Akasvayu Girona: un soño que rematou en pesadelo
No que moitos chaman o fútbol moderno xa estamos acostumados a ver que os clubs de fútbol son tratados coma mercancía, que pasan duns donos a outros coma se fosen un xoguete. Estes donos inverten moitos cartos nun principio, pero cando se cansan, esquécense del e déixano morrer pouco a pouco, quedando atrás uns efémeros días de gloria. O caso máis recente no fútbol español atopámolo no Málaga. Pero casos así non se dan só no fútbol. No baloncesto tamén temos algún caso similar.
Un dos máis coñecidos que temos no deporte da canastra é o do Club Básquet Sant Josep Girona que ata hai pouco xogaba na LEB Ouro — desaparecido para a temporada 2013-2014—, coñecido entre o 2005 e o 2007 coma o Akasvayu Girona. Na temporada 2004-2005 o daquelas Casademont salvábase polos pelos do descenso na liga ACB ao quedar no posto decimo sexto, tan só un por riba da queima. Ese verán aterraba no club xerundense a aseguradora Akasvayu, poñendo cartos dabondo para poder facer un conxunto con grandes xogadores de importancia.
Con presentacións espectaculares ían desfilando as novas estrelas do equipo catalán. As súas dúas fichaxes de máis renome foron Raúl López, terceiro español en xogar na NBA, que voltaba así de terras americanas, e Fran Vázquez que viña de rexeitar xogar na gran liga estadounidense tras ser seleccionado no número 12 do draft polos Orlando Magic. Arredor deles había outras fichaxes de renome coma Germán Gabriel, Kevin Thompson, Ariel McDonald, Roberto Dueñas —que viña de abandonar o Barça tras toda a súa vida deportiva alí— ou Dainius Salenga, unha das estrelas do Žalgiris Kaunas de principios dos 2000.
As dúas fichaxes de máis renome foron Raúl López, que viña da NBA, e Fran Vázquez que rexeitaba xogar nela
O equipo tíñao todo: un público entregado e xogadores con certa importancia, que viñan de xogar a NBA, de triunfar noutras ligas europeas ou de saír elixidos no draft. Un plantel que aspiraba a todo e convertíase xa de inicio nun dos principais candidatos a estar arriba na ACB. Sen embargo, a temporada foi bastante frouxa conforme ao esperado. O equipo rematou sétimo na liga, perdendo na primeira rolda dos playoffs en tan só catro partidos.

Raúl López, na súa presentación | Foto: El Mundo
Para o ano seguinte a inversión continuou, cos directivos estaban convencidos de que os bos momentos chegarían. Tras o gran ano de Raúl López, este marchaba ao Real Madrid e Fran Vázquez pasaba a ser a fichaxe estrela do Fútbol Club Barcelona. Tamén había un cambio na dirección, ao cambiar a Edu Torres por Svetislav Pešić, un adestrador que na súa anterior experiencia na liga española gañara varios títulos co Barcelona.
Tras o gran ano de Raúl López, este marchaba ao Real Madrid e Fran Vázquez ao Barcelona
Este ano xogábase tamén a Eurocopa da FIBA, unha competición europea, aínda que de menor nivel que a Euroliga. Entre outras novas incorporacións destacaban tres que ían triunfar co paso dos anos: Marc Gasol —que ata o momento o seu único logro era ser o irmán de Pau ademais do seu gran partido na final do Mundobasket—, Fernando San Emeterio e Víctor Sada. O equipo mellorou na clasificación na liga regular pero nos playoffs volveuse a espetar nos cuartos de final. Un novo gran investimento e de novo a mesma sensación de fracaso, aínda que desta vez o equipo conseguise vencer na Eurocopa.

Marc, facendo calar a Rudy | Foto: altaspulsaciones.com
Na seguinte temporada, para o ano 2007-2008, a ilusión decaeu. Economicamente o club empeorou a súa situación e non se puido seguir fichando a golpe de talonario, e a pesar de que algúns dos piares básicos se mantiveron, a afección non respondeu como nos anos anteriores. O adestrador era daquela Pedro Martínez, hoxe no Gran Canaria, e repetiuse o sétimo posto, topándose de novo co muro dos cuartos nos playoffs. Ao final desa temporada o club anunciaba a súa desaparición, cunha débeda inasimilable de 6,5 millóns de euros –aínda que logo competiu en LEB Bronce- convertendo o soño de xogar na ACB nun pesadelo. O risco de apostar por un plantel para loitar por todo matou a un equipo que levaba vinte anos consecutivos na liga ACB.