é certo que as enquisas sitúan as porcentaxes destes primeiros partidos ao bordo dos seus mínimos, non parece, polo menos para quen firma, moi verosímil que outra forza distinta das archi-coñecidas, sexa a que aló polo 2015 estea sentada na bancada de goberno no Congreso dos Deputados. As enquisas son sempre reveladoras, ou polo menos achégannos unha información que se ben, nos últimos tempos non está a poder ser de todo inferidas á poboación, si nos amosan datos puntuais e unha realidade da que temos que ser conscientes. Seguindo isto, parece que en España poderíase dar o caso da necesidade dun goberno de coalición, debido ao baixo porcentaxe de votos alcanzado polas forzas que ata o de agora son maioritarias; un feito único que mesmo o sistema electoral, con claros nesgos maioritarios e conservadores, non podería corrixir.
A cidadanía ha de decidir
Todo parece indicar que algo se está a mover no panorama político dos países do Sur de Europa, mentres nalgúns o resultado da crise neste eido é máis drástico ou visible, en outros, caso de España ou Portugal, a posibilidade está aberta e a cidadanía ha de decidir. Pode semellar, se seguimos de cerca as numerosas enquisas, os amplos artigos, as traballadas crónicas, os noticiarios, que un cambio notable está por chegar nos vindeiros comicios; un cambio que virá a modificar o sistema de partidos, que virá a configurar unha nova cultura democrática. Un servidor móstrase escéptico, se ben os indicios son considerables, non o é tanto as alternativas reais que deberán emerxer de xeito sólido para arrebatar o poder aos partidos ata o de agora hexemónicos. Sen dúbida, o tempo ha ditaminar, mais moito ha cambiar a cousa, para que no próximo goberno, polo menos en España, non vexamos a Madrid ou Barcelona, a PSOE ou PP.