Camiñando cara o pasado

Os Xogos Olímpicos de Moscú (1980) serviron para dividir o mundo un pouquiño máis. Eran os tempos da Guerra Fría, así que a elección da capital da Unión Soviética como sede da XXII Olimpíada non gustou demasiado no mundo capitalista. Moscú venceu na elección a Los Ángeles, algo que foi premonitorio do que pasaría seis meses antes de prender a chama olímpica. Estados Unidos, argumentando que a presenza de tropas rusas en Afganistán era unha invasión, decidiu non asistir á competición. A esta medida sumáronse varios dos aliados, participando simplemente oitenta países. Eran outros tempos, que por desgraza onte tivemos que recordar observando os Mundiais de Atletismo.

Onte tivemos que recordar outros tempos, aqueles da Guerra Fría onde se desputaron os Xogos do boicot en Rusia

O reloxo marcaba as sete e media da tarde no Luzhniki, o Estadio Olímpico dos Xogos do boicot, e dende España moitos seguíamos con interese a proba do salto de altura. Ruth Beitia estaba preto de sumar unha medalla, pero o realizador prefería mostrar planos da cámara de chamadas, repeticións coa cámara “slow motion” ou simples cerimonias insulsas; calquera cousa antes de ofrecer o salto definitivo de Emma Green que decidía o bronce. Un servidor, por aquilo da deformación profesional, leva unha semana criticando amargamente a realización. Por desgraza, exceptuando a pértiga feminina e a altura masculina, ningún concurso se puido seguir dunha forma emocionante grazas á ela. Polo tanto, o de onte non parecía máis que outro logro dun realizador con ganas de restar emoción aos mundiais. Horas despois, descubrimos que a culpa por un día non era del.

As uñas da discordia de Emma Green durante a calificación ©24 horas

As uñas da discordia de Emma Green durante a calificación | ©24 horas

Rusia ten algunha leis un tanto estancadas, entre elas a da prohibición da propaganda homosexual en espazos públicos. Durante este Mundial de Atletismo, e cos Xogos de Inverno de Sochi na mente de todos, moitos atletas criticaron esta lei mostrando certos símbolos en apoio ao colectivo homosexual. Unha delas foi Emma Green, que apareceu na clasificación de altura coas uñas pintadas coas cores da bandeira homosexual. A atleta sueca recibiu criticas e eloxios, pero no día de onte recibiu unha ameaza de sanción por parte da Federación Sueca e da IAAF. O motivo era que as súas uñas eran un símbolo, algo prohibido nestas competicións. Green, acatou a decisión e pintou as uñas de vermello.

A realización non mostrou ningún salto de Emma Green, xa fose en directo ou diferido, e iso que as uñas da atleta xa non eran un símbolo

Co asunto solucionado comezou a final de altura, dentro da cal a realización non mostrou ningún salto de Emma Green, xa fose en directo ou en diferido. Se o símbolo xa fora retirado, ¿por que non se viu á sueca saltar en ningún momento durante a final?. De feito, a atleta estivo a punto de lograr unha medalla de bronce. ¿Que faría a realización se isto sucedera? Igual, conformaríase cun pequeno rótulo onde diría que Green saltara dous metros e lograra a medalla de bronce. Posiblemente, as ordes da realización chegaron dende arriba, vivindo un triste episodio por parte das institucións do atletismo que tamén se atopan algo estancadas no pasado. A imaxe de Rusia quedará danada por actos así e algúns seguiremos pensando que hai xente que prefire camiñar cara atrás, como os cangrexos, nunha actitude que é de todo menos intelixente.