O milagroso salto de Steve Hooker

Para algúns, o deporte aseméllase ás loitas entre gladiadores da Antiga Roma. Unha competición a morte onde o resultado sempre é o de vencedores e vencidos, sendo os primeiros aclamados e os segundos vilipendiados. Para outros, entre os que me inclúo, o deporte é algo máis. É unha sucesión de feitos que non podes prever e que sempre acaba creando unha historia. E canto máis sorprendente é o transcurso da competición, maior será a lenda. Quizais ás veces ata custa recordar quen gañou a liga de fútbol do pasado ano en España, pero a verdadeira épica continúa gravada como o primeiro día nas mentes dos que vivimos a verdadeira historia do deporte: os trece puntos de McGrady, o ataque de Cancellara para rebentar a Milan- San Remo, os dous goles no desconto do Manchester United para gañar a Champions, a liga de Herreros, a espectacularidade de Bondarenko hai tan só uns días…

Tralos récords de Bolt no Mundial de Berlín 2009, outro home asomaba cunha fazaña extraordinaria: Steve Hooker

A seguinte historia sucedeu no Mundial de Berlín no ano 2009. Alí, Usain Bolt establecía o récord do mundo dos 100 e 200 metros lisos en 9.58 e 19.19 segundos respectivamente. A fazaña do ano anterior nas Olimpiadas de Pequín era superada e Bolt era sen ningún tipo de dúbida o home dos campionatos. Sen embargo, no mesmo día en que conseguía o seu terceiro ouro grazas ó relevo 4×100, outro home realizaba outra proeza histórica. Diferente á de Bolt, sen espaventos, xestos ou prepotencia algunha, senón en silencio, con esforzo e —permítaseme a expresión— collóns, moitos collóns.

Steve+Hooker+Olympics+Day+14+Athletics+7638ZtAo1Uml

Na imaxe celebrando o título olímpico en Pequín 2008 / Fonte: zimbio.com

Ese home foi Steve Hooker. Saltador de pértega e australiano. Chegaba ós Mundiais de Berlín no mellor momento da súa carreira. O ano anterior gañara nos Xogos Olímpicos e no ano 2009 chegara a saltar ata en tres ocasións por riba dos 6 metros, logrando incluso un salto de 6.06 metros o 7 de febreiro que o situaba como o segundo saltador con mellor marca da historia por detrás do lendario Sergey Bubka. Pero pouco tardaron en comezar os problemas físicos. Primeiro, en marzo, foi o xeonllo. Logo, en maio, o ombreiro. Hooker debeu parar os adestramentos e nin así foi quen de recuperarse completamente. Aínda así, el quería estar no Mundial. Polo menos quería intentar un salto.

Lesionado e sen apenas dar corrido, o seu único salto válido sobre 5.90 valeulle a Hooker o ouro

Así, o 20 de agosto do 2009 Hooker presentouse na cualificación do salto con pértega. Mentres os outros saltadores ían intentando alturas el deixaba pasar o listón. Así o fixo ata que nos 5.65 metros se estableceu o corte para entrar na final. Nesa altura Hooker intentou o seu primeiro salto. Correndo máis lento do habitual, con vendaxes por todo o corpo, Hooker lograba superalo, se ben a súa cara tras caer no colchón dicíao todo: acabábase de mancar aínda máis. O seguinte vídeo amosa o sufrido salto do australiano.

Lesionado, Hooker entraba na final. Estaba entre os doce mellores do mundo de novo, e con dous días para recuperar desde a cualificación, o australiano pensaba en cal sería a súa estratexia na final. Sabedor das súas dificultades para correr e apoiar a pértega pola dor no xeonllo, Hooker xogaríase todo a unha soa carta. Cando todos os saltadores estivesen eliminados, el comezaría o seu concurso. Unha soa oportunidade para a gloria do ouro ou a nada. A épica en estado puro. Transcorreu o concurso e os comentaristas anunciaban que Hooker non saltaría pola lesión, descoñecedores da maquiavélica idea do australiano. Así, cando todo o mundo pensaba que tan só quedaban en liza os franceses Mesnil e Lavillenie, o australiano, que aínda non saltara en toda a final, pediu altura en 5.85. Intentou o salto e errou. O rostro de Hooker evidenciaba dor e sufrimento. Lavillenie tamén erraba. Mesnil si conseguía pasar o 5.85. Pero Hooker pensouno mellor e intentou outro salto. Iso si, non sería en 5.85. Hooker desexaba o ouro e intentou un salto 5.90 que conseguía á primeira tentativa. O estadio de Berlín veuse nese momento máis abaixo do que puido virse co mesmo Usain Bolt. Steve Hooker colocábase primeiro e aseguraba a medalla. Saltaron Mesnil e Lavillenie os 5.95 e erraron. Steve Hooker lograba, lesionado, o título de campión do mundo do salto con pértega. Chorou e tardou en crelo. O imposible feito realidade. Inlcuso na entrevista posterior declarou que tras errar no 5.85 pensara que as súas opcións se acabaran, e que tan só o apoio do público o fixo intentar un salto sobre 5.90 que para el non era posible.

Steve Hooker lograba o título de campión olímpico e mundial nese 2009. Desde ese momento e ata actualidade continuou perseguido polas lesións. De feito, neste 2013, ós seus 31 anos Hooker só foi capaz de saltar 5.40 metros, moi lonxe dos mellores do mundo e dos 5.90 cos que gañaba catro anos atrás, sen acudir ó Mundial de Moscova e coa marca do 107º mellor saltador do mundo. Non sabemos se Hooker se volverá acercar ós mellores, mais polo menos, o recordo do seu tesón e valentía quedará para todos aqueles ós que nos gusta buscarlle a outra mirada ó deporte. 

Foto de portada: zimbio.com