Dublín: dirty old town

 

                                                                                                        “Clouds a drifting across the moon

                                                                                                     cats a prowling on their beat

                                                                                                          spring’s a girl in the street at night

                                                                                                           dirty old town”

Todas as mañás amence cedísimo nesta cidade na que todas as cúpulas son verdes. Na cidade das churchs en todas e cada unha das esquinas ( hai máis de 140 igrexas). Na cidade das pontes e dos parques, dos músicos da rúa e de Molly Malone. En Dublín amence demasiado cedo. Amence nas casas e nos xardíns. Tamén amence nos albergues a través das xanelas. En camas con resortes que traen á memoria aquel conto da princesa e o chícharo.

Dublín non é grande. Tampouco pequena. Mais pódese ir camiñando a case calquera parte da cidade. Paga a pena camiñala. Descubrila a pé. Observala cara arriba, cara abaixo e cara os lados. En cada recuncho atopas algo. Cando non é un monumento, edificio, ponte, parque ou museo, é unha persoa. Pregúntanche se estás perdida. Pero  tamén o que estudas, de onde es, en que falas… Poderíase dicir que aos irlandeses, a moitos polo menos, gústalles falar.

CIMG6139

O máis aconsellábel para descubrir a cidade é dividila en tres zonas: sueste,  suroeste e norte do Liffey (o río que a atravesa). Non precisas máis dun día, iso si completo, para ver cada unha delas. As tres teñen o seu encanto, a súa propia esencia.  O sueste constitúe o verdadeiro corazón de Dublín. Nesta zona destacan as fachadas do Bank of Ireland, a  que foi  sede do primeiro parlamento irlandés até a súa disolución no ano 1800, e a do Trinity College, universidade que até os anos setenta non admitía  estudantes católicos e que tivo entre os seus alumnos ao Premio Nobel de Literatura, Samuel Beckett. Na súa antiga biblioteca atópase a arpa máis antiga de toda Irlanda; e no seu Tesouro o “Libro de Kells,” unha especie de Códice Calixtino irlandés, o manuscrito máis decorado de todos os exemplares medievais de Irlanda. Grafton Street chea de tendas, hoteis, restaurantes e músicos dá vida a esta parte da cidade. Nela tamén podes atopar  St Stephen’s Green, un dos moitos parques da cidade.  Así como Merrion Square, unha especie de praza – xardín onde está a afamada escultura de Oscar Wilde. Mansion House, residencia do alcalde, e os Government Buildings, de estilo neoclásico, tamén están no sureste da cidade, que ademais alberga o National Museum (de arqueoloxía e historia), o Natural History   Museum e a National Gallery coa escola irlandesa, a francesa, a inglesa, española, entre outras, nas súas galerías.

Docklands

Docklands

Dublín non é grande. Tampouco pequena

O suroeste acolle algúns dos edificios máis antigos de todo Dublín. A Christ Church Cathedral é un deles. Supón a catedral máis antiga do país con varios estilos arquitectónicos. O pórtico é románico e os arcos da nave central góticos. Xustamente é unha das paredes desta nave a que está desprazada 50 cm debido ao afundimento do terreo,  un feito que se pode apreciar a simple vista. A St Patrick’s Cathedral, por outra banda, é a maior de Irlanda. Construída no lugar no que san Patricio bautizaba aos conversos, sufriu ao longo da súa historia un gran número de reformas en gran medida por mor de incendios, profanacións e abandonos. Outro dos edificos máis antigos  do suroeste de Dublín é o Castelo da cidade, que coas súas solemnes salas actualmente é destinado a diversas recepcións do Estado. Preto do castelo atópase o City Hall, o concello, como non, de cúpula verde. E o Temple Bar, centro cultural e artístico, que constitúe unha das zonas máis atractivas non só do suroeste de Dublín senón de toda a cidade.

CIMG6136

Por volta do ano 1600, sir William Temple mercaba os terreos que se achaban xunto ao río Liffey, dándolle deste xeito parte do seu nome. O de Bar vén debido a súa localización,  significa sendeiro xunto ao río.  Temple Bar sufriu etapas de decadencia, converténdose  nunha zona lánguida e deprimida, mais co tempo comerciantes e artistas fóronse asentando nel e mudándoo. Na actualidade é unha zona repleta de  galerías de arte, coma Temple Bar Gallery and Studios, unha antiga fábrica, ou a Graphic Studio Gallery onde se poden mercar pinturas.  Tamén destaca a Gallery of Photography, a única do país dedicada de xeito exclusivo á fotografía. E o Irish Film Institute,  sen dúbida algunha o maior proxecto cultural do Temple Bar. Fundado en 1992 proxecta nas súas dúas salas filmes de culto, cinema de autor e documentais. Igualmente organiza seminarios, obradoiros e mesmo ciclos sobre diferentes directores, temas… As rúas do Temple Bar están ateigadas de músicos de todos os estilos, de xente que vende arte e de tendas vintage. Tamén de pubs, a maior parte deles con música ao vivo practicamente case todos os días. Moi preto desta zona, en St. George Street está o mercado máis antigo de toda Irlanda e Europa, onde se pode  mercar roupa, xoias e libros de segunda man.

No norte do Liffey, do outro lado do río, está O’ Connell Street, unhas das rúas máis coñecidas de Dublín. Durante a loita pola independencia do país, a comezos do século XX, ficou derruída case na súa totalidade. En 1916 no Alzamento de Pascua, momento no que se aproveita a debilidade de Inglaterra combatente na I Guerra Mundial, proclámase a independencia desde a Oficina Central de Correos e por mor da brutal represión moitos edificios desta rúa remataron en ruínas. De feito, na actualidade, da Oficina de Correos só se conserva a fachada. O norte do Liffey garda moitos pequenos referentes da loita pola independencia. No ano 1921, os partidarios do Sinn Féin (partido independentista) celebraron a súa vitoria electoral prendéndolle lume a Custom House, edificio de estilo neoclásico, que na época era símbolo do imperialismo británico. Garden of Rembrance é outro referente. Un pequeno parque homenaxe a todos os homes e mulleres que morreron loitando pola liberdade de Irlanda.  Nel áchase unha escultura que representa aos fillos de Lir, rei lexendario, no momento no que son convertidos en cisnes pola súa madrasta debido aos celos que por eles sentía. En O’ Connell Street tamén está a estatua do novelista máis coñecido de Irlanda, James Joyce. E non moi lonxe, o James Joyce Cultural Centre, un pequeno museo que non paga demasiado a pena agás para grandes lectores do autor.  Alén das innumerábeis igrexas que nesta zona hai, tamén abundan unha gran cantidade de edificios de estilo neoclásico, coma o King’s Inns e Four Courts.

Unha vez en Dublín merece moito a pena achegarse a Howth

Seguindo o río cara o oeste áchase o parque urbano máis grande de Europa. O Phoenix Park. Con máis de 700 hectáreas é un refuxio en liberdade para cervos e nel están as instalacións do zoo da cidade. Neste parque tamén se atopan as residencias oficiais do presidente do país e do embaixador dos EUA. É visita obrigada para todos aqueles e aquelas que viaxen á cidade. Non moito antes de chegar a este inmenso parque está a Guinness Storehouse, situada nun almacén da fábrica do século XIX. Nela pódese coñecer como é  o proceso de fabricación desta cervexa e á fin da visita “convídante” a unha guinness no punto máis alto do antigo almacén, un auténtico miradoiro da cidade.

Unha vez en Dublín merece moito a pena achegarse a Howth. Unha pequena vila pesqueira cunha costa e uns acantilados realmente fermosos que só se acha a uns escasos  vinte minutos en tren de Dublín centro. Mais se de acantilados se trata o mellor é ir até os Cliffs of Moher. Situados no oeste do país, os acantilados de Moher son os máis afamados deste país cheo deles.

Dublín, en particular, e Irlanda, en xeral, deixan un moi agradábel sabor de boca. As súas rúas, as súas pontes, os seus parques e igrexas, pubs e mercados, a súa xente e a súa música sempre agradan. Ai dirty old town

http://www.youtube.com/watch?v=kVUZuVZWHkk