Cara a cara: Madrid 2020

A favor: Gonzalo Da Cuña

Din que a terceira sempre vai á vencida, e en setembro deste ano o COI pode elixir a Madrid como sede dos Xogos Olímpicos de 2020. E creo, aínda que algúns sigan enganados como o señor Rodríguez, que esa sería unha marabillosa noticia para o deporte español e todo o que o arrodea.

Tódalas as candidaturas olímpicas de Madrid foron criticadas. Quizais en tempos de crise lanzarse á carreira por un evento deste calibre non foi a decisión máis axeitada, pero agora mesmo con toda a inversión practicamente realizada e con case tódalas instalacións rematadas, a candidatura actual parece tan lóxica como necesaria. De que serven todos os gastos noutros intentos se non lograches o obxectivo final que che aportaría beneficios? Para nada.

De que serve toda a inversión realizada nos outros intentos se non lograches o obxectivo final que che aportaría beneficios?

Madrid 2020 aportaría visitantes nese verán e no futuro, xa que os Xogos Olímpicos son un escaparate incomparable para a promoción do país e a cidade organizadora deste evento. O legado que deixa unha Olimpíada é moi importante, e non hai máis que mirarse no espello de Barcelona 92.

Deixando de lado temas económicos, un evento deste calibre tamén suporía un impulso para o deporte español. A crise tamén chegou ao deporte, especialmente ao minoritario, e grazas a uns Xogos Olímpicos na casa poderíase actualizar e mellorar o sistema de axudas e desenvolvemento de deportistas. O Plan ADO, implantado no ano 1988 de cara á Barcelona, necesita unha mellora e unha renovación que só chegará se en 2020 o lume olímpico prende en Madrid. Se iso non sucede, os políticos acabarán desviando a mirada e esquecéndose dun deporte que nalgúns ámbitos está morrendo.

Por último, Madrid 2020 xeraría numerosos postos de voluntarios e tamén de traballo, incluíndo algúns nesa marabillosa profesión chamada xornalismo deportivo da que ti e eu, querido Roi, queremos vivir.

©EFE

©EFE

En contra: Roi Rodríguez

Querido Gon, sei que o teu amor polo deporte te cega, mais o tema dos Xogos Olímpicos reúne moitos máis factores: o país está peor ca nunca, a situación económica e social roza o desastre, os recortes en educación e sanidade son continuos e cinco millóns de persoas seguen paradas. E aínda así defendes que se celebren aquí uns Xogos Olímpicos? Noutro momento histórico claro que eu tamén desexo poder ver o maior acontecemento deportivo en directo, máis agora non pode ser. E é que os Xogos Olímpicos son deficitarios por natureza. Salvo Los Angeles 1984 todos provocaron perdas millonarias, sendo os celebrados durante o século XXI os de peor bagaxe económico. Estímase o déficit de Londres nuns 1.000 millóns de euros, Pequín non sabe que facer coa maioría das instalacións e Atenas segue pagando hoxe en día o despropósito dunhas Olimpiadas en Grecia. Incluso se miramos a Italia, un dos PIGS xunto a España, xa hai tempo que con razón se borrou desta carreira polos Xogos por consideralo un proxecto “fiscalmente irresponsable”.

Os Xogos Olímpicos son deficitarios por natureza. De feito, estímanse as perdas de Londres en máis de 1.000 millóns de euros

E o peor é que no propiamente deportivo a situación española non é para nada mellor. Deixando de lado os populistas lemas como “Soy español, a qué quieres que te gane” e a defensa dos ídolos hispanos por riba de todo (incluso dos dopados, como Contador ou Marta Domínguez), os problemas acumúlanse en tódolos ámbitos: un deporte de base sen recursos para crecer, deportes minoritarios sen axudas, equipos que desaparecen, amaños de partidos sobre os que non se fai nada, corrupción nas altas esferas… Non pode ser que Mireia Belmonte ou David Cal teñan que adestrar no estranxeiro por falta de recursos e ó mesmo tempo España gaste millóns en construír unhas instalacións que tralos Xogos Olímpicos quedarán sen uso.

Deportes minoritarios sen axudas, equipos que desaparecen, amaños de partidos, dopaxe… e aínda queremos organizar os Xogos Olímpicos? Antes de traer invitados un debe limpar a súa propia casa

Eses son os problemas de España sen entrar aínda no da dopaxe, un mal maior e ocultado ó máximo nos últimos anos no noso país, con casos como a Operación Galgo ou Puerto, da cal hai pouco que vivimos un dos xuízos máis lamentables da democracia española.

Polo tanto, agora mesmo o deporte en España pode tomar dous camiños: apostar por uns Xogos Olímpicos en Madrid 2020 (para os cales xa poderá volver exercer Eufemiano Fuentes, como en Barcelona 92), acabar cos deportes minoritarios e dinamitar economicamente o país ou darse conta do desastre económico que provocaría traer os Xogos a España e da necesidade dun lavado de cara no deporte nacional. Porque por moito traballo que xere Madrid 2020, eses postos serán temporais, ó igual que a atención mundial a España. Logo, no desastre, nin o futuro Bolt nin o futuro Phelps axudarán ás familias a que saian adiante nin ós pequenos equipos a que sobrevivan.