O Celta de Luis Enrique
Ilusión podería ser a palabra que definiría a pretempada do Celta de Vigo. A chegada de Luis Enrique serviu de impulso a unha afección que xa estaba moi enganchada trala salvación sobre a bucina da pasada campaña. O técnico asturiano é unha aposta segura polo fútbol combinativo e polos xogadores da canteira. Todo isto, unido á fichaxes de xogadores con certo nome como Rafinha ou Nolito, fan que o Celta viva nun período de ilusión continua. Porén, estes tempos víronse enturbados durante algúns días polos rumores sobre a posible fichaxe de Luis Enrique polo Barcelona. Por sorte, trala contratación do Tata Martino, a afección celeste continúa coa súa licenza para soñar.

Aspecto de Balaídos durante a presentación de Rafinha @El Mundo Deportivo
Tralo amistoso en Porto, o Celta deu por pechado o seu primeiro ciclo de preparación. Nel, incluíase unha semana de preparación intensiva en Melgaço e dous amistosos ante o Coruxo e o Porto. Grazas a iso, xa podemos ir apuntando as primeiras pinceladas deste Celta que promete moito, pero que debe avanzar paso a paso se quere chegar a bo porto.
Os sistemas tácticos de Lucho
O Celta de Paco Herrera ou de Abel Resino estaba acostumado a xogar un 4-2-3-1, nun sistema onde o dobre pivote era o que marcaba o rumbo do equipo. Ese mediocentro podía ser máis ou menos ofensivo, en función de quen acompañara a Borja Oubiña. Con Herrera, Álex López acostumaba a ser o elixido, mentres que Resino optaba por unha opción máis conservadora con Natxo Insa. Con Luis Enrique esperábase o 4-3-3 da escola blaugrana, con Oubiña como pivote defensivo e acompañado por dous xogadores con máis facilidade para chegar ao ataque. Porén, nestas primeiras datas o técnico asturiano combinou ese 4-3-3 cun 5-3-2, un sistema que pode dar máis variantes e que pode ser importante nalgúns encontros, tendo en conta a debilidade defensiva do Celta nos últimos tempos.
O 5-3-2 foi o esquema inicial ante o Coruxo e ante o Porto, polo que debeu de ser bastante traballado nos adestramentos. É un sistema móbil, que en defensa semella un 5-4-1 e en ataque un 3-4-3, outro dos sistemas propios da “escola Barça”. Esta táctica permite pechar a defensa polo centro, unha das materias pendentes a tempada pasada, como se puido observar ante o Porto, onde o Celta só recibiu un gol en fóra de xogo claro. Porén, en ataque necesita dunha gran achega dos carrileiros que aínda non chegou. Ademais, o Celta segue buscando un lateral esquerdo no mercado. Mentres tanto Lucho probou con Toni, que pode adaptarse mellor a esta posición de carrileiro que Bellvís, de carácter máis conservador.
Nos partidos nos que o Celta non poida levar a iniciativa, a defensa de cinco pode ser unha solución intelixente
No final dos encontros o Celta mostrou o esperado 4-3-3. Con ese esquema, vivimos os mellores minutos do Celta ante o Coruxo e ante o Porto. De feito, fronte os portugueses, o Celta estivo a punto de lograr a igualada por mediación de Nolito ou David Rodríguez. Con este esquema o Celta aposta máis polo ataque e pola mobilidade. Nel, destacaron especialmente dous xogadores: Rafinha e Nolito. O primeiro, acostumado a xogar nese mediocentro tipo do Barcelona, móvese como peixe na auga organizando o equipo. O segundo, demostrou ter dinamita e capacidade de sorpresa, algo que o Celta botaba en falta. A banda esquerda moi probablemente sexa súa.
En resumidas contas, dous esquemas que se poden ir variando e que poden ter sentido nunha tempada moi longa, na cal non vas iniciar tódolos partidos igual. O Celta non sempre poderá levar a iniciativa e neses casos a defensa de cinco pode ser unha solución intelixente.
Traballo físico e presión

Luis Enrique adestrando na Madroa | ©MoiCeleste
Luis Enrique fai moito fincapé no aspecto físico nesta pretempada. Nos seus sistemas considera imprescindible a presión e necesita a xogadores moi preparados no aspecto físico. Recuperar o balón rápido para volver a atacar é unha das súas consignas. Do mesmo xeito, necesita homes implicados na causa e, segundo afirmaron os seus propios pupilos, parece non ter problemas en sentar a aqueles que non corran o suficiente. O físico é un aspecto importante xa que o Celta mostrouse algo xusto en moitos tramos da pasada campaña. As lesións, evidentemente, foron un lastre moi importante neste sentido.
“Luis Enrique deixa claro que o que non corra non vai xogar” – Carlos Bellvís
As caras novas

Nolito destacou no amistoso ante o Porto | ©Vavel
Ata o día de hoxe, Nolito e Rafinha foron os que deixaron os mellores detalles. O gaditano actuou pegado á banda esquerda e dende alí pode aportar moito desborde e gol, algo que o Celta debe repartir mellor que a tempada pasada. Nolito parece titular indiscutible neste equipo, xa que ata o de agora tenlle gañada a partida a Fabián Orellana. O pequeno dos Alcántara tamén deixou grandes detalles da súa clase nos dous primeiros partidos. O brasileiro ten que ser un dos faros deste Celta e, grazas a súa competencia, podería ser un revulsivo para Álex López, un xogador cun enorme potencial pero que aínda necesita explotar en primeira.
Nolito e Rafinha foron os que máis destacaron ata agora. Fontás e Charles aínda teñen que demostrar máis.
En canto a Fontás, parece o elixido para sacar o balón dende atrás por Luis Enrique. Porén, a competencia en defensa vai ser forte con Túñez, Cabral e Vila. Ademais, a irrupción de David Goldar nesta pretempada está sendo unha das máis espectaculares nos últimos tempos. O xuvenil convenceu a Luis Enrique, que xa non busca un substituto para Samuel Llorca (lesionado de longa duración), e quizais teña máis minutos dos que moitos esperan.
Por último, case non puidemos observar nada de Charles. Unhas pequenas molestias o deixaron fóra do partido ante o Coruxo, mentres que no Estadio do Dragao pasou inadvertido durante a primeira parte. En gran medida, porque o Celta foi dominado polo Porto durante ese tempo. O pichichi de Segunda chega cuns números espectaculares e que a secretaría técnica espera que poida repetir en Primeira, categoría que aínda non coñece.
A aposta pola canteira

Goldar foi unha das sorpresas desta pretempada | ©Lusa
Catro xuvenís estiveron na concentración de Melgaço: David Goldar, Fernán, Yelko e Borja Fernández. O central foi a sensación desta pretempada, tendo en conta as condicións que mostrou en Porto. Dos catro, quizais sexa o que máis posibilidades teña de quedarse no primeiro equipo e contar con minutos. De feito, se Luis Enrique aposta por xogar con tres centrais, o seu protagonismo podería crecer de forma exponencial. Tamén destacou Borja Fernández, o “relevo natural” de Borja Oubiña. Tendo en conta que non existe ningún substituto específico para o gran capitán, o xuvenil tamén pode ser importante. Fernán e Yelko Pino demostraron a súa calidade e o seu enorme futuro, pero a curto prazo parece que o van ter máis difícil tendo en conta a súa demarcación.
Ademais, Luis Enrique contará con Madinda, Rubén Blanco e Santi Mina como tres máis do primeiro equipo. O técnico asturiano xa puido adestrar co gabonés e espera o regreso de Mina e de Rubén Blanco tralos seus compromisos coas categorías inferiores da selección española. Madinda será un recambio importante e axudará co seu músculo e a súa calidade no mediocentro. Mina será unha alternativa no ataque, onde Charles e David Rodríguez teñen que demostrar moito máis. E por último, Rubén Blanco chega tras unha actuación prodixiosa no Europeo sub19, e parece disposto a tentar facerse coa titularidade na portería por diante de Sergio e Yoel.
As dúbidas

Rubén Blanco coa selección sub19 | ©MoiCeleste
A primeira incógnita que se resolverá cando comece a liga estará na portería. Luis Enrique deberá tomar unha decisión sobre a que non existe un consenso claro no celtismo. Yoel e Sergio contan coas mesmas armas, baseadas na experiencia e nunha competencia na que ningún dos dous saíu nunca como claro gañador. O seu problema chámase Rubén Blanco, o porteiro de futuro no Celta, pero que quizais tamén sexa o do presente. O seu problema é que por culpa dos compromisos internacionais chegará coa pretempada moi avanzada a Vigo.
O lateral esquerdo é outra posición que o Celta quere reforzar neste mercado de inverno. A reconversión de Toni pode valer para defensa de cinco, pero o equipo vigués necesita un lateral de garantías para competir con Bellvís e co coruñés, que tamén pode actuar en posicións máis ofensivas.
O máis importante é resolver o problema fundamental da pasada campaña: ser contundentes nas dúas áreas
Por último, a preocupación máis importante na afección celeste céntrase en resolver o problema fundamental da pasada tempada: ser contundentes nas dúas áreas. Para a área propia, Luis Enrique pode cubrirse coa defensa de cinco, pero para a contraria é necesario un gran rendemento das fichaxes ofensivas (Nolito e Charles) e que os homes de segunda liña aporten moito máis. Polo momento, a ilusión segue sendo a tónica habitual en Vigo. De tódolos xeitos, o Celta debe vivir cos pés no chan e sabendo que o seu obxectivo é a permanencia. Unha vez feito iso, que ninguén lle quite a afección celeste a licenza para soñar.