Unha Eurocopa case anónima

O verán regálanos sempre as mesmas noticias na prensa deportiva. Os rumores e as fichaxes son o produto estrela, seguidos de partidos intranscendentes para coller rodaxe de cara ó comezo da verdadeira competición. Por iso, nas últimas dúas semanas puidemos ler máis do mesmo nas cabeceiras da prensa deportiva, unidas a certa información sobre o Mundial de Natación de Barcelona por aquilo da proximidade xeográfica. Porén, poucos sabían que en Suecia se estaba disputando un Europeo de Fútbol onde España logrou chegar ata os cuartos de final. Quizais,  o problema é que se trataba dun europeo feminino.

O pasado mes de outubro, en plena actividade futbolística, a selección española feminina lograba clasificarse por segunda vez na súa historia para unha Eurocopa. As rapazas de Quereda tiveron unha durísima eliminatoria na repesca ante Escocia, que se resolveu cun gol da santiaguesa Vero Boquete nos últimos minutos do partido de volta. Dezaseis anos despois España regresaba a unha Eurocopa. O acontecemento foi cuberto en certa medida pola prensa, sen demasiados alardes, pero no seu favor tamén poderíamos dicir que nos atopábamos nun momento máis ou menos importante da tempada.

Alexia Putellas desputa un balón durante o España - Rusia  | ©Libertad Digital

Alexia Putellas desputa un balón durante o España – Rusia | ©Libertad Digital

Chegou xullo e, unha vez pasada a Copa Confederacións, pouca actividade futbolística quedaba para cubrir. Porén, o inicio da Eurocopa de Suecia e a traxectoria de España foi seguida de forma residual. Os partidos non se puideron seguir por ningunha televisión en aberto e internet era a única solución. Ademais, para informarse sobre o día a día do torneo, o máis lóxico era buscar outros medios alternativos especializados en fútbol feminino ante a falta de noticias na prensa deportiva (noticias secundarias como test as xogadoras non serven). O éxito da selección española superando a primeira fase cunha notable actuación foi relegado a un segundo plano e aínda máis a decepción coa derrota en cuartos de final ante a poderosa Noruega. Mentres tanto, era máis interesante especular coa posible fichaxe de Luís Enrique polo Barcelona ou co espléndido estado físico de Cristiano Ronaldo. Nin sequera os éxitos de Ona Carbonell eran os culpables de relegar ao fútbol feminino a un segundo plano, o cal sería moito máis entendible.

É difícil buscar solucións, pero o primeiro paso para tentalo debe ser recoñecer os problemas

O deporte debe replantexarse a súa realidade en España. É difícil buscar solucións, pero o primeiro paso para tentalo debe ser recoñecer os problemas. Cando a prensa deportiva lle dá maior importancia a un amistoso que a un Europeo, xa sexa de fútbol feminino ou de natación, é que as cousas non se están facendo ben. O fútbol masculino acapara todo, e cada vez o fai de forma máis concentrada nas figuras de Real Madrid e Barcelona. O resto de clubs teñen que conformarse coas sobras mentres tentan refacer os seus equipos como poden. Os deportes minoritarios, con moito máis esforzo sen recompensa detrás, xa non teñen que comer.

Aínda que nos atopemos ante unha situación moi difícil de cambiar, non debemos deixar de denunciar estas continuas inxustizas que se producen cos deportes minoritarios en España. O fútbol masculino cada día acapara máis e se non lle poñemos freo chegará un momento onde o profesionalismo no noso país, tendo en conta os numerosos casos de emigracións de deportistas cara o estranxeiro, quede reducido á nada. E por suposto que os éxitos se vexan reducidos a simplemente dous equipos dunha única disciplina nun panorama que sería canto menos desolador. Porén, parece que ese panorama é o único que interesa aos grandes medios.