Euskaltel-Euskadi: crónica dunha morte anunciada
Toda relación ten un comezo, un intre inesquecible no que comprendes que iso que estás a descubir acompañarate longo tempo alá onde vaias. Coma os primeiros compases dunha canción especial, coma esas escenas de cine que ficarán para sempre na retina do espectador, ou coma a primeira cita con alguén que chega para quedar. Por iso, para un afeccionado que descubriu o ciclismo da man dos ataques de Iban Mayo vestido de laranxa nos Pireneos, a desparición do Euskaltel Euskadi supón, ademais dunha profunda mágoa, un regreso a época na que todo comezou.
Os inicios do proxecto
Corría o ano 1994 e, baixo a dirección de Miguel Madariaga e co apoio económico de empresarios e administración locais, ademais dunha cantidade importante de socios participantes, o Euskadi botaba a andar como equipo ciclista. Tomando a Fundación Ciclista de Euskadi, creada un ano antes, como base do proxecto pretendíase fomentar, fortalecer e consolidar a prolífica canteira do ciclismo vasco na elite. Para iso, decidiuse incorporar ás filas do equipo só a corredores nados en Euskal Herria (as tres provincias vascas máis Navarra e o País Vasco francés), ou ben que formaran parte das categorías inferiores dos equipos ciclistas dese territorio. Unha política semellante á do Athletic Club de Bilbao cos seus futbolistas, pero con menor laxitude na súa aplicación cá dos bilbaínos. Así pois, incorporaron corredores veteranos coma Peio Ruiz Cabestany, aos que se sumaron xoves promesas e, vestindo as cores da ikurriña, pasaron a representar a Euskadi no pelotón internacional.
Decidiuse incorporar ás filas do equipo só a corredores nados en Euskal Herria, ou ben que formaran parte das categorías inferiores dos equipos ciclistas dese territorio.
Os acontecementos ocorridos durante o transcurso do ano 1994 serían paradigmáticos para o resto do percorrido do equipo vasco. En primeiro lugar, o xa falecido Agustín Sagasti lograría a primeira vitoria da historia do equipo, e faríao nunha etapa da Volta ao País Vasco, a Itzulia, que co paso do tempo se había de converter na proba fetiche do equipo. Por outra banda, o proxecto estivo a piques de desaparecer dada a saída de José Alberto Pradera, un dos principais valedores do equipo, da Deputación de Bizkaia. A relación de amor odio do equipo coas administracións vascas será unha constante dende o comezo ata o fin dos seus días.

Formación orixinal do equipo Euskadi / Fonte: El Correo
O ano 1995 non sería doado para o Euskadi, xa que o contexto económico prexudicaría gravemente a planificación da tempada. Con Miguel Madariaga preto de ir á cadea polas débedas contraídas polo equipo coa Facenda Foral de Bizkaia, só un crédito de última hora procedente da mesma Deputación posibilitaría a supervivencia do equipo. No ámbito deportivo, sería un ano para olvidar xa que non se conseguiría ningún resultado notable nas carreiras do País Vasco e só se conseguirían vitorias en probas menores de España e Portugal. A tempada seguinte desenvolveríase dun xeito similar, dado que os medios do equipo non eran suficientes para aspirar a conseguir resultados importantes. Mais os corredores do Euskadi amosaron en todas as probas nas que competiron un dos rasgos identificativos do equipo, a tremenda combatividade dos seus ciclistas.
A mediados de 1997, o equipo pasou a denominarse Euskadi-Petronor, xa que foi necesaria a entrada dun patrocinador privado para poder cubrir os gastos dos salarios dos corredores. Mais este non sería o único patrocinador que se sumou ao equipo durante este ano, pois en agosto produciríase a entrada da empresa de telefonía Euskaltel, o cal revolucionaría o equipo. De súpeto, cambiouse o tradicional maillot tricolor por un branco e azul, cores de Euskaltel, e que contaba con pequenos detalles para rememorar as cores da ikurriña. O nome tamén se modificou, pasando a ser Euskaltel-Euskadi, xerme do actual Euskaltel Euskadi.
A entrada de Euskaltel como patrocinador en agosto de 1997 revolucionou ao equipo.
Grazas á inxección ecónomica feita por Euskaltel, as bases do equipo sufriron un cambio radical motivado polos pobres resultados deportivos conseguidos durante o ano. O director deportivo ata entón, Txomin Peruena, foi sustituído por Julián Gorospe, nunha decisión que suscitou os receos de gran parte dos aficionados quen rexeitaban o cambio. Mais o que si parecía claro era que o equipo agora non había parar ata competir nas carreiras máis prestixiosas do ciclismo internacional. O número de etapas conseguidas na tempada inmediatamente posterior á entrada de Euskaltel medrou, como tamén o fixo así o prestixio das carreiras onde se obtiñan. Txema del Olmo conseguía unha vitoria parcial e o segundo posto final no Tour de L’Avenir, proba onde adoitaban a adoitan destacar os futuros talentos ciclistas internacionais e onde ese ano tamén brillara Joseba Beloki. As bases para un futuro exitoso estaban, pois, sentadas.

Euskaltel-Euskadi durante a Vuelta a España de 1999 / Fonte: El Correo
O rendemento continuou en liña ascendente durante o ano 1999. O equipo acadou as tradicionais etapas de voltas menores e foi protagonista na Itzulia, onde os intentos de acadar unha vitoria parcial resultaron estériles. Na Euskal Bizikleta, a outra proba por etapas vasca importante do calendario, Alberto Martínez rematou segundo, a escasos segundos do vencedor. Joseba Beloki e Roberto Laiseka brillaban en diversas voltas por etapas (Beloki rematou cuarto na prestixiosa Dauphiné Libéré) e auguraban que o mellor estaba por chegar. Así foi. Na Vuelta a España de 1999, Roberto Laiseka lograba a primeira vitoria do equipo nunha das tres voltas grandes obtendo o triunfo en solitario na etapa con final no Alto de Abantos. Laiseka, un home da casa que levaba no equipo dende a súa fundación. Sería o broche de ouro para unha tempada que doutro xeito poderíase calificar como mediocre. Como nota negativa, Beloki deixaría o equipo ao rematar o ano, tras declarar non atoparse a gusto. O oco deixado por Beloki sería cuberto por dúas promesas traídas de equipos amateurs: Samuel Sánchez e Iban Mayo, que co tempo se revelarían como baluartes do proxecto vasco.
A consolidación do equipo na elite
De cara ao ano 2000, o orzamento do equipo doblouse e este pasou a formar parte da primeira división do ciclismo internacional. Ademais, produciríase outro cambio: o maillot do equipo deixaría de ser branco e azul para ser laranxa, color que se manterá ata a desaparición do equipo. Comeza entón a época dourada do Euskaltel Euskadi. Pese a non seren invitados ao Tour de Francia, os de laranxa ofrecerían un nivel altísimo en numerosas probas, gañando a Klasika Primavera ou a Euskal Bizikleta, entre outras. Ademais, Haimar Zubeldia subiría á segunda posición do podio da Dauphiné Libéré, acompañando ao gañador Tyler Hamilton e a Lance Armstrong. Para redondear o ano, Laiseka conseguiría a vitoria na etapa da Vuelta a España con final en Ordino-Arcalís e remataría sexto na clasificación xeral. Os resultados acadados permitirían a primeira posición dentro dos equipos da Segunda División UCI e conseguiríase o ascenso para formar parte como membro de pleno dereito da Primeira División UCI. O equipo xa non dependería de invitacións para competir nas carreiras máis prestixiosas e loitaría codo con codo por vencer nelas. A raíz disto, a dinámica interna tamén se vería afectada: comezaron a realizarse fichaxes, que amenazaban con taponar a saída dos talentos da canteira e a situación volveuse tensa. De cara ao ano seguinte, fichouse a David Etxebarria, gañador de etapas do Tour de Francia, e ofreceuselle contrato a corredores como Íñigo Landaluze.
Xa en 2001, o equipo gañou numerosas etapas en voltas menores por territorio peninsular, ademais de reencontrarse coa vitoria na Itzulia e acadar un podio nun dos Monumentos do ciclismo, a Liège-Bastogne-Liège, da man de David Etxebarria. Pero o verdadeiramente importante desta tempada foi o debut na carreira por excelencia, o Tour de Francia. Lastrados por unha exposición mediática excesiva, o comezo sería bastante decepcionante, algo ao que cómpre engadir a retirada de Txema del Olmo tras un positivo por EPO na séptima etapa. O entón médico do equipo, Jesús Losa, sería acusado anos máis tarde de dopaxe por David Millar. Losa chegara en 2000 ao equipo, ano en que, sorprendentemente, os resultados do equipo melloraran expoñencialmente. Mais non todo serían sombras no Tour de 2001. Na última etapa do tríptico pirenaico, aupado por unha marea laranxa de siareiros que se acercaron a animar aos corredores do Euskaltel, Laiseka conseguía alzar os brazos en solitario nunha etapa con final en Luz Ardiden, despois de superar Aspin e Tourmalet. De novo Laiseka. O home da casa, o que estivera presente no equipo dende a fundación, o que dera a primeira etapa na Vuelta a España. Non foi a única sorpresa positiva do ano, senón que o rendemento de Iban Mayo (etapa da Dauphiné incluída) facía pensar que soñar con gañar un Tour de Francia era posible.

Laiseka celebra a súa vitoria en Luz Ardiden / Fonte: Deia
A partir de aquí, o calendario do Euskaltel-Euskadi deixou de centrarse en carreiras locales para competir a nivel internacional, coa conseguinte redución do número de vitorias pero non por elo deixaron de obterse bos resultados. David Etxebarria resultou segundo na Flecha Valona de 2002, ademais de acadar dúas vitorias parciais na Itzulia e a xeral da Euskal Bizikleta dese ano. A pesar dun Tour de Francia discreto e unha Vuelta a España sin vitorias, o quinto posto final de Iban Mayo nesta última proba salvaba o papel do equipo.
O ano 2003 sería prodixioso grazas a Iban Mayo, un ciclista excelso e eterno candidato español ao Tour, pero sempre rodeado por sospeitas de dopaxe. Raro sería o contrario no ciclismo español previo á Operación Puerto (e o de despois). Mayo lograría tres vitoriais parciais e a final da Volta ao País Vasco, ademais dun segundo posto na Liège-Bastogne-Liège e, o máis importante sen dúbida, a vitoria na oitava etapa do Tour de Francia, con final en Alpe d’Huez. Completaron o palmarés dese ano Unai Etxebarria vencendo nunha etapa da Vuelta ou Egoi Martínez impoñéndose no Tour de L’Avenir. A tempada seguinte seguiría os mesmos derroteiros. Mayo gañou en numerosos probas por etapas, incluída unha Dauphiné Libéré na que se exhibiu na cronoescalada ao Mont Ventoux, aventaxando en máis de dous minutos a Lance Armstrong. Mais este non foi un ano exento de polémicas. Primeiro, a elevada taxa de hematocrito de Gorka González, xustificada por un suposto entrenamento en altura, e que obrigou ao Euskaltel a correr o Tour de Francia con oito corredores tras o veto a Gorka. E segundo, o afastamento do equipo do médico Jesús Losa, despois das declaracións acusatorias de David Millar antes mencionadas. O lunar deportivo dese ano foi o Tour de Francia, onde os dous xefes de filas (Zubeldia e Mayo) abandonaron a carreira.
O ano post-Losa non foi especialmente fructífero para o Euskaltel-Euskadi. Un triunfo na xeral da Dauphiné Libéré dun Landaluze que poucos días despois daba positivo por testosterona, unha Volta a Suiza gañada por Aitor González, quen daría positivo meses despois na Vuelta e provocaría un enfrontamento entre a federación española de ciclismo e a UCI, e dúas etapas na Vuelta a España, a terceira na conta particular de Laiseka e a primeira de Samuel Sánchez. 2006 si que sería un ano exitoso no deportivo, mais habería unha certa inestabilidade institucional. Mentres Samuel Sánchez vencía en dúas etapas consecutivas en País Vasco, ademais de repetir triunfo na Vuelta a España e acadar o triunfo no GP Zurich, Mayo conseguía a Vuelta a Burgos e unha etapa da Dauphiné e a xove promesa Igor Antón alzaba os brazos na etapa de Calar Alto na Vuelta a España. O único lunar deste ano volvía ser o Tour de Francia, cunha participación discreta (bronca de Mayo cos cámaras que o filmaban mentres se descolgaba incluída). Un dos históricos do equipo, Laiseka, sufría unha dura caída no Giro de Italia que acabaría levando á súa retirada prematura. O máis relevante do ano, aínda así, ocorreu nos despachos. A xunta directiva, con Igor González de Galdeano á cabeza, decidiu non renovar o contrato do director deportivo Julián Gorospe, artífice da consolidación do equipo na elite, e sustituilo por Jon Odriozola. A finais deste ano, Iban Mayo abandonou o equipo. El declarou non sentirse a gusto, mentres que o Euskaltel culpouno de non firmar o código ético polo cal os corredores renunciaban a empregar médicos que non fosen os do equipo para evitar casos de dopaxe.
Durante as dúas tempadas que Odriozola estivo no equipo, produciuse a explosión de Koldo Fernández de Larrea, o primeiro sprinter puro do conxunto vasco. Os seus resultados supuxeron un sopro de aire fresco, pois permitíanlle ao equipo obter puntos moi necesarios para salvar a categoría Pro Tour. Mentres tanto, o modelo de corredor de Euskaltel (rodador e escalador combativo) seguía reportando triunfos e recoñecementos, coma o premio da combatividade do Tour de Francia a Amets Txurruka. Os logros deportivos foron varios durante a etapa de Odriozola. Ademais de algunhas vitorias parciais en carreiras Pro Tour, Samuel Sánchez demostraba ser o claro líder do equipo ao acadar en 2007 o terceiro posto na Vuelta a España, que pasaba por ser o primeiro podio do equipo nunha volta grande. En 2008 gañaría o ouro olímpico en ciclismo en ruta, un feito moi especial, pois sería o vixente campión polos catro anos seguintes. Unha caída de Igor Antón camiño do Angliru privaríao de alcanzar cotas maiores na Vuelta a España 2008.

Samuel Sánchez celebrando unha vitoria co casco dourado de campión olímpico / Fonte: deportesonline.com
O director deportivo en 2009 pasaría a ser Igor González de Galdeano, en sustitución de Odriozola. Obtivéronse bos resultados no primeiro tramo da tempada, incluído un terceiro posto de Samuel Sánchez na Volta ao País Vasco e un quinto posto de Mikel Astarloza na Dauphiné. Astarloza sería quen lograra o maior éxito do ano ao impoñerse nunha etapa do Tour, pero sería un triunfo amargo, xa que axiña se sabería que dera positivo por CERA en dous controles antidopaxe, sendo desposuído do obtido no Tour. En septembro Samuel Sánchez melloraría a súa actuación de 2007 e sería segundo na Vuelta a España, por detrás de Alejandro Valverde.
A incorporación do xove talento Beñat Intaxusti reportaría o primeiro bo resultado do ano 2010 tras ser este terceiro na clasificación da Volta ao País Vasco (segundo despois da descalificación de Valverde). Os líderes do equipo, Samuel Sánchez e Igor Antón, tiveron tempadas opostas. Mentres que Samuel rendía a bo nivel obtendo a Klasika Primavera e un cuarto posto na xeral do Tour de Francia, Igor caía na Vuelta a España camiño de Peña Cabarga rompendo a clavícula e véndose obrigado a abandonar cando ía de líder e era o máximo favorito a vitoria final.
O comezo do fin
A pesar de que a estabilidade económica foi máis ou menos unha constante durante todos estes anos de Pro Tour, o Euskaltel Euskadi sempre foi un equipo modesto en canto a orzamento, e os efectos da crise económica acabaron por notarse. De cara ao ano 2011, partía como o equipo Pro Tour con menor orzamento, un total de 6,5 millóns de euros. Non por iso o equipo sería menos competitivo, senón que incluso sería un gran ano, logrando a vitoria nas tres grandes. Igor Antón vencía no Monte Zoncolán no Giro e conseguía a etapa con final en Bilbao da Vuelta a España, rodeado por miles de siareiros laranxas que o apoiaron ata a meta. Ademais, Samuel Sánchez vencía en Luz Ardiden, porto idílico para o equipo, no Tour de Francia.
No ano 2012 xorderían os problemas ante a difícil decisión de que rumbo tomar: ser fieis ao proxecto orixinal e manter a aposta polo ciclismo vasco, aínda que iso conlevase unha pérdida de categoría e redución do orzamento do equipo ou apostar por seguir competindo na elite e comezar a incorporar corredores foráneos. Un ano bastante pobre en canto a resultados, salvado polas aparicións de Pablo Urtasun e os irmáns Izaguirre, ademais do sempiterno Samuel Sánchez propiciou que para salvar a categoría Pro Tour o equipo se vise obrigado a ter que fichar corredores estranxeiros cun elevado número de puntos que permitían a permanencia do equipo.
A ruptura co proxecto da Fundación Euskadi provocou que moitos aficionados lle deran a espalda ao equipo, o que o unido aos malos resultados, rematou coa súa desaparición
Deste xeito, chegaron corredores descoñecidos, de escaso nivel, pero cun número de puntos UCI elevado. O marroquí Tarik Chaoufi, o grego Ioanis Tamouridis, o esloveno Robert Vrecer ou o ruso Alexander Serebryakov compartirían equipo cos Samuel Sánchez ou Igor Antón de sempre. O equipo escindiuse da fundación Euskadi de Miguel Madariaga, pasando a chamarse Euskaltel Euskadi, non Euskaltel-Euskadi. Un pequeno cambio de forma, pero un enorme cambio de fondo. De novo a responsabilidade deportiva recaía sobre Igor González de Galdeano, quen intentou mediante un exhaustivo análise elixir as carreiras de modo que se lograse a maior cantidade de puntos posibles. Pese a isto, a tempada resultou un fracaso. Corredores como Mikel Nieve, Igor Antón ou Mikel Landa aínda non conseguiron vencer este ano e as únicas e escasas victorias do equipo proceden de probas de nivel menor.
Deste xeito, a empresa Euskaltel anunciou recentemente que o ano que vén se retirará como patrocinador ciclista despois de 16 anos de apoio, sendo a segunda marca co patrocinio máis lonxevo. A infructuosa búsqueda de patrocinador leva á xa anunciada desaparición do equipo a final de ano. Corredores coma Nieve, Antón ou os irmáns Izaguirre non terán problema en atopar equipo dadas as súas condicións, pero a incógnita é que será de aqueles que todavía estaban por despuntar. O ciclismo vasco perdeu o seu lugar na elite e ademais diso, fíxoo renunciando ás súas raíces. Agora toca comezar de cero e agardar que co paso dos anos e cando a situación económica sexa máis favorable, poida volver ao seu lugar. Mentres tanto, quedará a lembranza desa marea laranxa que abarrotaba as carreteras ao paso do pelotón.

Euskaltel-Euskadi durante unha crono por equipos / Fonte: Marca
Portada: The Inner Ring