En memoria de Alexandre Bóveda
O 11 de agosto de 1945 podíase ler nas páxinas de El Orensano, diario gallego en Buenos Aires:
“El 17 de agosto de 1936 fue fusilado el gran Alejandro Bóveda. Esta fecha quedó consagrada por el pueblo gallego como Día de los Mártires Gallegos. En este día recordamos y veneramos a todos nuestros mártires, los del pasado y los del presente. Ellos, como tan certeramente dijo el Presidente del Consello de Galicia, el maestro Castelao, “constituyen el sagrado e indisutable Plebiscito consagratorio de la voluntad de Galicia a regirse por si misma””
O sábado pasado cumpriuse outro día dos Mártires Galegos. Hai apenas uns días, fixo 77 anos a infame lembranza do fusilamento en Pontevedra do militante galeguista Alexandre Bóveda, “Lexandre” como lle chamaba a súa xente. Un home bo, traballador, solidario, profundamente cristián, inequivocamente demócrata e desacomplexadamente galego. Caeu abatido polas balas no monte da Caeira, en Poio, por ofrecer pacífica resistencia á sublevación militar do xeneral Franco e, sobretodo, por traballar en pos do benestar e prosperidade do seu país, Galicia.
O home
Alexandre Bóveda Iglesias nace en Ourense o día 7 de xuño de 1903, bautizado na Igrexa de Santa Eufemia, no Centro da mesma Auria. Os seus primeiros anos desenvólvense nun entorno humilde no que o pai, Xoán Bóveda, traballa de carpinteiro e a nai, Luisa Iglesias, destaca polos seus labores de costura. O traballo de ambos serve para soster o fogar da Rúa da Barreira no que moran xunta os seus sete fillos, dos cales apenas catro sobreviven: Xenoveva, o propio Alexandre, Vicente e Pilar. Bóveda fai as súas primeiras letras na Escola Anexa á Normal –onde aprende castelán- e iníciase desde moi novo, no centro Hermanos Villar, no estudo da contabilidade, da peritaxe e do francés.
O histórico galeguista críase no Ourense de principios de século XX
Cunha nai moi preocupada pola educación dos seus pequenos, fai parte tamén de varias actividades culturais e deportivas. Alexandre aprende o solfexo na banda de música do concello e dá uns primeiros pasos como tenor no Orfeón da Unión Ourensá. É proximo ao ambiente dos Centro Católico de Obreiros, onde asiste a aulas de debuxo, gusta da natación e, sobretodo, do fútbol facendo parte de equipos como o Royal, o Galicia e o Remedios F.C.
O histórico galeguista críase no Ourense de principios de século XX, unha vila de apenas 10.000 habitantes que se relaciona estreitamente co resto do concello, de natureza rural. A febleza do movemento obreiro é axiña suplida polo agromar do agrarismo, verdadeira cultura social e política na que se move a familia Bóveda Iglesias e, por descontado, Alexandre. Anos adiante, nas súas parolas cos compañeiros galeguistas, Bóveda lembraba as súas repetidas lecturas d’O Tío Marcos da Portela, de Lamas Carvajal, e d’O Catecismo do Labrego, obras que o seu pai conservaba na casa. Da mesma maneira, o ambiente de efervescencia agrarista daquel Ourense faino medrar na admiración a Basilio Álvarez, crego dirixente de Solidaridad Gallega.
Porén e malia as súas inquedanzas culturais, Alexandre vese condicionado polas exixencias da súa formación. Vai compaxinando os seus estudos de peritaxe por correspondencia cun modesto traballo como ensinante no mesmo centro Villar do que fora alumno. Con 17 anos e tras reprobar o exame para o título de perito mercantil, resolve coller camiño de Madrid para se presentar a unhas oposicións da Facenda do Estado. Sen máis bagaxe ca unha vella maleta de cartón, unha pouca roupa e uns cantos libros emprende a viaxe en tren cara o chamado rompeolas de las Españas.
Durante a súa estadía de poucos meses na capital de España, Bóveda alóxase nunha modesta pensión propiedade de galegos. Liberado das aulas das mañás polos instructores da Academia na que prepara as oposicións, pasa o tempo na biblioteca do Ateneu de Madrid. No pazo da rúa do Prado, Bóveda devoraría os principais autores españois no campo da facenda pública, reparando especialmente naqueles con referencias á terra estrañada, como Colmeiro ou González Zúñiga. No en tanto, Bóveda entraría tamén en contacto coas teorías económicas de novos e prometedores autores europeos, entre os cales despuntaba na altura John Maynard Keynes.
Sen máis bagaxe ca unha vella maleta de cartón, unha pouca roupa e uns cantos libros emprende a viaxe en tren cara o chamado rompeolas de las Españas.
O resultado de tan intenso cultivo intelectual sería un inxente coñecemento sobre os asuntos económicos e sobre a administración da facenda pública. Ese saber veríase posteriormente reflectido no proceso de elaboración do Estatuto, mais, de xeito máis inmediato, valería a Bóveda para obter o primeiro posto da vaga opositora á que concorría. O éxito de Alexandre nas oposicións de contabilidade chegou ao que, naquela altura, era Ministro de Economía da ditadura primorriverista, o tudense Calvo Sotelo.
Así, Bóveda encamiñouse cara a morada de Segundo Biempica, secretario particular de Calvo Sotelo. Biempica fíxolle a oferta a Bóveda de ocupar un posto na Comité de Intervención de Cambios para deter a crise da peseta que, evidentemente, estaría notablemente mellor considerado e remunerado do que o seu posto de auxiliar de contabilidade en Ourense. O ourensán, nun primeiro xesto de sacrificio por Galicia, rexeita a oferta. As razóns explicáballas aos seus compañeiros de residencia na mesma pensión:
“Me vuelvo a Galicia, mi tierra. No van a nombrarme para otra cosa que no sea mi modesto destino en Hacienda, y aunque así no fuera, no aceptaría nada de esta Dictadura. Basta que lo sea para que a mí no me guste, con perdón de sus partidarios de buena fe. Tampoco, y me disculparán los madrileños, si los hay, me gusta Madrid para quedarme. ¡Tan lejos estoy de hacerme primorriverista como madrileñista!“
Volta a Galicia, formación e compromiso co país.
Bóveda volta a Ourense en 1922 como auxiliar de contabilidade e alí retoma a súa anterior vida civil. Alterna o seu emprego de funcionario e como formador no centro dos irmáns Villar coa participación na vida comunitaria do Ourense da época. Volta a participar en actividades culturais, sendo especialmente próximo ao Círculo Católico Obreiro e colaborando co xornal agrarista La Zarpa. Neses mesmos anos Bóveda enchóupase de galeguismo de xeito crecente, nunha cidade que se converte en berce do pensamento nacionalista. Através das lecturas da revista Nós e da súa amizade cos integrantes –Otero Pedraio, Vicente Risco e Florentino Cuevillas- do cenáculo ourensán, Bóveda adquire a formación galeguista da que se vira anteriormente privado polas exixencias dos seus estudos.
Catro anos despois da súa chegada a Ourense, en 1926, gaña novamente unha vaga de oposicións a Xefe de Contabilidade de Facenda e marcha destinado a Pontevedra. Na cidade do Lérez mantén a vida civil que levaba en Ourense. Realiza excursións polo río, participa da vida deportiva no Eiriña e fai parte da Coral Polifónica. Sería nesta última onde coñecería a súa futura dona: Amalia Álvarez Gallego, “Choliñas” como se refería a ela agarimosamente. Moceando con ela desde 1927, casan finalmente o 20 de outubro de 1930 e instálanse a vivir en Poio. Aló formarían unha familia de cinco fillos: Xela, Alexandro, Xosé Luis, Loli e, xa póstuma, Amalia.
O Bóveda pontevedrés revélase como un home dunha actividade intelectual frenética, afeito a arremangarse e a traballar sen descanso. Nos primeiros anos da súa nova vida en Pontevedra, alén do seu emprego funcionarial, dedícase á dirección provincial da Caixa de Aforros de Pontevedra (deica 1931), é contador na Coral Polífonica (até 1933) e pon a funcionar a contabilidade da Misión Biolóxica, que se traslada desde Santiago. Á parte de todo iso Bóveda amplía coñecementos lingüísticos e económicos, mellora o seu inglés, estuda dereito mercantil e preocúpase por cuestións económicas específicamente galegas.
É durante a súa vida en Pontevedra cando o compromiso co nacionalismo organizado se formaliza definitivamente. Na Boa Vila de finais dos anos 20 conflúen toda unha serie de personalidades galeguistas: Lousada Diéguez, impulsor do agrarismo católico e galeguista; Castelao, que non precisa presentación; ou o vello profesor Filgueira Valverde e Valentín Paz Andrade. Bóveda introdúcese, máis unha vez, nos círculos galeguistas, desta vez a raíz dun requerimento do Seminario de Estudos Galegos, para participar na elaboración dun anteproxecto de Estatuto, encargado da parte relativa á Facenda.
Alexandre Bóveda, o motor do galeguismo.
Se hai algunha descrición de Bóveda que sexa especialmente coñecida esa é aquela na que Castelao o sinala como o motor do Partido Galeguista. A aterraxe de Bóveda na militancia activa prodúcese a finais da década dos 20 e comezos dos 30, no contexto de ebulición política que provoca a queda da Ditabranda e a chegada da II República española.
A súa formación económica, moi influída por Keynes, o seu pouso cristián e agrario lévano a se introducir, sen volta, no grupo galeguista de Pontevedra e en Labor Gallega.
O frenetismo da súa actividade profesional mantense durante esta época. Formara unha ampla familia que precisaba, para o seu sostemento, ingresos adicionais aos que lle fornecía o seu salario como funcionario. Traballa, así, de mestre ou auditor de empresas, mais atopaba aínda tempo para lle dedicar á política. Era xa relativamente coñecido nos círculos galeguistas cando, o 6 de decembro de 1931, se funda en Pontevedra o Partido Galeguista.
Ese 6 de decembro Bóveda convértese en Secretario de Organización e asume a tarefa de converter a organización nun partido de masas. Bóveda cumpre cos seus deberes de xeito excepcional. Desprazáse a calquera punto da xeografía galega onde se existe un reducido grupo de galeguistas, por moi pequeno que fose. Unha vez alá, alentaba os simpatizantes, explicáballes as razóns e verdades do credo galeguista e ensináballes a ampliar o grupo, co obxectivo definitivo de crear non unha clientela política máis, senón unha masa de homes e mulleres ao servicio de Galicia. Os resultados foron incontestables: o Partido pasou de 700 afiliados en 1931 a 5.000 en 1935.
Naquela altura, moitos dos seus días decorren polas rúas empedradas de Compostela, onde se reunía a comisión de redacción do Estatuto de Autonomía da que Bóveda era, tamén, peza indispensable. Non son poucos os días nos que toma o último tren a Pontevedra e chega á casa xa na noite pecha, mais o labor sen dúbida pagaba a pena. Coa inestimable axuda de Rajoy Leloup, avó do actual Presidente español, Bóveda conduce o deseño da carta de goberno galega na compaña doutros destacados xuristas da época. Porén, a súa actividade proestatutaria tamén require de saídas de campo.
O exemplo máis relevante é a viaxe que fai a Vigo respondendo á chamada da patronal olívica. O éxito da conferencia –en castelán, tal e como Bóveda se preocuparía de aclarar de xeito excepcional, pola orixe fóranea de moito do seu público- anima a convocatoria doutras tantas polas principais poboacións galegas. A súa presenza é requerida por sociedades agrarias, centros culturais ou multitude de asocacións locais; que amosan un grande interese na proposta galeguista. Porén, o labor máis importante de Bóveda é o desempeñado na Asemblea de Concellos de 1932. Nela o Estatuto obtería o apoio delegados dos concellos, rendidos tras unha intervención de varias horas. Bóveda explicaría o contido fundamental do Estatuto, refutaría as sinceras preocupacións dos antiestatutistas presentes na asamblea e daría a coñecer as virtudes do texto no que tanto tiña traballado.
Lamentablemente, as eleccións xerais de 1933 deparan malos resultados para o Partido Galeguista, que perdería a súa representación en Madrid. Para alén, o novo goberno do Partido Radical de Lerroux, posteriormente completado coa CEDA, recusaría a aceptar o Estatuto de Galicia, concernido pola unidade de España. Finalmente, o proxecto ao que tanto tempo dedicara Bóveda ficaría arrumbado nunha gaveta, á espera de que a situación política fose a adecuada para a súa aprobación.
Desterro en Cádiz e volta á terra.
En 1934, parte da esquerda española érguese, fundamentalmente nas Asturias, contra a legalidade republicana, despois da entrada da CEDA no goberno do Estado. Na represión da revolución, o goberno radical-cedista aproveita tamén para castigar o galeguismo, malia que non tivera nada que ver cunha reboldaina de signo nomeadamente socialista.
Os homes principais do galeguismo sofren o arbirtrarismo do goberno español. Por orde ministerial, Bóveda é enviado a Cádiz encanto Castelao remata en Badaxoz, tal como o de Rianxo narra no seu Sempre en Galiza. Baixo a forma dun traslado forzoso, Bóveda toma posesión do seu cargo en Cádiz o 30 de novembro de 1934 e permanece na cidade andaluza até o 17 de xuño de 1935. Através de traslados, primeiro a Madrid e despois a Vigo, volve a Galicia chegando a ser reintegrado no seu posto en Pontevedra en marzo do 36.
Durante o tempo que o ourensán permanece na cidade gaditana está en contacto constante con Galicia. Escribe frecuentemente á casa en Poio e mantense informado da actualidade do Partido grazas aos compañeiros de militancia. Nas ausencias de Castelao e do propio Bóveda e baixo vixilancia policial, en abril do 35, Bóveda recunca no seu posto de Secretario de Organización e tómase a decisión de procurar unha alianza coa esquerda española de cara á aprobación do Estatuto de Autonomía. Henrique Peinador, Álvarez Gallego e Bóveda fraguan a alianza nunha reunión celebrada en Madrid cos líderes de Izquierda Republicana: Manuel Azaña, o coruñés Casares Quiroga e Marcelino Domingo.
Eleccións, plebiscito e golpe de Estado.
Coa chegada de 1936, o Partido Galeguista celebra en Compostela unha asamblea extraordinaria no mes de xaneiro. Nela, Bóveda toma unha posición intermedia entre a asa conservadora do PG e as teses de Castelao. O motor do PG defende un pacto en Galicia co partido centrista de Portela Valladares e Castelao propugna un pacto coa Frente Popular, sendo esta a proposta triunfadora e que Bóveda acata. Non así unha grande parte dos conservadores que deixan o PG para fundar, agora si, Dereita Galeguista rexeitando pactar cos partidos da esquerda española polo seu anticlericalismo.
Nas eleccións de febreiro do 1936 Castelao resulta electo como deputado pola provincia de Pontevedra. Bóveda, candidato por Ourense, libra unha campaña moi desputada co líder da dereita española, Calvo Sotelo, que ten como cuestión principal a aprobación do Estatuto de Galicia, na cal o redactor goza de vantaxe. Finalmente, Bóveda gaña a súa acta de deputado deixando a Calvo Sotelo sen ela. Porén, tal e como narra Castelao nas páxinas do Sempre en Galiza, a manipulación das actas electorais é acordada entre esquerdas e dereitas españolas coa finalidade outorgar o escano galeguista ao xusto perdedor, Calvo Sotelo. A intención da esquerda republicana era, segundo o expresara o Presidente da Comisión de Actas da República, que Calvo Sotelo puidese ser combatido no parlamento e non na clandestinidade. Malia os recursos presentados Bóveda quedaría finalmente sen lugar nas Cortes do Estado.
Privado da súa condición de parlamentario Bóveda traballa incansablemente na organización da campaña polo “Si” ao Estatuto de Autonomía no plebiscito celebrado o 28 de xuño. O traballo é inxente posto que boa parte da esquerda republicana non honra a promesa de facer campaña polo Estatuto de Autonomía. Xerardo Álvarez, coordinador da campaña no Partido Xudicial de Vigo por orde de Bóveda, recolle unha anécdota sintomática ocorrida no Teatro Malvar de Pontevedra durante un acto polo Si ao Estatuto, cando o representante dos comunistas no mitin conxunto con galeguistas e republicáns, dedica boa parte da alocución a criticar o PG como un partido burgués de minorías selectas. Entre estas desavenencias Bóveda percorre Galicia de acá a acolá, constituíndo comisións responsables da campaña en vilas e cidades, fixando datas dos actos, escribindo el mesmo os discursos dos mítins e, en definitiva, facendo o groso do labor que se traduciría nunha vitoria clara do Si no plebiscito.
Despois do refrendo popular do Estatuto, Anxel Casal –alcalde galeguista de Santiago, tamén fusilado polos militares sublevados- diríxese a Pontevedra para convencer a Bóveda de acompañar a Madrid a comisión encargada de entregar o Estatuto ás Cortes. A decisión do funcionario de Facenda de non aceptar o convite de Casal probaríase como o último erro da súa vida. O fillo adoptivo de Pontevedra rexeita a oferta, alegando que se trataba dun mero trámite burocrático. A comisión parte, pois, sen Bóveda e entrega o Estatuto plebiscitado ao Presidente das Cortes o 14 de xullo de 1936. Apenas catrodías despois e aínda coa comisión en Madrid producíase o levantamento militar en África.
A decisión do funcionario de Facenda de non aceptar o convite de Casal probaríase como o último erro da súa vida.
Últimos días
Mal enterado do estourido da rebelión militar Bóveda preséntase no Goberno Civil de Pontevedra e ponse ás ordes do Gobernador para defender a legalidade republicana e o Estatuto de Galicia. Pasa os días 17 e 18 do mes nese lugar, ata que o día 19 á tarde é detido por un destacamento de militares, a quen non opón resistencia. Baixo pretexto de tomarlle declaración, Bóveda é conducido por un automóbil militar á cadea de Pontevedra. Nos días vindeiros coñecería outras celas en Ponte Caldelas e Caldas de Reis para ser finalmente recluído na Escola Normal de Pontevedra, que funcionaba como improvisada cadea nos días primeiros da revolta militar, e fica á espera de xuízo.
Alí permanece até o 14 de agosto de 1936, día no que se celebra o xuízo no Salón de Actos da Deputación Provincial. O tribunal aplica a Bóveda e ao seu compañeiro, o deputado socialista Guiance Pampín, o Código de Conduta Militar nun proceso sumarísimo de urxencia e carente de toda garantía legal. Despois dos testemuños -febles- presentadas o fiscal solicita para ambos os dous a pena capital, acusando a Bóveda de rebelión contra a autoridade militar –representada polo bando militar do 18 de xullo- e dun delito de traición conforme ao mesmo documento. Segundo o fiscal, Alexandre Bóveda e Pampín, especialmente o primeiro, suprantaran a autoridade gobernativa e deberían, por conseguinte, seren considerados como os reos de partidas en armas. O xuízo remataría coa intervención de Bóveda, que deixaría a máis coñecida declaración de amor patriótico cara Galicia:
“Mi patria natural es Galicia. La amo fervorosamente. Jamás la traicionaría, aunque se me concediesen siglos para vivir. La adoro más allá de mi propia muerte. Si entiende el Tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada la pena de muerte, la recibiré como un sacrificio más por ella. Hice cuanto pude por Galicia y haría más si pudiera. Si no puedo, hasta me gustaría morir por mi Patria. Bajo su bandera deseo ser enterrado, si el Tribunal, en conciencia, considera que debo serlo. Y este agarimo –permítaseme la única palabra gallega que empleo en el idioma que he hablado siempre- que le tengo a la Tierra Sagrada en la que tuve la dicha de nacer, no me obliga a sentir ningún odio a España, a la que por derecho pertenezco. Solamente he combatido sus errores y crueldades para con mi Galicia idolatrada. Nada más.“
O tribunal, aplica a Bóveda e ao seu compañeiro o deputado socialista Guiance Pampín, o Código de Conduta Militar nun proceso sumarísimo de urxencia e carente de toda garantía legal.
Alexandre Bóveda pasa os tres últimos días na súa improvisada cela da Escola Normal á espera de que as xestións do galeguismo para lle conmutar a pena de morte surtan efecto. Unha vez ditada a condena, o seu cuñado Xerardo Álvarez, avogado de profesión, redacta un recurso que fai presentar perante a xustiza militar encanto un grupo de militantes galeguistas parten nun auto cara Burgos coa intención de que algún dos bispos que acompañan a autoridade sublevada interceda polo Secretario de Organización. Máis todos os recursos fracasan e Bóveda remata por aceptar a súa morte. Xerardo Álvarez, no seu Vida, Paixón e Morte de Alexandre Bóveda recolle as palabras que lle dirixe na cadea:
“Co meu sacrificio, xa non rirán de nós, como tantas veces nos pasou. Xa non van pensar máis que somos rapaces que andamos xogando á política! Non crerán que a Autonomía é un pretexto para medrar ou unha cousa que non fai falla para ren! E, os que como os comunistas nos xulgan unha “minoria seleita de burgueses que queren divertirse teorizando” xa non falarán tan lixeiro dos galeguistas que queremos ser pobo.”
Lexandre pasa a súa derradeira noite a ler versos de Rosalía. Ás catro da mañá os militares trasládano á cadea común, onde fora detido por primeira vez, e recibe as visitas de parentes e amigos máis íntimos despois de ser confesado. Xunto a eles reza na última misa e, unha vez finalizado o servizo, redacta tres cartas cuxa lectura resulta hoxe especialmente conmovedora. A dirixida ao seu irmán Vicente reza como segue:
Madrugada do 1.936
Querido Vitín:
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben. Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fágoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname. Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai. Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas aínda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre.
P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós.
-ás 5 e ¼
Apenas horas despois de tales letras o asubío dos disparos rachaba o silencio da mañá no Monte da Caeira e as balas afundíanse no peito de Alexandre Bóveda Iglesias, galego, cristián, pai e esposo. Morría perdoando. Convertíase, para a eternidade, en símbolo do amor fraterno e do amor por Galicia.
In memoriam.
Para saber máis:
Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, Edicións Nós, 1972.
Alexandro Bóveda (Colección Hombres que Hicieron Galicia), Xose María Álvarez Blázquez, Banco del Noroeste 1982.
A Galiza de Bóveda, Actas do Congreso; Fundación Alexandre Bóveda, 2003.