“De por cojones”

Os equipos de fútbol, por moi duros que parezan detrás desas coirazas de sociedades anónimas deportivas, teñen o seu corazonciño. Estamos intimamente convencidos de que a cada clube lle corresponde unha forma de ser, da que se contaxian os seus xogadores, directivos e afeccionados. Todos pensamos no seny do Barça, no señorío do Real Madrid, na dignidade fronte á derrota do Betis. E, como tal, asumimos que os colchoneros estarán cheos de cicatrices, que tódolos seareiros do Rayo Vallecano son aguerridos militantes comunistas e que os culés falan de fútbol coa voz de Guardiola ata as cellas de Prozac.

Nestes días, prefiro non pensar cal será a imaxe do Deportivo da Coruña e dos seus seareiros. Cónstame que, nos goode olde days, o Deportivo era un equipo que contaba con numerosas simpatías máis alá do Berzo, por esa aréola de David que mirou de ti a ti a Goliat que ten o clube herculino. Ora ben, teño serias dúbidas de que tras este peche de mercado manteña esa opinión quen estea seguindo con atención toda a zona sombría do fútbol que se esconde detrás da inmensa figura de Gareth Bale e os seus 91 millóns de euros, apilados todos formando unha montaña.

IMG_20130528_141847

Para quen non poida ver máis alá da avultada mandíbula do galés: o Deportivo é un clube que debe 156 millóns e de euros e, por tanto, en concurso de acredores. Que significa isto? Que todo movemento de cartos que faga o seu keynesiano presidente, Augusto César Lendoiro, ten que ser aprobado por unha administración concursal. Esta, amais, marcoulle ó Deportivo unha cifra máxima que pode destinar a salarios para toda a plantilla: cinco millóns.

Nestas circunstancias, espérase que o presidente antepoña o seu amor ó clube a todo o demais, e que os administradores sexan quen poñan o sentidiño. Pero nun equipo tan sui generis coma o Deportivo, nin unha nin a outra se cumpren. O presidente enviou, sen máis remilgos, a unha anteriormente-coñecida-como xoia da canteira a Tailandia e mandou un futbolista pecha-la porta por fóra cando tiña só 48 horas para buscar novo equipo. Pero, con diferencia, onde as dúas testas desa hidra que é o Deportivo xogaron con menos dignidade as súas cartas foi na tan traída e tan levada contratación do dianteiro Alex Geijo.

Espérase que o presidente antepoña o seu amor ó clube a todo o demais, e que os administradores sexan quen poñan o sentidiño

Despois de dous meses prometéndolle ó adestrador, San Fernando Vázquez, Mártir, que lle traería ó seu codiciado dianteiro, de dous meses facendo filtracións interesadas para, à la Marca, ter ilusionados ós seareiros, Lendoiro arremangouse tres días antes de pecha-lo mercado. Os administradores dixeron que non había pasta. E el actuou en consecuencia: tróuxoo á Coruña igual. Gónadas na mesa de negociacións, con toda a súa contundencia. Pensará o inxenuo lector: “non pasa nada. Con moita cordura, a imperturbable administración concursal lle advertirá de que iso non é posible”. Pero non é ese o xeito de xogar na praza de Pontevedra. Chegou o administrador concursal, todo señorío e todo seny, e subiu a aposta xenital de Lendoiro, dicíndolle á prensa que non había dianteiro porque non.

Como resultado, o Deportivo conta xa, ó inicio deste camiño embarrancado que é a Segunda División, con tres mortos na cuneta, máis os que quedaron tapados detrás. Se os seareiros dun equipo son o que demostran os seus xestores, polo mundo adiante deben pensar que aqueles que quentan semanalmente a bancada de Riazor enchen sobradamente o pantalón.

(Nota: o título do artigo é unha sentida homenaxe á esquecida Marta, de GH. Tanta paz levou como paz deixou. Para máis información, consulta-lo minuto 3:56 deste vídeo, aínda que paga a pena velo íntegro)