Cara a cara: Débense publicar os rostros das vítimas de Angrois?
A favor: Jorge Pan
Nelson Mandela pasou 27 anos na cadea. Un cachalote pode chegar a pesar 57 toneladas. Roncesvalles está a 708 kilómetros de Compostela. A maioría de vós, lectores, permaneceriades indiferentes ante esta sucesión de números que non din absolutamente nada. A mente humana, a pesar do empeño dos matemáticos, é moito menos sensible ós guarismos do que o é a outras plasmacións do seu significado. Unha autobiografía do Madiba na que conte as penurias do seu interminable cautiverio, a impresión que produce ver a poucos metros un cetáceo tan inmenso coma o cachalote ou o cansancio que nos aborda á décima xornada de Camiño dende Roncesvalles nos fan percibir con moita máis claridade o que se esconde detrás das opacas cifras coas que comezaba esta reflexión.
É polo mesmo motivo que defendo a publicación das historias humanas detrás da catástrofe ferroviaria de Angrois. Non eran 79 DNIs: eran 79 persoas cunha vida, uns soños e unhas esperanzas que descarrilaron ese fatídico 24 de xullo na curva da Grandeira. Se aspiramos a que o xornalismo conte historias, que vaia máis alá das declaracións oficiais, as cifras e as estatísticas, temos que asumir que parte desas historias serán dramáticas e que non por tanto hai que escondelas. Gracias a elas, persoas como Carolina Besada ou Carla G. Vaquera deixaron de ser para nós tan só unha identidade baleira. Toda España, agora, se solidariza coa dor destas dúas familias e doutras 77 das que, dun ou outro xeito, xa formamos parte.
O respecto ás familias ha de ser proverbial
Que non se me malinterprete: non defendo que se reguen as páxinas dos xornais de sangue e bile, como moitos medios fixeron nos días que seguiron á catástrofe. O respecto ás familias ha de ser proverbial, polo que os corpos ensanguentados nas portadas dos diarios están totalmente fóra de lugar. Pero pódese contar sen chegar ó repugnante amarelismo. En troca, o puritanismo que defende o meu benquerido Darío reduce ós lectores a meniños ós que lles hai que ocultar tódalas historias negativas. De triunfar esas tendencias, os nosos medios se convertirían nalgo tan aséptico, insensible e artificial como recompilacións de balances de cifras e valoraciones oficiais. Sen dramas,pero tamén sen humanidade.
En contra: Darío Domínguez
Teño a impresión de que, ás veces, os xornalistas non temos a menor idea de que os instrumentos que temos entre mans ao lanzar a información de determinado xeito poden causar un dano moito máis grande do que cremos. Esta capacidade para provocarlle dor a determinado lector é algo que só cando o vivimos desde a perspectiva do público somos quen de cuantificar. Este é o caso das fotos das vítimas de traxedias coma a do outro día. Cada información do estilo “As vidas tronzadas polo accidente” coas caras dos falecidos facíame pensar na historia que había detrás de cada unha delas. Non nos que marcharon e son agora carnaza para vender xornais ou encher minutos de televisión, senón nos que quedan padecendo a dor pola súa perda.
Entregarse ao morbo pode ser moi goloso
Desgrazadamente, por circunstancias persoais puiden ser consciente disto. Podo asegurar que se dolorosa, aínda que necesaria, é a información sobre o suceso, as imaxes son sempre peores e moitas delas rara vez aportan algo de interese á información. É por isto que coido que se debería ter un gusto moi escrupuloso no momento de pensar se se deben publicar os restos dos vehiculos aínda manchados de sangue, os corpos tapados con mantas ou a historia dos falecidos, cunha foto extraída do seu perfil de Facebook e un texto que diga “estudaba xornalismo e era moi querido na súa vila e pola súa familia”. Entregarse ao morbo para vender pode ser moi goloso, pero coido que os medios de comunicación que aspiren a ser considerados serios deben controlar este tipo de impulsos.
Outra das polémicas foi a relativa ás listas de falecidos, e iso creo que é outro debate que se debería abordar á marxe. Neste caso considero que si que é información que se pode, e incluso se debe, difundir, pois quizá esta sexa a única que poidan ter moitas persoas para enterarse de que un coñecido falecese se non ten contacto directo coa familia ou non sabía que podía ter estado no tren.
En resumo, e para deixarlle paso á opinión do lector, creo que os medios deben poñer o límite en ofrecer información de interese para o lector e na que tamén se teña en conta os momentos que poidan estar a vivir as vítimas.