Náufragos

Partimos cos ollos brillantes de quen quere comer o futuro. Paradoxalmente, gravitábanos na noca o eterno proverbio paternal de “aí vas morrer de fame”. Pero con dezaoito dábanos igual. O que queriamos era exercer o oficio para o que naceramos. Tiñamos vocación —¡ditosa palabra!. Gañar para comer era o de menos mentres houbese avoas e tuppers. Iamos converternos na xeración que cambiaría o mundo. Non nos venderiamos: sempre coa obxectividade por diante. Tomariamos o camiño alternativo, ese do que nos falaban dende o estrado e co que –¡idealistas de nós!– se nos enchía o cerebro de (des)propósitos. Tiñamos tantos plans de futuro que era impensable un naufraxio.

Algúns —moi poucos­— tomaron consciencia nada máis coller os remos e comprobar que ficaban baleiros, cheos de aire. Outros, cargados de forza, seguimos navegando. No segundo porto xa se intuía un mar revolto, coma cando o silencio se mestura cun bater das ondas incómodo. Logo atracamos en Erasmus ou sucedáneos. Alí descubrimos que o mundo era grande e que a vida non transcorría tan lineal como pensabamos. Pero volvemos. E entón, comezou o gran desastre.

“¿Que nos fixeron nestes anos?”. “¿Que aconteceu para que agora caiamos en todos os erros nos que xuramos non caer nunca?”. Falabámolo o primeiro día de clase do noso último curso de Xornalismo. Dá vertixe dicilo: o principio do fin. E realmente anúnciase apocalíptico. Tocounos bater con esta suciedade da información e topar cunha capa de merda tan grande que non hai vontade nin espírito de xuventude que a limpe. Dicíannos que os cínicos non servían para este oficio mentres descubriamos que o cinismo é a pedra angular deste oficio. Matáronnos o optimismo, a motivación; incluso pereceu —¡quen o diría!— a vocación. Agora simplemente nos convertemos nunha xeración á que o mundo cambiou, coma outras tantas.

Eu non sei quen propiciou esta masacre ilusoria. Pero a unha encólleselle o corazón vendo tantos mozos e mozas nos que as ganas e o potencial tornaron en resignación e abatemento. ¿De que nos serve a aptitude se xa non temos actitude? E non só falo de estudantes de Xornalismo, falo de estudantes a secas. Chegamos ao abismo, ao remuíño; e o noso día a día transcorre evitando unha pregunta que, porén, sempre nos colle desprovistos: “¿e despois que vas facer?”. Entón éntranos o pánico. Uns falan de iniciar ese último tramo da odisea que, coa peaxe Bolonia, pasou de autovía a autopista. Outros falan de aventurarse noutra carreira e contraer titulitis mentres lle suman catro anos ao agónico engano. Uns queren liscar canto antes deste oficio, outros deste país. En esencia consiste niso: o futuro depáranos fuxir.

Iamos ser os mellores mariñeiros da historia, pero batemos cun mar endiañado. Ao final parimos unha xeración de náufragos. Non comprendo en que momento chocamos co iceberg, ou se o propio barco se foi afundindo pouco a pouco sen decatármonos. Mais, de sermos náufragos, sexamos náufragos resentidos. E canalicemos a nosa rabia para dicir que isto non é xusto; que esta sobreprodución de desnortados que foxen co título debaixo do brazo é, máis que unha vergoña, unha miseria. Aínda que quizais sexa máis fácil baixar de todo a cabeza e botar a andar, mesmo descalzos. Porque semella que neste baleiro existencial desapareceu incluso a carraxe. Igual a nosa vocación resultou, efectivamente, ser mortos de fame.

Imaxe de portada: comiendotierra.es