Carreiras de fondo nos circuítos, e fóra deles
Dende o debut en Castropol, con quince anos e moi poucas horas de adestramento específico sobre a bicicleta e a carreira a pé, aquel rapaz galego nado en Basilea non deixou de medrar, de apuntar quilómetro tras quilómetro máis alto. A súa figura xorde nun momento no que o triatlón comeza a aparecer de xeito máis evidente nos medios de comunicación. Un compatriota seu, que ben cedo será compañeiro de adestramentos, amigo e confidente, comeza a destacar a nivel mundial, e os seus éxitos nas categorías inferiores repítense na elite. Os grandes resultados de Iván Raña axudan a dar visibilidade a un deporte descoñecido para algúns e esquecido por outros. A súa sombra, baixo o seu paraugas, medra Javi Gómez Noya. Dando o salto da natación ao triatlón, o ferrolán convértese na maior promesa do seu deporte. As vitorias, as medallas e os éxitos sucédense nas categorías inferiores.
Javi Gómez Noya creceu baixo o paraugas de Iván Raña, que pouco a pouco lle daba visibilidade a un deporte descoñecido
Finais do 1999, Madrid, durante unha convocatoria coa selección española xuvenil e ao pasar un recoñecemento médico, os especialistas do Consello Superior de Deportes descóbrenlle unha anomalía cardíaca. Comeza o pesadelo de Gómez Noya, un sufrimento que en pouco se semella ao que vive durante as competicións, un momento de dúbidas, de decepcións e de lamentos. No primeiro momento pensa en abandonar, a saúde é o primeiro. Mais pouco dura esta sensación, xa que tras análises e estudos doutros médicos especialistas decide comezar unha loita por recuperar a súa licencia (o Consello Superior de Deportes pide á Federación Española de Triatlón a retirada da mesma). Unha loita que se alongará moito máis do esperado.

Gómez Noya competindo nos Xogos Olímpicos de Pekín (2008) | ©El País
Durante tres anos, Javi Gómez Noya competiu entre sombras, case coma un triatleta clandestino, aproveitando baleiros legais que lle permitían anotarse a certas probas. Foi así como acadou vitorias en campionatos de España, tanto de duatlón coma de triatlón en categorías júnior e sub-23, ou no Campionato de Europa sub-23 de duatlón. Mais o seu gran triunfo, durante un período no que só contaba co apoio da Federación Galega de Triatlón (que si o consideraba apto a diferencia da española), era o día a día. A demostración de que podía gañar, competir e, fundamentalmente, vivir coma un máis por moito que dende o Consello Superior de Deportes lle negasen ese dereito.
Tras serlle detectada unha anomalía cardíaca, Javi Gómez Noya tivo que competir entre as sombras e aproveitando os baleiros legais que lle permitían anotarse a certas probas
Semellaba que esta dura etapa remataba no 2003 cando, grazas a opinións internacionais favorables a súa capacidade para competir, recupera a súa licencia e a posibilidade de disputar as competicións máis importantes. Deste xeito, acada o campionato do mundo sub-23 un ano antes da disputa dos Xogos Olímpicos de Atenas, o gran obxectivo que se vai marcar para o 2004.

Gómez Noya vencendo nas World Series de 2013 | ©Sport Training
A cada mes que pasa, cada semana, Javi apunta máis alto. Aquela promesa que comezou a competir en triatlóns grazas aos seus compañeiros de piscina é unha realidade. Os resultados que colecciona durante ese 2004 fan dubidar a poucos de que estará presente nos Xogos Olímpicos, tanto no Campionato de Europa coma no Campionato do Mundo supera todas as previsións e amosa o seu crecemento. Mais, o director técnico da Federación Español de Triatlón toma unha decisión que, aínda hoxe, moi poucos entenden se atendemos unicamente aos resultados deportivos. Fálase dunha presión externa para impedir que o ferrolán compita no maior escaparate deportivo do mundo. A loita pola licencia aínda non rematou.
Un ano despois regresan os problemas. Mentres Javi Gómez Noya tentaba esquecer a decepción que supuxo non viaxar a Atenas, a Federación Española de Triatlón volvía a retirarlle a licencia apoiándose en novos estudos que desaconsellaban a práctica deportiva ao máis alto nivel. O golpe foi quizais máis duro, xa que cando parecía que todo aquilo estaba superado, as sombras querían, unha vez máis, engulir a un dos maiores talentos mundiais. O fantasma da retirada volve aparecer. Mais despois de todo o acadado, todo o que se loitou con anterioridade, sería unha pena abandonar cando o mellor está por chegar. Máis opinións internacionais, máis expertos que se posicionan nun caso inédito. Así, no 2006 e, desta vez, definitivamente Javi Gómez Noya recupera a licencia que lle permitirá competir.
A Federación Española de Triatlón retiroulle a súa licenza ata en dúas ocasións
Moitas barreiras desaparecen, non as económicas nun deporte minoritario que depende das inversións públicas e no que a maioría dos triatletas viven das aportacións das empresas que publicitan. A súa escalada cara o máis alto será instantánea. Dende o 2007 é un fixo no podio do Campionato do Mundo (só no 2011 deixou o seu lugar), acadando ata tres ouros. Mais se por algo loitou o galego foi polo éxito olímpico, consciente de que a importancia desta competición non ten igual. A decepción de Atenas 2004, veu seguida dun cuarto posto en Pequín, cando partía como o máximo favorito. Unha enfermidade pasoulle factura durante a carreira a pé e provocou que se quedase a un paso das medallas. Semellaba que a gloria olímpica se lle atraganta a quen superara todas as barreiras e obstáculos que se lle foran colocando durante a carreira, durante a vida.

Javi Gómez Noya coa medalla de prata en Londres | ©La Vanguardia
A próxima oportunidade chegará en Londres 2012, na casa dos seus grandes rivais, dos irmáns Brownlee. Alí, consigue a tan desexada medalla olímpica. Alistair é imbatible, está a un gran nivel e corre impulsado por todos os ingleses que enchen Hyde Park, mais Gómez Noya é quen de acadar a medalla de prata. Os medos olímpicos, as sombras que tanto o perseguiron son definitivamente desterradas. Só queda superar unha última barreira. Só queda superar aos Bronwlee.
Gómez Noya é un claro exemplo de que a vida e o deporte sempre dan segundas oportunidades
A historia, o deporte, a vida adoitan dar segundas oportunidades a todos aqueles que loitan por elas. Gómez Noya é un exemplo nisto. Na final das World Triathlon Series, outra vez en Hyde Park, o galego volve xogarse cos dous irmáns o Campionato do Mundo. E desta volta, quen se habituou ás carreiras de fondo nos despachos, nas consultas, nos organismos, acada o seu terceiro ouro grazas a un sprint memorable. Un sprint que os afeccionados ao deporte tardarán moito en esquecer.