En España os cafés saen caros
Seis anos pasaron entre os dous cafés máis famosos da democracia española. Máis de 1.800 días despois de que Zapatero amosase ó país a verdadeira casta dos políticos sen saber o que valía un café, Ana Botella plasmou a inutilidade dos gobernantes españois ante o mundo co seu “relaxing cup of café con leche in the Plaza Mayor”. O pistoletazo de saída co que Zapatero abriu a carreira pola decadencia da clase política en España finalizou o pasado sábado con Ana Botella batendo nun apertado sprint a Mariano Rajoy. Foi necesaria a foto finish para declarar o vencedor, pero a última aceleración da señora Botella nos últimos metros co seu “Zankiu Ignacio” levouna á vitoria por diante da única persoa incapaz de falar inglés diante dos membros do Comité Olímpico Internacional, que por se algún non o sabe, foi o noso grandioso presidente do goberno.
O patetismo político que Zapatero iniciou ante España rematouno Mrs. Bottle ante all the world
E é que a “mellor presentación da historia”, “a marabillosa posta en escena de Madrid 2020” (TVE dixit), non foi senón o momento ideal para ensinarlle ó mundo a verdadeira marca España, a dos políticos e gobernantes, e non a de Nadal e Gasol. Porque por moito que estes gañen, nos divirtan e ata falen con máis criterio que os nosos gobernantes, son estes os encargados de organizar os Xogos Olímpicos e “defender” a España ante o mundo. E contrariamente ó que quixo desinformar a nosa televisión pública, quedaron en ridículo ante os membros do COI (si, ese lobby do COI corrupto e con manía a España por vencer en todos os deportes —ou xa vos esquecestes do: “Soy español, a qué quieres que te gane”?—).

Parece mentira que a aristocracia teña que vir salvar un “acto de Estado”. Parece mentira…
En definitiva, España recibiu o merecido á súa proposta. Unha derrota abrumadora para un proxecto deficiente. Certo é que Tokyo non era unha reliquia e Estambul tiña case tantos defectos coma España, pero cando es o peor e hai máis de noventa persoas con capacidade de votar por si mesmas, o normal é que quedes último. Se votasen tres sempre poderías incidir cos sobres de Bárcenas ou co traballo de Amaia Salamanca (eu só propoño que fixera algo xa que viaxou coa delegación olímpica, non?), pero se son 96 votos pouca opción queda para que o azar favoreza a España.
Hai quen critica que España perdeu pola Operación Puerto cando en realidade non se estaba votando iso. O certo é que non, xa que a decisión sobre a Operación Puerto tomouse hai uns meses, tendo como resultado a aberración de todo o mundo pola patética sentenza sobre criminais como Eufemiano Fuentes, Ignacio Labarta ou Manolo Sáiz. Iso por non entrar xa na Operación Galgo ou Grial, onde a senadora Marta Domínguez ten moito que calar (aínda que mellor non meterse moito con ela, que ten dereitos de aforada. Só dicir que foi unha das encargadas de elaborar a lei antidopaxe do congreso… España que non cambia). Falan de que o COI foi pesado coas preguntas e que tentou facer dano e desestabilizar a nosa candidatura, pero quizais se len estas estas quince preguntas propostas polo xornalista (dos de verdade, non dos da Gaceta ou La Razón) Guillermo Ortiz, poderían pensar con máis calma.
España perdeu pola Operación Puerto, pero tamén polos recortes, amaños, desemprego e corrupción
Aínda así non só a Operación Puerto restou votos a Madrid 2020: os recortes, a situación de desemprego, as vaidades do programa proposto (onde o que máis destacaba era o vídeo, moi bonito segundo TVE) e a corrupción teñen moito que ver, xa sen entrar nos principais problemas do deporte no noso país: nulas escolas de formación, deportes minoritarios sen axudas, equipos que desaparecen, amaños e encubrimentos (saúdos desde aquí ós presidentes da maior parte de Federacións). Pero nada, que isto todo non se ten en conta. Para prensa, políticos, deportistas e incluso o xefe da candidatura Alejandro Blanco, Madrid 2020 era perfecta. Así que a única forma de tomarte a derrota é pensar que foi un roubo. Poh vale, pa’ti a perra gorda, contento?

Os tres maestros comunícandose en esperanto, a lingua universal, e non o inglés ese que lle aprenden ós rapaces na escola.
As conclusións tras perder por terceira vez consecutiva uns Xogos Olímpicos e máis de 100 millóns de euros polo camiño (que se o comparamos con Bale é pouco, pero senón é moito), iso si, son claras: hai unha educación e sanidade que necesita de cartos públicos. Ademais hai moitos deportistas olímpicos que non teñen case para vivir. Quizais por aquí ata están mellor invertidos os cartos e todo: o deporte base, as becas ADO e os deportes minoritarios necesitan reformas e inversión. Quizais ata alguén da delegación española en Buenos Aires llo comentou ós políticos no avión de volta a España, pero tranquilos, que ó aterrar xa se lles esqueceu.
É o momento de invertir en sanidade, educación e deporte de verdade: o de formación, minoritario ou dependente das becas ADO
PD: que tamén se me esquecía a min. Polo menos agora, o Steve Aoki que pinchaba na Praza de Alcalá poderá facelo de novo no Madrid Arena, agora que xa non vai ser utilizado como sede olímpica, pois xa que construíches o oitenta por cento das instalacións (listos, carajo), haberá que darlle uso.
Foto de portada: publico.es
Fotos do texto: lavanguardia.com, rtve.es