A Europa dos pobos

Hai un ano realicei unha viaxe á Bretaña Francesa da man da irmandade que ten a miña vila coa comarca de Guerlédan. Por aquí no verán non hai moito que facer, o sol pega forte e a praia está lonxe, así que non foi moi difícil decidirse a facer as maletas e lanzarse de cabeza a catorce horas de autobús para coñecer aos irmáns galos.

Malia que o mal tempo nos acompañou ata o derradeiro día, a viaxe foi moi entretida, non o podería negar. Os franceses resultaron ser xente moi simpática, e servizal, e logo de cinco días nos que coñecemos un pouco da súa sociedade e cultura, voltamos para a casa con sabor a pouco e ganas de máis. Iso foi o que a min —como a moitos galegos— me animou a acoller este ano aos bretóns na casa, e me fixo interesarme por este tipos de asociacións.

A idea de tódolos pobos de Europa unidos, traballando como irmáns, pode asemellar bucólica, e mesmo pouco recomendable —por aquilo de perder a nosa identidade—; pero a min resúltame cativadora.

Resulta que as irmandades foron ideadas polo Consello de Municipios e Rexións de Europa —CMRE— logo de rematada a Segunda Guerra Mundial, e comezaron a ter o apoio do Parlamento Europeo alá por 1989. Dende a Unión Europea entenden as irmandades como un “instrumento útil para facer comprender mellor aos cidadáns os obxectivos da Unión Europea, para fortalecer o sentimento dunha identidade europea e para achegar aos cidadáns”. Cada ano, estímase que se destinan a estas irmandades entre 11 e 13 millóns de euros a repartir entre as máis de 20.000 asociacións —é dicir, cando menos 40.000 vilas participan neste proxecto—, e mesmo se premia anualmente ás mellores coas “Estrellas de Oro”.

Despois disto, pareceron cobrar algo de sentido todas as conferencias e os discursos políticos que nos deron durante a semana de irmandade —ao principio admito que non acababa de entender que facían os alcaldes e delegados dos gobernos de Mûr-de-Bretagne e Sarria dándonos a chapa estando de vacacións—. Así que este ano, cando chegaron os franceses, as charlas sobre o Camiño ou sobre os dereitos dos cidadáns europeos xa me encaixaban en todo o contexto, e a presenza de autoridades bretoas semellaban estar desta volta máis xustificadas. Porén, non foron os poñentes das conferencias, nin ningún dos políticos, os que falaron dos fundamentos das irmandades. Eles repetiron ata a saciedade a súa intención de seguir “apoiando este magnífico proxecto”, animáronnos a seguir participando del, agradeceron aos presidentes das asociacións o seu traballo, e pasaron o micro.

A irmandade Guerlédan-Sarria no Pazo Baión. Foto: Lucía R. Campo

A irmandade Guerlédan-Sarria no Pazo Baión. Foto: Lucía R. Campo

Foi o presidente da asociación en Mûr, Philippe, o que expuxo a verdadeira esencia destas irmandades. Con ese ton que só se pode usar se se fala en francés, lanzou por primeira vez a fermosa idea de “l’Europe des peuples” —a Europa dos pobos—. Como expliquei máis arriba, a iniciativa desta irmandades xurdiu do CMRE ao remate da guerra. E é aquí a onde se remonta Philippe. A idea primordial destas asociacións non era estimular o ocio ou as viaxes internacionais; o que se pretendía era levar aos cidadáns a coñecer a cultura e ideoloxía dos seus veciños, para así favorecer e contribuír a unha mellor comprensión das mesmas. E todo cun fin moi definido: previr posibles guerras como a que acababa de asolar Europa debido ao fanatismo duns, e o descoñecemento de outros.

A idea de tódolos pobos de Europa unidos, traballando como irmáns, pode asemellar bucólica, e mesmo pouco recomendable —por aquilo de perder a nosa identidade—; pero a min resúltame cativadora. Non dende o punto de vista político, senón do social. Máis de vinte países distintos, mesmo con sociedades distintas dentro de cada un, funcionando coma un só, enriquecéndonos e aprendendo uns dos outros. Nunha semana de irmandade, bretóns e galegos conversamos sobre decenas de cousas distintas —dende debates entre centralistas e rexionalistas, ata discusións entre os partidarios da música electrónica e os que preferían o pachangueo, pasando por se á manteca se lle botaba sal ou azucre—. Só nunha semana. Imaxinade o que se conseguiría a longo prazo…

E deixando a un lado o “politicamente correcto”, non podo rematar sen antes falar do marabillosamente ben que o pasei e do enriquecedor que foi a nivel persoal —ademais de estar moi, moi ben de prezo—. Interactuar con persoas con diferentes ideas, costumes e mesmo idades foi fascinante, e animo a todo aquel que teña a ocasión de formar parte desas irmandades a que non deixe pasar a oportunidade.